'Cantareiras', un patrimonio vivo digno do Museo do Pobo

Presentación da exposición 'Cantareiras' e cartel da Mostra © Museo do Pobo Galego

O Museo do Pobo Galego combina os seus arquivos cos de Alan Lomax e o CSIC e unha trintena de persoas vencelladas na actualidade á música tradicional nunha mostra para "celebrar, difundir e dignificar este valiosísimo legado patrimonial" 

Un dos múltiples trazos que fai especial o Día das Letras Galegas deste 2025 é que non é posible afirmar, en sentido estrito, que a homenaxe poña o foco unicamente en persoas falecidas hai máis dunha década e a súa obra. A propia Real Academia Galega vén evidenciando que, se ben personifica a elección en seis mulleres (Adolfina e Rosa Casás Rama, Eva Castiñeira, Prudencia e Asunción Garrido Ameijende e Manuela Lema Villar), a celebración vai alén delas, chega a todas as cantareiras e á poesía popular que, de seu, é un patrimonio vivo.

A viveza dese patrimonio e do inxente labor das súas creadoras e transmisoras está na cerna de Cantareiras. Oralidade, creación, transmisión, a exposición producida polo Museo do Pobo Galego que abre as súas portas este 11 de abril ata finais do vindeiro setembro. As súas impulsoras procuraron "un traballo de musealización dun patrimonio vivo que, como tal, precisa seguir sendo investigado", resume Isabel Vigo, técnica do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do Museo.

Isabel Vigo, Carme Campo e Concha Losada, na presentación da exposición 'Cantareiras' © Museo do Pobo Galego

O claustro alto do complexo de San Domingos de Bonaval acolle unha mostra que recompila materiais sonoros catalogados e dixitalizados polo APOI, tamén arquivos gráficos e documentais tanto do propio Museo do Pobo como cedidos para a ocasión. Trátase, explica a presidenta do padroado da institución, Concha Losada, de "celebrar, difundir e dignificar este valiosísimo legado patrimonial", pero tamén de "visibilizar o papel non só das cantareiras homenaxeadas especificamente senón tamén de todas aquelas outras persoas, mulleres na súa meirande parte, cuxos nomes non transcenderon malia seren garantes da supervivencia dese legado".

A exposición combina documentos sonoros e gráficos e inclúe a produción dunha peza documenta e unha ampla programación paralela

A produción desta exposición, detalla Isabel Vigo, comezou nos cancioneiros que custodia o Museo, "baleirando todos os nomes de informantes e recompiladoras nomeadas neses arquivos". Unha ollada "con perspectiva de xénero" a esa documentación "constata o determinante papel das mulleres na creación, preservación e difusión dese saber inmaterial". Así o salientou xa no século XVIII o Padre Sarmiento, subliña.

Os arquivos de Alan Lomax e os das Misións Folclóricas do CSIC nas décadas de 1950 e 1960 súmanse ao propio arquivo do Museo e todo isto, a unha trintena de entrevistas con "persoas vinculadas coa música de tradición oral galega". As mesmas que, ademais do seu coñecemento, achegan ao proxecto gravacións de audio e vídeo e mais fotografías e colaboracións para unha peza audiovisual documental elaborada especificamente para a exposición.

Dorothé Schubarth gravando a Asunción, veciña de Viveiro, para o Cancioneiro popular galego © Schubarth-Santamarina. Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do Museo do Pobo Galego

Cantareiras. Oralidade, creación, transmisión bota a andar este vindeiro venres, 11 de abril, cun acto de inauguración (19:00) no que a música a porán Rosario e Carme das Marías, nai e filla, cantareiras de raíz e integrantes das pandeireteiras Raigañas. A mostra terá, asemade, un amplo programa de actividades paralelas "para poñer en valor o papel das portadoras e transmisoras da música popular". A seguinte cita é o día 26 de abril, coa décimo terceira xornada do ciclo A voltas co baile,; baixo o título Cantar para bailar, varias mestras cantareiras de Toutón (Mondariz), Ons (Bueu) e Transmonte (Ames) respectivamente, compartirán as súas experiencias.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.