
A segunda edición do encontro xeracional Mover os Marcos abrirase cunha conversa que amosará proxectos e ferramentas para vivir en galego, coa participación de Alberto Pombo, Noemí García e Carlos Callon. Falamos cos tres
É posible vivir en galego en Galicia con normalidade? De que recursos pode botar man unha persoa galegofalante para facelo? A segunda edición do encontro xeracional Mover os Marcos abrirase cunha mesa redonda que buscará responder a esta pregunta e que, sobre todo, presentará unha serie de proxectos e ferramentas que traballan nesa dirección, procurando facer máis doado ese propósito e buscando facer normal o que debería ser normal.
Mover os Marcos é unha iniciativa da Deputación da Coruña que por segundo ano consecutivo achegará entre o 1 e o 4 de outubro os debates culturais e sociais á mocidade compostelá en distintos formatos (conversas, concertos, presentacións...) e escenarios, dende a Facultade de Xornalismo á Igrexa da Universidade ou a Casa das Máquinas. E sempre coa máxima de que "pensar, debater e celebrar xuntos é o camiño para construír unha vida mellor".
A primeira desas conversas terá lugar o mércores 1 de outubro ás 18.30 horas no Auditorio da Facultade de Xornalismo da USC baixo o título de Proxectos para vivir en galego e coa participación de Alberto Pombo, un dos creadores da iniciativa Aquí tamén se fala; tamén de Noemí García, creadora do proxecto As chaves da lingua e autora do Dicionario Galego para boomers; e de Carlos Callón, autor de O libro negro da lingua galega.
É posible vivir en galego con normalidade? "Non, e o máis preocupante é que non se formule esa pregunta en voz alta, que vivamos nunha situación na que, en teoría, temos unha serie de dereitos lingüísticos que despois no día a día non se respectan", di Carlos Callón
É posible vivir en galego con normalidade? Carlos Callón teno claro: "non", sen matices, e apunta que "para min o máis preocupante é que non se formule esa pregunta en voz alta, que vivamos nunha situación na que, en teoría, temos unha serie de dereitos lingüísticos recoñecidos por diferentes normas, pero que despois no día a día non se respectan".
Uns obstáculos dos que tamén advirte Alberto Pombo, que di que "non me considero un superheroe por falar a lingua natural do meu pobo, mesmo vivindo nunha contorna urbana como é o centro da Coruña. Pero son plenamente consciente de todas as limitacións que fan que un pobo chegue a abandonar a súa lingua, algo que en ningún caso se produce por vontade propia". "Hai unha realidade dramática e sinto unha mágoa por ver unha perda diaria de falantes e o máis triste é que semella que non está a haber medidas para loitar contra isto dunha forma activa", engade.
"Hai opcións en galego, o problema é que hai que facer un esforzo maior por buscalos e atopalos e poder vivir así na nosa lingua", apunta Noemí García
Unha visión máis positiva presenta Noemí García, que di que "si é posible vivir en galego, pero hai que facer un esforzo para atopar recursos para consumir en galego", apuntando que "un dos problemas que temos é que hai moitos contidos que son completamente descoñecidos; hai opcións en galego, o problema é que hai que facer un esforzo maior por buscalos e atopalos e poder vivir así na nosa lingua". Con todo, advirte: "cando hai que facer un esforzo para buscar un xogo en galego para a Play ou unha serie en galego en Netflix, é máis doado que acabes xogando ou véndoa en castelán".
Tratar o galego dende a normalidade
Fronte ao pesimismo, acción. Fronte aos obstáculos, ferramentas e proxectos para superalos. Na conversa que abrirá Mover os Marcos, Alberto Pombo, Noemí García e Carlos Callón exporán iniciativas e propostas para avanzar nun camiño de verdadeira normalización para a lingua. Como, por exemplo, os que desenvolve Noemí García, profesora de Lingua Galega e Literatura que desenvolve As chaves da lingua, unha web de recursos que resolve dúbidas sobre o uso correcto do idioma. "A través dela vexo que moita xente está interesada en aprender curiosidades sobre a lingua e a mellorar o seu galego", destaca.
