Escolas de música tradicional, onde o galego reverdece á calor da pandeireta

Alumnado e profesorado na asociación cultural Donaire, na Coruña CC-BY-SA Praza Pública

Contra o mediodía dun mércores calquera, de entre o balbordo do tráfico e da actividade dun polígono industrial, agroma un canto e o son de varias pandeiretas. Nunha das naves, varias persoas asisten a clase. Unha ducia das máis de 1.200 que cada semana pasan pola asociación cultural Donaire para aprender tamén baile, pandeiro, gaita, percusión ou acordeón. 

Cantan, rin, aprenden e debaten, a poucos días da xornada grande das Letras, celebración dedicada este ano á poesía popular oral e ás cantareiras. Ás creacións que, conservadas, enriquecidas e transmitidas de xeración a xeración, ensaian agora elas —a maioría mulleres— nunha nave dun polígono industrial da Coruña, na Agrela. 

"É un soño cumprido, xa era hora! Abriuse unha fiestra de osíxeno cunha dedicatoria á raíz pero tamén á realidade", celebra unha das alumnas, xubilada e docente durante anos. A realidade de centos de asociacións de música e baile tradicional con milleiros de alumnos e alumnas por toda Galicia e con forte implantación nas áreas urbanas, onde a cultura, pero tamén a lingua, reverdecen nun contexto difícil, onde o galego retrocede máis que en ningures, como certifican os datos. Con naturalidade, pero sen épica. 

Actuación dun grupo da asociación Brincadeira en Santiago CC-BY-SA Brincadeira

"Non se poden concibir estas actividades desde o SOS, desde esa idea de salvar algo para que non se perda... Non é así! O enfoque é o de gozar coa cultura nosa, aprendendo, en grupo... Pero non somos Tereixa de Calcuta. Aquí vimos desfrutar e unha das consecuencias é o positivo que é para a lingua, pero o enfoque cara á rapazada debe ser o de pasalo ben porque iso garante moito máis o futuro", explica a mesma muller nun debate que axiña fai emerxer máis opinións. Nunha pausa coa pandeireta na man. 

"Non se poden concibir estas actividades desde o SOS, para salvar algo; o enfoque debe ser o de pasalo ben porque iso garante moito máis o futuro"

Como as de dúas mulleres máis novas que ven nestas aulas, e en tantas outras por todo o país, algúns dos "poucos espazos no ámbito urbano onde realmente o galego está naturalizado e onde é predominante". "Noutros tes que facer un esforzo cando o falas para mantelo porque o que te rodea é o castelán; aquí non sentes que tes que estar esforzándote porque existe per se, naturalmente", engade unha das asistentes á clase. 

"Son castelanfalante, pero neste ámbito non me sae falar en castelán e noutros cústame moito máis manter o galego; aquí fáloo sempre", di outra que advirte do "espazo de socialización" importante que para a lingua supoñen estas escolas. Sobre todo, continúa o debate, entre a xente nova e a cativada. 

"É certo", intervén Bea, unha das profesoras, que lembra que o galego é o idioma vehicular das clases. Nun lugar que busca ser "un espazo lúdico, onde non se impón nada" pero onde o uso da lingua propia é algo intrínseco á propia entidade e ás súas actividades. "Quen podería defender a cultura galega e as súas expresións artísticas sen usar o galego?", pregúntase Antonio Prado, profesor de Donaire. 

"Teño seis netos e a única coa que podo falar e cantar en galego é coa que vén ás clases"

"Falamos galego e sáenos de maneira natural e ese é obxectivo, que sexa así, sen pensalo", engade Bea, que recoñece os esforzos cos máis pequenos e pequenas ao haberen moitos "que na casa non teñen fontes de galego onde beber". Porque é a rapazada á que lle custa máis interactuar na lingua propia mentres entre os adultos "o raro é que haxa quen non o faga". 

