Cantareira: a palabra do ano anticipa un 2025 de honra ás mulleres que "arrequeceron o cancioneiro e o idioma"

Adolfina e Rosa Casás na Vila da Igrexa (Cerceda) retratadas por Dorothé Schubarth © Fondo Schubarth-Santamarina. Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do Museo do Pobo Galego

 O resultado da votación organizada polo Portal das Palabras "soa a poesía e a música, a gana de compartir bos momentos, a voz feminina e colectiva"

Tras o controvertido cibercarracho de 2023, o 2024 despídese coa elección de cantareira como Palabra do Ano. Cun 25% dos votos, este foi o termo gañador no certame que organiza dende hai unha década a Real Academia Galega en colaboración coa Fundación Barrié a través do Portal das Palabras, o proxecto conxunto de ambas entidades para divulgar a lingua e modernizar a lexicografía.

Con dous puntos por riba de meu/miña e un chisco máis por diante de fala, aparvar(se), dina e emerxencia climática, a elección anticipa un 2025 que virá inzado de honras para "a muller que canta cantigas populares", segundo a definición da RAG. Non en van, as cantareiras e a poesía popular oral pola que velaron son as protagonistas do Día das Letras Galegas do ano que está a piques de principiar.

Adolfina Casás Rama fotografada pola musicóloga suíza Dorothé Schubarth na Vila da Igrexa (Cerceda), na imaxe para divulgar a Palabra do Ano 2024 © RAG / Portal das Palabras

A palabra do ano 2024, destacan dende o Portal das Palabras, "soa a poesía e a música, a gana de compartir bos momentos, a voz feminina e colectiva" e tamén "a lingua propia". E a votación vira así en "chamada colectiva a ollar con ilusión cara ao futuro" próximo, cara aos doce meses nos que "Galicia enteira ha render homenaxe ás mulleres que ao longo dos séculos mantiveron vivo, transmitiron e arrequeceron o cancioneiro popular e o idioma do país".

A RAG subliña a "enorme repercusión social, seguramente sen precedentes" que tivo a elección das cantareiras e a poesía popular pola que velaron como figuras homenaxeadas no vindeiro Día das Letras

Neste sentido, a institución académica valora que xa a propia decisión de dedicar o Día das Letras ás cantareiras acadou "unha enorme repercusión social, seguramente sen precedentes" cara ao seguinte 17 de maio. "Amosa o recoñecemento da súa contribución á creación e á conservación dun tesouro patrimonial colectivo no que poesía e música son dúas partes indisolubles".

Todo isto sucede nun contexto, afondan, no que a homenaxe olla ao pasado pero tamén ao presente e ao futuro. "Tamen apela ás novas xeracións de intérpretes, creadoras e creadores que beben deste herdo dun pobo que segue a cantar en galego e que atopa nesta forma de expresión unha maneira contemporánea e vivificadora de proxectar no mundo toda a súa creatividade e potencial cultural". E sempre co idioma como cerna, subliñan

As Tanxugueiras, tocando a pandeireta nunha celebración do Día da Lingua Materna CC-BY-SA Xunta

Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda; Eva Castiñeira, de Muxía; Prudencia e Asunción Garrido Ameicende e mais Manuela Lema Villar -compoñentes das Pandereteiras de Mens (Malpica)- personifican a homenaxe ás cantareiras do Día das Letras. Unha honra que tamén vai para a musicóloga Dorothé Schubarth e o académico Antón Santamarina, que nos anos 80 do século pasado elaboraron o Cancioneiro popular galego a través das achegas de 600 informantes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.