"Todos os meus proxectos son normalizadores, pero sempre tratando o galego dende unha situación normal", destaca Noemí García
Ou tamén Media Laranxa, unha páxina de receitas de cociña en galego que obtivo un dos premios Mil Primaveras en 2022. "Na pandemia deunos a todo por cociñar, pero as receitas virais naquel momento non estaban en galego. Así que dixen: 'aí hai un espazo' e animeime", explica. Noemí García destaca que "os creadores e creadoras de contido en galego teñen un espazo incrible, porque en moitos ámbitos non hai nada semellante feito". "Por exemplo, se cadra non hai creadores de contido que falen de facer pesas en galego. Se ti o fas, vas gañar rapidamente unha comunidade e xente que te atope. Moitas veces facer contidos en galegos ábreche portas, por iso creo que hai que lanzarse a crear", di.
"Todos os meus proxectos son normalizadores, pero sempre tratando o galego dende unha situación normal", explica Noemí García. Un bo exemplo é o Dicionario Galego para boomers que elaborou xunto ao seu alumnado e que recolle unha serie de neoloxismos en lingua galega, dende stanear a chetado/a ou termos con novos usos, como rotísimo/a.
"Fomos buscando as palabras que os adolescentes empregan no seu día a día, nas redes sociais, nos videoxogos... Hai que normalizar isto e non estar todo o tempo corrixindo a lingua dos adolescentes"
"Fomos buscando as palabras que os adolescentes empregan no seu día a día, nas redes sociais, nos videoxogos... É unha forma de darlle normalidade", explica. "Por exemplo, hoxe escoitamos aos streamers dicir 'bro', pero nós temos unha forma moi nosa que é 'meu' que se cadra moitos rapaces non coñecían", di. De igual xeito, apunta, "hai moitas palabras e expresións como streamer ou facer scroll que veñen da cultura anglosaxoa e que se introducen na nosa lingua como tamén en castelán ou francés. Hai que normalizar isto e non estar todo o tempo corrixindo a lingua dos adolescentes. Sempre pensamos que os adolescentes non saben nada, pero saben moito, así que os adultos tamén temos que aprender deles ás veces".
Noemí García conclúe que, ante todo, "quero dar unha perspectiva positiva". "Eu fun unha de tantas nenas deste país que na súa casa falaba galego pero que despois cos amigos e na escola pasaba a falar en castelán. Pero cheguei á universidade e ao ver que máis xente falaba en galego e animeime a volver falalo todo o tempo. E foi na Coruña, onde supostamente non se fala galego, pero foi alí onde me fixen galegofalante".
As claves, o ensino e o 'amor' pola lingua
Callón: "O que falta é que haxa unhas políticas públicas que acompañen esa pulsión social, unha pulsión social de amor pola lingua que está en persoas galegofalantes pero tamén en persoas castelanfalantes"
Carlos Callón fai fincapé en que "hai unha diferenza moi grande entre a porcentaxe de falantes que temos de galego e a presenza que ten o galego en calquera ámbito, que sempre é inferior". "Se, por exemplo, temos que o 15% da mocidade fala en galego, a realidade é que nin na radio, nin na televisión, nin en Internet o peso do galego chega a ese 15%. Nin no ensino, onde en Infantil ou na universidade a presenza do galego é mínima", alerta.
"Non hai ámbitos da vida social nos que o galego teña a presenza que ten na fala espontánea, na fala espontánea continúa a estar moi por riba", di, engadindo que "podemos preguntarnos que acontecería se tivésemos unha presenza mínima do galego e unha mínima garantía dos nosos dereitos neses ámbitos". "Porque o estraño non é que o galego perda falantes, o estraño é que aínda os manteña nese escenario. O lóxico sería que a perda de falantes fose moi superior do que é", conclúe.
E aí reside o seu optimismo: "hai que ter presente que, malia a todo, é posible recuperalo, que pasar do castelán ao galego non é un traballo hercúleo, pódese facer". "O que falta é que haxa unhas políticas públicas que acompañen esa pulsión social, unha pulsión social de amor pola lingua que está en persoas galegofalantes pero tamén en persoas castelanfalantes", destaca, apuntando que "hai persoas que falan en castelán que non teñen nada contra o galego, que gozan dos produtos culturais en galego e que aspiran a que a situación mude".