A conversa vira nun debate sobre a maior ou menor importancia de que os máis pequenos, malia falar maioritariamente en castelán, interaccionen nun espazo onde o galego está totalmente normalizado. E aí intervén outra muller: "Teño seis netos e a única coa que podo cantar e falar en galego habitualmente é coa que vén aquí ás clases". "As outras saben moitas cancións, pero en inglés e castelán; estoutra ve o galego e cantar en galego como algo natural, pero as súas curmás non", aclara, para incidir na importancia de que, como mínimo, escoiten, perciban e naturalicen o idioma e teñan, no futuro, a posibilidade de optar por el. 

Integrantes de Xacarandaina bailan nunha praza da Coruña CC-BY-SA Xacarandaina

Ao debate espontáneo nunha clase engadimos outras voces. Como a de David Canto, mestre de música tradicional na parte instrumental en Brincadeira, unha das entidades máis importantes de Santiago, pero tamén noutras de Silleda, Arzúa, Lestedo ou Baio. "En teoría", aclara, o contacto que moita rapazada ten co galego nas súas clases é "positivo" porque, en moitos casos, especialmente nas cidades, "trátase de xente que ten cero relación coa lingua galega". "Pero non é suficiente nin podo dicir que teña éxito", engade. 

"O contacto co galego nas clases de música tradicional é positivo, mellor que nada, pero non é suficiente"

"Claro que é mellor que nada, pero nalgún caso son coidados paliativos, o mínimo, case como a clase de galego que teñen no colexio; a diferenza é que no caso da escola mesmo pode xerar rexeitamento polo que ten de obriga ou de autoridade, mentres nas nosas clases é algo lúdico, socializar en galego con naturalidade", achega Canto, que é moi pesimista respecto da situación do idioma nas cidades. 

Tamén Diego Docabo, director xeral e do grupo de pandeireteiras e pandeireteiros da asociación cultural Traspés, unha das máis relevantes de Vigo, con 200 alumnos e alumnas e medio cento de persoas máis no grupo titular de artistas. "O galego nesta cidade non está para nada reforzado, é un caso perdido", explica desde unha entidade coa lingua galega como vehicular pero onde, aclara, "só un dos pequenos que asiste ás clases a fala". 

"Pasa mesmo coas persoas adultas; hai poucas que falen galego ou que nos contesten en galego cando lles falamos", insiste Docabo, que si defende que ámbitos como os das súas clases son "máis amables" para a lingua que a maioría, pero que insiste en que Vigo é "unha cidade moi difícil para o galego".  

Xacarandaina, na Coruña, é unha das asociacións máis importantes de Galicia, con case 45 anos de vida, arredor de 1.400 persoas asociadas e preto dun milleiro de alumnos e alumnas que acoden ás súas clases semanalmente. O uso do galego nas aulas está recollido nos seus estatutos e esa é a lingua que se emprega en todas as comunicacións. 

"Á marxe das clases, o idioma é algo que se prima na asociación", di Martín Río, xerente, que aclara que o galego é a lingua maioritaria das persoas adultas e a minoritaria na xente nova. Con todo, si cre na importancia de que en Xacarandaina a relación da rapazada co galego sexa habitual e normal. 

Actuación dun grupo da asociación Donaire na Coruña CC-BY-SA Ardelloeixo - Foliadas da Coruña

"Canto máis o escoiten máis facilidade terán de responder e falar en galego aínda que non o fagan acotío; seguro que este espazo é no que os pequenos e pequenas senten o galego con máis naturalidade, onde máis socializan con el", engade quen sinala outro aspecto que cre clave: "As coplas que aprenden e lles explicas son en galego e ninguén se estraña nin ten problema ningún aínda que non sexa a súa lingua habitual". 

"Seguro que este é o espazo no que a rapazada sente o galego con máis naturalidade; canto máis o escoiten, máis facilidade para falalo aínda que non o fagan acotío"

Pero máis aló da lingua, no que si coinciden todas as voces é no auxe que a música e o baile tradicional ten entre a xente nova. Sobre todo desde hai uns poucos anos para aquí e, especialmente, nas cidades. 

