Hai palabras lentas que agochan historia e historias; palabras que poden ser pronunciadas nas aldeas, pero tamén nas cidades. Palabras que quecen os corazóns porque respiran devagar no mundo dos afectos; porque, ateigadas de connotacións sempre necesarias, superan a superficialidade das modas todas. Unha desas palabras é comadre.
Este termo forma parte da miña historia desde que era moi nova, pois sempre escoitei miña avoa explicar como as mulleres creaban entre elas redes para poder apoiarse nun entorno claramente adverso. E como ademais tiven a sorte de medrar nunha familia con moitas mulleres que, de xeito cotián, partillaban traballo, lecer e conversa, non podo entender a vida sen comadres.
Coido que o poder do termo reside no feito de ser unha palabra necesaria, porque as mulleres de agora, coma as de antes, precisamos construír redes e habitar espazos nos que poder sentirnos acollidas, seguras, valoradas, escoitadas, atendidas e entendidas. O valor desta voz reside na forza de todo aquilo ao que remite. E as que temos o privilexio de contar nas nosas vidas coa presenza de comadres sabemos moi ben cal é a maxia que latexa nesta palabra.
No acubillo desa manchea de mulleres afoutas todo semella posible. E estamos tan contentas de ser comadres que quereriamos que todas as persoas puidesen experimentar esa aperta que chega da man da sororidade. Co obxectivo de poñer de manifesto a actualidade deste termo, decidimos promover "comadre" na proposta da páxina do Portal das Palabras
Podo dicir chea de orgullo que formo parte dun grupo de comadres moi especial. Foi a sorte, a vida ou que habelas hainas, pero aterrei nun espazo único onde mulleres galegas de diferentes idades e profesións decidimos partillar inquedanzas arredor da escrita en clave sempre feminina. Todo xurdiu de xeito espontáneo ao abeiro dos obradoiros ofrecidos pola AELG nos outonos do 2022 e 2023. Cada sábado Eli Ríos convocábanos na casa Irmás Fernández de la Vega, en Santiago de Compostela, para axudarnos a atopar as palabras que desen vida ás historias que todas levamos dentro. Cada sábado era unha festa arredor das letras. Ata que as letras foron só unha escusa. Deveciamos por estar xuntas e sen decatarnos instauramos as nosas pequenas rutinas: atopar momentos fóra da escrita (porque necesitabamos dese coidado que sabemos dar as comadres) e visitar xuntas a libraría de mulleres Lila de Lilith (porque queriamos buscar referentes e partillar pareceres). Entre sábado e sábado o Whatsapp fervía e os textos medraban nunha sinxela e valiosa carpeta de Drive. Cada sesión ofrecía a posibilidade de illarnos da violencia dun día a día que pode ser moi abafante cando non respecta tempos nin espazos. Alí non había présas, nin estrés, nin obrigas. Todo xurdía da xenerosidade e da confianza. Había que buscar un nome para este grupo e non tivemos dúbidas: queriamos ser Comadres das Letras.
Xa rematou o segundo obradoiro, pero mantemos un contacto estreito, porque este camiño xa non ten marcha atrás. No acubillo desa manchea de mulleres afoutas todo semella posible. E estamos tan contentas de ser comadres que quereriamos que todas as persoas puidesen experimentar esa aperta que chega da man da sororidade, esa aperta infinda e inmensa na que hai sitio para cada unha de nós.
Co obxectivo de poñer de manifesto a actualidade deste termo, decidimos promover “comadre” na proposta da páxina do Portal das Palabras, iniciativa da RAG e a Fundación Barrié para elixir a palabra do ano 2022. E xa somos finalistas! Faríanos moita ilusión gañar e darlle pulo á acepción que se presenta na páxina mencionada, porque as mulleres seguimos a necesitar tecer rede e apoiarnos nunha sociedade que aínda é moi hostil. Pero tamén porque estou segura de que a palabra que escoitei tantas veces na boca da miña avoa, e a causa do individualismo que nos rodea, está hoxe máis viva ca nunca.