Para Callón, a clave está no ensino: "non hai ningunha lingua no planeta que se recuperase sen ter o ensino do seu lado"
"Non se trata de algo individual, senón de algo colectivo. Do mesmo xeito que ten que haber unha política sanitaria, unha política económica e unha política cultural, tamén ten que haber unha política lingüística", di e engade: "se houbese un acompañamento das institucións, a cousa podería mudar. Porque o galego continúa a ser lingua de amor, e iso é moi importante, o grave sería que non o fose".
Para Callón, a clave está no ensino. "Din que o ensino non é tan importante, pero non hai ningunha lingua no planeta que se recuperase sen ter o ensino do seu lado. Isto non significaría que automaticamente as persoas pasasen a usar o galego, pero si levaría a que menos persoas que teñen o galego como lingua a abandonen e levaría a que todo o mundo saia do ensino con formación nas dúas linguas oficiais", explica. Callón pide que estea "prohibido prohibir" e reclama "que deixe de estar prohibido impartir certas materias en galego, como Matemáticas", ou que deixe de impedirse o seu uso en moitas aulas de Infantil.
Construír espazos de prestixio para o galego entre a mocidade
A clave é que a lingua sexa vista pola mocidade "como un espazo de prestixio", salienta Pombo. "A lingua permítenos artellar un proxecto ilusionante no que os rapaces non están traballando coa gramática, senón que traballan dunha forma natural a través do galego en cousas que lles gustan, dende a música ao fútbol", di
A iniciativa Aquí tamén se fala, que comezou como unha experiencia para comprobar os prexuízos lingüísticos nun barrio da Coruña xa se converteu na meirande campaña de dinamización lingüística feita antes en Galicia -chegando a 250 centros- e na que o propio alumnado actúa como técnico de normalización. Alberto Pombo, un dos seus impulsores, explica que "nós sempre poñemos o foco na necesidade de construír espazos de prestixio", traballando "en pequeniño, dende abaixo e tentando que o que facemos teña un impacto real e que vaia máis aló do noso centro e da nosa cidade".
A clave, salienta, é que a lingua sexa vista pola mocidade "como un espazo de prestixio". "Se cadra para a miña xeración é moi evidente que o campo da política ou o campo da cultura se xogan en galego. Pero posiblemente isto non está tan claro para a mocidade", di. "A lingua permítenos artellar un proxecto xigante e ilusionante no que os rapaces non están traballando coa gramática, senón que traballan dunha forma moi natural a través do galego en cousas que lles gustan, dende a música ao fútbol. Eles ven a oportunidade que supón a lingua", apunta.
Con todo, Pombo destaca que iniciativas como as que impulsan dende o IES Rafael Dieste son "un parche, un remendo nun problema estrutural que esixe de políticas activas", por iso reivindica "unha serie de cambios e políticas activas". "Todo isto non debía ser unha responsabilidade dos e das docentes. Debería haber accións políticas que fixesen que o contido que os rapaces teñen nos móbiles está en galego ou que conseguise que o algoritmo de TikTok non te bote para fóra cando publicas algo en galego", di.

Alberto Pombo: "Todo isto non debía ser unha responsabilidade dos e das docentes. Debería haber accións políticas que fixesen que o contido que os rapaces teñen nos móbiles está en galego"
O IES Rafael Dieste ten unha particularidade, que comeza a ser común nunha gran parte dos centros de ensino galegos, especialmente nas zonas urbanas: ao redor de dous terzos do seu alumnado é de orixe inmigrante. E isto non supón un obstáculo para a iniciativa, todo o contrario. Alberto Pombo salienta que "os referentes, a bandeira da mocidade activista pola lingua teñen hoxe nomes como Mohammed, Oliefer, Elías ou Yusmeli".
"Teño moitas reunións coas familias migrantes (no noso centro proceden de 35 países distintos) e moitas persoas dinme: “fálalles castelán, que son de fóra”. Daquela o problema está en nós, que non lles permitimos unha plena integración", destaca Pombo, que conclúe: "o estereotipo nunca está neles. Non podemos escandalizarnos porque unha familia de fóra fale en español cando as familias de orixe galega tamén o fan".