Cibercarracho, palabra do ano 2023

Cibercarracho, palabra do ano 2023 © RAG

A palabra do ano 2023 en galego é cibercarracho/a, un neoloxismo que tira do humor para alertar dos riscos da ciberdelicuencia e que resultou o termo máis votado na elección popular promovida polo Portal das Palabras

A palabra do ano 2023 en galego é cibercarracho/a, un neoloxismo que tira do humor para alertar dos riscos da ciberdelicuencia e que resultou o termo máis votado na elección popular promovida polo Portal das Palabras da Real Academia Galega e a Fundación Barrié, con máis do 40% dos apoios. A segunda voz máis popular foi feitiño, -a, con algo máis do 30 % dos votos, seguida de biodiversidade, dereitos humanos, educación emocional e cooficialidade, as outras candidatas que foran escollidas como finalistas hai unhas semanas.

O lema ciberdelicuente figura dende hai un tempo no Dicionario en liña da Real Academia Galega para designar a persoa que comete un acto delituoso por medio das tecnoloxías da información e da comunicación, pero a inventiva para sensibilizar sobre o problema dos ciberataques e outros delitos informáticos creou nos últimos meses un neoloxismo de rexistro coloquial que tira do humor para gañar eficacia neste desafío: cibercarracho, -a

Candidatas a Palabra do Ano 2023 © RAG

A segunda voz máis popular foi feitiño, -a, con algo máis do 30 % dos votos, seguida de biodiversidade, dereitos humanos, educación emocional e cooficialidade

Cibercarracho, -a fórmase partindo do prefixo ciber-, resultante do acurtamento de cibernético, e o substantivo carracho, que nomea un arácnido da orde dos ácaros do que existen varias especies e que se alimenta do sangue de mamíferos e aves, tamén denominado carracha, carraza, carrapato ou carrapata.

Cibercarracho, -a é a décima Palabra do Ano en galego escollida na votación popular promovida polo Portal das Palabras. Nas edicións anteriores fórono comadre (2022), tanxugueiras (2021),  nós (2020), sentidiño (2019) deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016) —coincidindo co centenario das Irmandades da Fala—, refuxiado, -a (2015) e corrupción (2014).

A Real Academia Galega e a Fundación Barrié lanzaron neste 2023 a aplicación Ximnasio Léxico, que ofrece unha serie de xogos baseados no Dicionario da RAG, descargable de balde para dispositivos Android e iOs. As persoas xogadoras poden elixir simplemente adestrar, o que permite escoller o tipo de xogo que interese máis en cada momento, ou ben competir.

A Real Academia Galega e a Fundación Barrié lanzaron neste 2023 a aplicación Ximnasio Léxico, que ofrece unha serie de xogos baseados no Dicionario da RAG, descargable de balde

O circuíto proposto consta de seis xogos. Tres deles, os chamados aparellos, Bule, Rube e Une, constitúen o corazón da aplicación e constrúense a partir das voces recollidas no dicionario en liña da Real Academia Galega. O primeiro, Bule, ofrece a definición dunha palabra e tantos recadros como letras ten para ir completándoa co teclado, Rube consiste en adiviñar a palabra agochada, da que só se ofrece o número de letras, e Une funciona emparellando a palabra da columna esquerda co seu sinónimo, disposto á dereita entre outros vocábulos.

Os outros tres, as Vitaminas, emerxen cando a persoa xogadora acada un determinado número de puntos en cada nivel. Na primeira débese atopar, agochada entre outras letras, a palabra que completa o título dunha obra das letras galegas. A segunda esixe completar uns versos ou un dito popular coa voz que falta e a terceira propón acertar, entre un grupo de lemas, cal é o vocábulo que non pertence a un determinado grupo semántico.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.