A RAG desenvolverá ao longo das Letras Galegas 2025 iniciativas concibidas para públicos de distintas idades que combinarán a divulgación na rede con actos públicos
Setenta e dous anos despois do inicio da celebración do Día das Letras Galegas, a Real Academia Galega homenaxea as mulleres que crearon e transmitiron a literatura popular oral, aquelas que influenciaron fondamente os Cantares gallegos de Rosalía de Castro, publicados un 17 de maio de 1863.
Este 17 de maio elas serán as protagonistas da gran festa da cultura galega que inaugurara Rosalía, unha ocasión especial para reivindicar tamén, como fixera a escritora no seu tempo, a lingua do país e as novas formas que reinterpretan a tradición e a manteñen viva. A RAG desenvolverá ao longo das Letras Galegas 2025 iniciativas concibidas para públicos de distintas idades que combinarán a divulgación na rede con actos presenciais nos lugares centrais da celebración.
A Academia personifica a homenaxe ás cantareiras en Adolfina e Rosa Casás, de Cerceda; Eva Castiñeira, de Muxía; e Manuela Lema, Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda e mais Teresa García Prieto, as catro integrantes das Pandeireteiras de Mens (Malpica de Bergantiños) que faleceron hai máis de dez anos.
A RAG personifica a homenaxe ás cantareiras en Adolfina e Rosa Casás, de Cerceda; Eva Castiñeira, de Muxía; e Manuela Lema, Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda e Teresa García Prieto, das Pandeireteiras de Mens
A celebración das Letras recoñecerá tamén a contribución das dúas integrantes do grupo falecidas máis recentemente, Adela Rey Torrado e Teresa Lema Varela, así como de milleiros de mulleres que en cada aldea tiveron un papel destacado na creación e transmisión dun riquísimo patrimonio de tradición centenaria, segundo salientou Ana Boullón, promotora da candidatura, durante a presentación da programación para este ano.
A RAG presentará o 10 de marzo, da man da comunidade escolar de Cerceda, o proxecto infantil Primavera das Letras, que conta desta volta coa escritora Paula Carballeira e a ilustradora Nuria Díaz. A rapazada tamén terá un papel protagonista na serie documental Se canto é porque quero, dirixida por Damián Varela e Alba López Álvarez, que se poderá ver no sitio web da Academia e que contará coa colaboración de rapazada de Muxía, que ademais cara a finais de ano acollerá actividades académicas arredor das Letras.
O pleno extraordinario da Academia que se celebra o 17 de maio terá lugar en Malpica de Bergantiños, concello natal das Pandeireteiras de Mens. Antón Santamarina e Xesús Alonso Montero pronunciarán as alocucións académicas dun acto aberto ao público e que poderá seguirse en directo dende a páxina web da RAG.
"Concibimos as Letras Galegas das cantareiras como o recoñecemento ao propio pobo galego que durante séculos mantivo viva a nosa lingua, e en particular ás persoas que crearon de forma anónima a poesía popular. E estas foron fundamentalmente as mulleres, como xa sinalaba no século XVIII o padre Sarmiento, pioneiro das recollidas", destacou o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes.
"Dicía Castelao que a tradición é a alma de Galicia, que vive no instinto popular e nas entrañas do noso chan. Recoñecemos as protagonistas das Letras como parte dela, como parte de nós", asegura Ana Boullón
"Queremos salientar a forza viva da tradición. Dicía Castelao que a tradición é a alma de Galicia, que vive no instinto popular e nas entrañas do noso chan. Recoñecemos as protagonistas das Letras como parte dela, como parte de nós. A mocidade que tomou o seu relevo, reinterpretando as súas músicas e as súas letras está a mostrar o camiño. Será un este un ano de celebración en todas as vilas onde houbo cantadoras, onde se celebraron foliadas e onde se cantan regueifas", asegurou Ana Boullón.
As novas xeracións de músicos do país participarán na serie Se canto é porque quero, unha proposta de tres episodios: o primeiro arredor de Rosa e Adolfina Casás, outro dedicado ás Pandeireteiras de Mens e o último a Eva Castiñeira. "Aínda que cada capítulo leva un nome e un apelido, non esquecemos que esta é unha homenaxe coral. O noso obxectivo é abordar cuestións máis xerais vinculadas ás cantareiras e á nosa tradición oral", explicaron os codirectores Damián Varela e Alba López González.
A serie documental conta coas achegas de Mercedes Peón, Richi Casás, Mondra, Caamaño & Ameixeiras, as rapazas de Regueifa Tour, Felisa Segade de Leilía, Carme e Uxía da Pontragha, a cantadora e tocadora Jara Ortiz, Isabel García Quintela e Manel Fernández Pensado da Agrupación Folclórica Aturuxo, entre outros.

Para a académica Fina Casalderrey, coordinadora de Primavera das Letras, a conmemoración é tamén unha oportunidade especial para achegar a rapazada máis nova ao galego da man do bo facer do profesorado, e da imprescindible implicación familias. "Animamos todos os mestres e mestras do país a darlles a coñecer aos nenos e nenas o tesouro que é o noso cancioneiro popular. Gustaríanos tamén que lles aprendan como crear as súas propias cantigas e as súas regueifas para expresaren, como se fixo tradicionalmente, a alegría de vivir, a gana de festa, o amor e o humor, a crítica social. As novas xeracións terán unha ocasión especial para gozaren da lingua e facela súa, para empregala decote e para se animaren a crear con ela calquera mensaxe baseada nesa combinación sempre máxica de música e poesía", afirma.
"As novas xeracións terán unha ocasión especial para gozaren da lingua e facela súa, para empregala decote e para se animaren a crear con ela calquera mensaxe baseada nesa combinación sempre máxica de música e poesía", di Fina Casalderrey
Seguindo a liña iniciada no ano 2022 con Ledicia Costas e Blanca Millán, o proxecto Primavera das Letras da RAG para o público infantil volverá ofrecer este 2025 unha historia, desta volta a autora do texto é Paula Carballeira e as ilustracións asínaas Nuria Díaz. Carballeira, gañadora do Premio Nacional de Literatura Dramática 2023, escribiu para a ocasión As ferreñas, unha peza teatral que combina música, poesía e radio, entre outros elementos, pensada tanto para a lectura individual e colectiva como para a representación dentro e fóra da escola.
A súa primeira representación, ao cargo de nenos e nenas de Cerceda, terá lugar o 10 de marzo no CEIP Celso Emilio Ferreiro, que acollerá a inauguración da nova edición desta iniciativa. A partir de entón a obra poderase descargar en primaveradasletras.gal, que acubillará tamén actividades interactivas relacionadas co cancioneiro popular galego, as cantareiras e o universo da poesía popular oral.