"Nas foliadas vese moita xente nova, rapaces e rapazas que van convivir en espazos que noutra época, algo que hai 15 ou 20 anos nada máis, era impensable", apunta unha muller no debate aberto en Donaire. "Hai unha recuperación porque moitas veces isto asociábase a unha obriga, a unha clase, pero agora non... Ocúpanse espazos públicos, no exterior, a través dunha cousa lúdica", insiste. 

"Se ves aquelas reportaxes dos anos 80 sobre as pandeireteiras, o común era dicir que á xente nova non lles gustaban e todos coincidían en que era algo que se ía perder seguro", apunta outra, que cre que iso mudou: pasou de ser considerado algo "de vellas" a ser algo atraente e mesmo moderno para as novas xeracións. 

Niso, cren outras alumnas, tivo moito que ver o cambio en moitas entidades culturais. "Antes era todo máis estrito, desa vella escola onde se esixía moito, pero aquí vimos pasalo ben e ninguén te rifa", engaden nun debate no que se considera que é, precisamente nos ámbitos urbanos, onde "máis repuntan" estas escolas de baile e música tradicional. "Creo que máis que nas vilas", puntualiza outra muller. 

"As asociacións teñen que renovarse, tirar menos do escenario e máis do social, do que a xente quere; o obxectivo principal é que a xente aprenda a bailar e vaia de foliada, non gañar un concurso. Moitas asociacións morren porque non se fai esta renovación", intervén Bea, unha das profesoras. 

O éxito de grupos como as Tanxugueiras, Fillas de Cassandra ou Mondra, unido a que o Días das Letras se dedique á poesía popular e ás cantareiras, son impulsos para a música e o baile tradicional, segundo coinciden todos. Pero con matices. 

Actuación dun grupo da asociación Brincadeira CC-BY-SA Brincadeira

Unha celebración "viva e entusiasta"

"Este ano tivemos moitas máis peticións do normal para ir a actuar a colexios, institutos, centros cívicos e mesmo empresas privadas... Claro que se nota o das Letras, que é un tema de xustiza histórica e de orgullo, de dar valor ás mulleres que transmitiron, conservaron e crearon esta cultura e poesía oral", di Martín Río, desde Xacarandaina. Con todo, na asociación, aclara, o auxe de novos grupos que fusionan tradición e modernidade notouse no interese e nalgún novo asociado, pero as aulas" estaban e seguen cheas, como desde hai anos". 

Desde Traspés, Docabo si recoñece unha "repunta" de alumnado desde o boom das Tanxugueiras, mentres que Canto, desde Santiago, resalta a importancia de que o Día das Letras aposte por unha celebración "especialmente viva e entusiasta, non como as doutros anos"

"Sempre houbo críticas a que as Letras homenaxeasen autores mortos e non chegasen á xente nova; durante ben tempo, á música tradicional tamén a criticaban por ser algo fosilizado, morto, pero estase vendo que é ao contrario, que está moi viva", di. 

"Á música tradicional tamén a criticaban por ser algo fosilizado, morto, pero vese que é ao contrario, que está moi viva"

En boa parte, engaden varias voces, polo pulo que todas estas asociacións culturais e que difunden e aprenden o baile e o canto teñen en toda Galicia, tamén e con especial forza nas cidades. 

"Ás veces a xente non se decata do que se move neste mundo da música tradicional, con milleiros de persoas aprendendo e moitos dos que antes foron alumnos e alumnas dando clases nun lote de colexios", explica Río, desde Xacarandaina, que aclara que "se as aulas seguen cheas e hai interese é por algo". 

O do idioma, coinciden todos, vai intrínseco. "É unha consecuencia e moi positiva", insisten. O resto, aclara outra alumna pandeireteira, é aprender cada día "da cultura popular". "Coas cantigas eu aprendín moito nestes anos: de sabedoría, de retranca, da forma de ver o mundo e da vida. Fannos rir, sentir e reflexionar; é unha parte folclórica, pero tamén é riqueza", conclúe. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.