A partir deste xoves e ata as 23:59 horas do luns 25 de decembro, todo o público poderá votar pola súa opción favorita
Real Academia Galega e a Fundación Barrié veñen de facer públicas as seis voces finalistas do proceso de escolla da Palabra do Ano 2023, que se realiza a través do Portal das Palabras. Trátase de Biodiversidade, cibercarracho-a, cooficialidade, dereitos humanos, educación emocional e feitiño-a. A partir deste xoves e ata as 23:59 horas do luns 25 de decembro, todo o público poderá votar pola súa opción favorita.
As seis candidatas foron suxeridas nas últimas semanas por persoas que enviaron as súas propostas e, finalmente, decidiuse que debían ser as candidatas definitivas. Varias delas están relacionadas con algúns dos temas do momento, asuntos que están de máxima actualidade e no debate público.
As seis candidatas foron suxeridas nas últimas semanas por persoas que enviaron as súas propostas e, finalmente, decidiuse que debían ser as candidatas definitivas. Varias delas están relacionadas con algúns dos temas do momento, asuntos que están de máxima actualidade e no debate público
É o caso de biodiversidade, substantivo que se refire á diversidade de especies vexetais e animais dun ecosistema. O termo evoca nos últimos tempos dende as mobilizacións en Galicia contra grandes parques eólicos que poden ameazar o medio natural e social local ata o gran desafío mundial que supón o cambio climático, dúas preocupacións reiteradas na fase de recolla de suxestións.
Tamén o de cibercarracho-a, un neoloxismo coloquial aínda non incluído no dicionario da RAG e que "permite, dende o atractivo do humor, chamar a atención sobre a necesidade de adoptar medidas de protección ante os ciberataques". A voz fórmase a partir do prefixo ciber-, que resulta do acurtamento de cibernético, e o substantivo carracho, que nomea o arácnido da orde dos ácaros do que existen varias especies e que se alimenta do sangue de mamíferos e aves.
Igualmente, é finalista cooficialidade, palabra que "sinala o paso adiante dado este ano no recoñecemento do galego e das demais linguas cooficiais do Estado ao se acordar o seu uso normalizado no Congreso dos Deputados", desta a RAG.
A cuarta finalista é dereitos humanos, que pon o foco no 75 aniversario da aprobación da Carta Universal dos Dereitos Humanos, que se veu celebrando neste 2023.
Nas edicións anteriores as escollidas foron comadre (2022), tanxugueiras (2021), nós (2020), sentidiño (2019) deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016) —coincidindo co centenario das Irmandades da Fala—, refuxiado, -a (2015) e corrupción (2014)
A quinta candidata, o sintagma nominal educación emocional apareceu entre as propostas canda outras que teñen en común referirse á saúde mental da poboación en xeral e da infancia e a mocidade en particular.
Finalmente, a derradeira finalista é feitiño-a, voz tradicional do galego de uso moi estendido que, fronte a formas que poderían chamarse pseudogalegas como riquiño, -a, tamén se refire dende o léxico patrimonial a aquela persoa da que queremos destacar as súas virtudes morais e / ou físicas. A RAG destaca que foron varias as propostas de voces "que agradecen a existencia da xente que coa súa maneira de ser fai mellor a vida de quen as rodea e da súa comunidade".
Nas edicións anteriores a votación popular proclamou como Palabra do Ano comadre (2022), tanxugueiras (2021), nós (2020), sentidiño (2019) deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016) —coincidindo co centenario das Irmandades da Fala—, refuxiado, -a (2015) e corrupción (2014).