A Academia celebra en Malpica un Día das Letras que "celebra o pasado e mira ao futuro": "O tradicional é moderno", proclama a institución, que reclama unha "reformulación a fondo da política lingüística"
"As Letras deste ano celebran o pasado e miran para o futuro. O tradicional é moderno". Ana Boullón, impulsora da candidatura da poesía popular oral para o Día das Letras Galegas de 2025, resumiu deste xeito o espírito da celebración no acto central da Real Academia Galega deste 17 de maio, un plenario extraordinario en Malpica que, como a propia homenaxe, celebra unha tradición da que "non se procura unha difusión meramente arqueolóxica", senón "a súa apertura aos novos tempos".
"Porque aínda que poida semellar paradoxal, esta celebración está dedicada á xente nova", resaltou Boullón, encargada canda Antón Santamarina e Xesús Alonso Montero das intervencións académicas nun plenario que foi tamén escenario do primeiro discurso público do novo presidente da institución. Henrique Monteagudo recolleu ese argumento para ligar directamente as figuras homenaxeadas e a necesaria "reformulación a fondo da política lingüística".

As cantareiras, coida Monteagudo, ben poden exercer como "exemplo luminoso" para o "novo impulso para o galego" que "poña a infancia e a mocidade no centro". Elas, evoca, "fixeron foliada co idioma a través do séculos" e ese exemplo "é seguido por moitas mozas" que "proxectan a nosa tradición cara ao futuro" e que estiveron representadas no plenario polas Tanxugueiras, que cantaron no inicio do acto e deron as "grazas ás señoras que nos ensinaron todo o que sabemos. Temos unha lingua propia que defender. E nós así o faremos sempre levando as cantareiras, Galicia, o noso idioma connosco".
"Precisamos mensaxes de entusiasmo acompañadas de compromisos tanxibles", "precisamos saír de vez do bucle interminable das polémicas estériles, resalta o presidente da RAG. Do que se trata ao cabo, resalta, é de poder "vivir tranquila e plenamente" en galego, "con alegría e sen limitacións"
"As expectativas sobre a política lingüística esmorecen", lamenta o presidente da RAG. Pero fano mentres "o idioma segue abrollando nas innúmeras iniciativas sociais, especialmente na xente moza, para promovelo, defendelo e difundilo en escolas, pantallas e escenarios, nas rúas e nos medios de comunicación, nos comercios e nas oficinas, nas redes e nos estadios deportivos".
Velaí, coida, mostras do camiño que cómpre seguir "para desatarmos os nós que atrapallan o galego". "Precisamos mensaxes de entusiasmo" que veñan "acompañadas de compromisos tanxibles". "Sóbrannos retóricas ocas", agrega, igual que "precisamos saír de vez do bucle interminable das polémicas estériles, alleas ao alento dunha cidadanía que aspira a ver o noso idioma convertido nunha lingua normal".
Porque ao cabo, advirte Monteagudo, do que se trata é de poder "vivir tranquila e plenamente" en galego, "con alegría e sen limitacións". "Para pular por isto, a Real Academia Galega mantén sempre abertos os seus brazos á colaboración, porque isto é tarea da cidadanía toda e de todas as institucións, co Goberno galego á fronte", resalta para pedir "unión, alén dos intereses de parte", se ben coida que "por desgraza, os discursos dos líderes políticos" no último ano "non aboan a esperanza" de chegar a un pacto. "A pesar disto, a nosa ilusión non se extingue".
Antón Santamarina: "Non podemos disociar a sorte da nosa lírica popular da sorte da lingua"
O inevitable contexto político en torno á saúde do idioma acompañou no plenario da RAG en Bergantiños a homenaxe ás sete cantareiras que personifican a celebración: Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda; Eva Castiñeira, de Muxía e emigrada á Coruña; e mais Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, Manuela Lema Villar e Teresa García Prieto, integrantes das Pandeireteiras de Mens canda Teresa Lema Varela e Adela Rei Torrado, que non integran formalmente a homenaxe por faleceren hai menos de dez anos. Elas poñen rostro a "un ano de celebración en todas as vilas onde houbo e hai cantadoras, onde se celebran foliadas e onde se cantan coplas e regueifas", sintetiza Boullón.
Neste contexto, Alonso Montero puxo o foco na necesidade de subliñar a relevancia artística desas coplas. "Só as vinte e unha cántigas populares de Cantares gallegos poñen en evidencia o desacerto dos negacionistas da poeticidade dos textos do chamado cancioneiro popular de tradición oral", resaltou.
Esas coplas chegaron aos nosos días grazas ao labor de estudos como Santamarina, coautor canda Dorothé Schubarth do Cancioneiro Popular Galego. Ao seu xuízo, "non podemos disociar a sorte da nosa lírica popular da sorte da lingua" e niso, agrega, "é necesaria a achega de todos, no só a das cantareiras". "Fai falta o compromiso da xente para superar dunha vez a enfermedad de nuestro carácter que nos lleva a abandonar todo lo nuestro, que dicía Cuevillas, e falta sobre todo o compromiso dos responsables de facer unha planificación lingüística que trate con decisión de deter e inverter esta deriva", advertiu na súa intervención.
Icía Varela e Xaquín Rama foron os encargados de pechar o acto interpretando o himno galego.