'Se canto é porque quero', a serie da RAG celebra as cantareiras das recollas históricas ás redes sociais

Recollida con veciñas de Bembibre, no primeiro episodio de 'Se canto é porque quero' © RAG

En tres episodios, o documental busca "resaltar a forza viva da tradición dun pobo que segue a cantar porque quere"

Se canto é porque quero. Unha copla tradicional dá título á serie documental coa que a Real Academia Galega leva ao audiovisual a homenaxe ás cantareiras que centra o Día das Letras deste 2025 como mostra da súa intención: "Resaltar a forza viva da tradición dun pobo que segue a cantar porque quere", subliña o presidente da institución, Henrique Monteagudo.

O traballo, realizado por Miramemira con Damián Varela e Alba López á fronte da dirección, está composto por tres capítulos. Cada un deles parte dunha das personalidades coas que a RAG personifica a homenaxe: Rosa e Adolfina Casás Rama, de Cerceda; as Pandeireteiras de Mens, de Malpica; e Eva Castiñeira, de Muxía. E, a partir delas, incide "no carácter coral" da celebración.

Se canto é porque quero | 1. Rosa e Adolfina. As recollidas onte e hoxe © RAG

"A natureza colectiva desta festa é outro dos seus esteos", evidencia a secretaria da Academia, Ana Boullón, promotora da candidatura. Por iso esta produción pretende poñer o foco tamén en "animar a que cada vila, cada aldea, lembre este 17 de maio as súas propias cantadoras, e que lles dea igualmente voz aos netos e netas que fan seu con orgullo este legado, como reflicte tamén a serie".

"Quixemos amosar como son as recollidas, a súa evolución e a dos espazos de aprendizaxe, e puxemos o foco na música do presente"

Porque a conexión entre as recollas históricas e a actualidade está, precisamente, na cerna destes episodios. Pretende, sinala Damián Varela, ser unha caste de manual audiovisual que "achega as chaves para acceder ao coñecemento e á realidade da nosa tradición oral, honrando as mulleres que a crearon e transmitiron xeración tras xeración, pero tamén as persoas que se propuxeron recoller as nosas letras". "Quixemos -agrega Alba López- amosar como son as recollidas, a súa evolución e a dos espazos de aprendizaxe, e puxemos o foco na música do presente".

Con esta formulación de fondo, o relato de Se canto é porque quero bota a andar na Vila da Igrexa, en Cerceda.Rememora así o encontro entre  Dorothé Schubarth e Rosa e Adolfina Casás Rama durante os traballos do Cancioneiro Popular Galego, que Schubart editou canda o tamén académico Antón Santamarina, presente tamén na presentación deste mércores. 

Se canto é porque quero | Capítulo 2. As pandeireteiras de Mens. Da aldea á cidade © RAG

Esas recollas e "o labor xeneroso de moitas outras persoas que percorreron o país, de rueiro en rueiro, rexistrando a memoria de milleiros de versos" centran o primeiro episodio con voces como a de Mercedes Peón. No mesmo capítulo ese labor vai da man do presente con Ales Míguez, Miguel Lesta e Leticia López Rey, mozos que "divulgan nas redes sociais o rico herdo da tradición dándolle un novo xeito". Na montaxe rexistran unha recollida con Nieves Bello, Servia e María Rodríguez Bello e mais Manola e Carmen Fernández Rodríguez, veciñas de Bembibre.

O papel das asociacións e agrupacións para recuperar e espallar cantos e bailes, aprendizaxes das maiores que derivan no ensino da tradición en ambientes urbanos ou grupos musicais actuais teñen tamén o seu papel nun documental que amosa como a poesía popular segue a crearse. Así o acreditan, por exemplo, Caamaño&Ameixeiras e mais Mondra no terceiro episodio, no que asistimos a un encontro con alumnado CEIP Os Muíños (Muxía) "para lle aprender a crear novas coplas e músicas partindo da tradición".

Se canto é porque quero | 3. Eva Castiñeira. A necesidade de perdurar © RAG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.