'Comadre', palabra do ano en reivindicación das redes de sororidade

Sol negro e campesiñas, de Luís Seoane CC-BY Creación da RAG a partir de 'Sol negro e campesiñas', de Luís Seoane, custodiado no Arquivo da Academia

Comadre é a palabra do ano 2022, escollida a través da iniciativa promovida pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié. O vocábulo impúxose a través da votación popular aos outros cinco finalistas: autoestima, candorca, ecocidio, inflación e resiliencia.

O vocábulo impúxose a través da votación popular aos outros cinco finalistas: autoestima, candorca, ecocidio, inflación e resiliencia

Comadre, alén de indicar parentesco (o significado recollido no Dicionario da RAG) emprégase decote para se referir á veciña e á amiga e evocar as relacións de apoio entre as mulleres. "Hoxe, de feito, esta voz popular reivindícase como un xeito de designar aquelas que tecen redes de sororidade en pleno século XXI", destaca a RAG, que subliña que "este último significado, que lembra as mozas e vellas que se prestan apoio para faceren fronte aos contextos adversos e que se fan tamén compaña nos bos momentos da vida, vén empregándose dende hai moito tempo".

A palabra conseguiu máis do dobre de votos que o segundo vocábulo máis apoiado, candorca, este último en referencia aos numerosos avistamentos de cetáceos que se produciron nas costas galegas o pasado verán, que provocaron máis dun susto entre os patróns de pequenas embarcacións de recreo. O terceiro termo en votos foi ecocidio, seguido de resiliencia, autoestima e inflación.

"Hoxe esta voz popular reivindícase como un xeito de designar aquelas que tecen redes de sororidade en pleno século XXI"

A escolla de comadre é especial, pois a súa candidatura xurdiu da iniciativa dun grupo de mulleres, as Comadres das Letras, que buscaban reivindicar, precisamente, estas redes de apoio mutuo conformadas por mulleres ao longo da historia, e tamén na actualidade. Neste artigo publicado en Praza.gal, Comadre: unha palabra para contarnos, María Álvarez Landesa explicaba as razóns da candidatura e a súa orixe, nos obradoiros ofrecidos pola AELG nos outonos do 2022 e 2023, onde Eli Ríos convocaba un grupo de mulleres na casa Irmás Fernández de la Vega, en Compostela, "para axudarnos a atopar as palabras que desen vida ás historias que todas levamos dentro".

Escultura 'En feminino', de Miguel Couto, instalada o mes pasado na Praza das Cigarreiras da Coruña © Concello da Coruña

A iniciativa das Comadres das Letras naceu nos obradoiros ofrecidos pola AELG nos outonos do 2022 e 2023, onde Eli Ríos convocaba un grupo de mulleres "para axudarnos a atopar as palabras que desen vida ás historias que todas levamos dentro"

"Cada sábado era unha festa arredor das letras. Ata que as letras foron só unha escusa (...) Cada sesión ofrecía a posibilidade de illarnos da violencia dun día a día que pode ser moi abafante cando non respecta tempos nin espazos. Alí non había présas, nin estrés, nin obrigas. Todo xurdía da xenerosidade e da confianza. Había que buscar un nome para este grupo e non tivemos dúbidas: queriamos ser Comadres das Letras", relataba María Álvarez Landesa, que engadía que "estamos tan contentas de ser comadres que quereriamos que todas as persoas puidesen experimentar esa aperta que chega da man da sororidade, esa aperta infinda e inmensa na que hai sitio para cada unha de nós".

"As mulleres seguimos a necesitar tecer rede e apoiarnos nunha sociedade que aínda é moi hostil", concluía a comadre Álvarez Landesa

De aí a decisión de impulsar o termo comadre como candidata a ser palabra do ano, unha escolla xustificada en que "as mulleres seguimos a necesitar tecer rede e apoiarnos nunha sociedade que aínda é moi hostil", concluía a comadre Álvarez Landesa, que engadía ademais, que é "a palabra que escoitei tantas veces na boca da miña avoa" e que "a causa do individualismo que nos rodea, está hoxe máis viva ca nunca". 

Trátase da novena ocasión en que se escolle A Palabra do Ano, unha iniciativa que botou a andar no ano 2014 coa escolla de corrupción. Dende entón foron escollidas outras oito voces, que adoitan coincidir con termos que nese momento estiveron de actualidade por algún motivo. Así, nas edicións anteriores a esta foron elixidas tanxugueiras (2021) nós (2020), sentidiño (2019) deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016), e refuxiado/a (2015),

Acción feminista en Viana do Bolo, o 8M de 2020 © Feminismos Viana

Comadre procede do latín tardío commāter, -tris onde xa indicaba unha relación de parentesco semellante e común para todos os romances de Occidente. O Dicionario da Real Academia Galega defínea así como “nai dunha persoa con relación ao padriño ou á madriña desta” ou a “madriña dunha persoa con relación ao padriño ou aos pais desta”. Mais na lingua familiar comadre tomou unha significación particular e compartida igualmente con outras linguas da contorna, a de veciña e amiga coa que se acaba por ter un trato de máis confianza que con calquera outra.

Esta relación de confianza feminina vese reflectida en certas celebracións tradicionais como o xoves de comadres do Entroido. Nesta xornada as mulleres reuníanse a celebrar entre elas, sen o escrutinio masculino. A súa orixe parece remontarse ás Matronalias romanas, festas en honor a Xuno Lucina nas que as mulleres casadas recibían agasallos e un trato preferente; e mesmo as escravas eran dispensadas das súas tarefas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.