'Quando a terra foge', premio á mellor película nun Curtocircuíto que levou o cine ás rúas de Santiago

Proxección de Curtocircuíto na Praza de Praterías © Curtocircuíto

A gala, conducida por Nuno Pico puxo fin a seis días de cinema, música, encontros e sesións especiais que se caracterizaron por levar aos espazos públicos da cidade de Santiago as proxeccións e outras actividades do evento

O Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto clausura este domingo pola noite a súa vixésimo segunda edición coa entrega de premios dos xurados. A gala, conducida por Nuno Pico (Grande Amore, Oh Ayatollah) puxo fin a seis días de cinema, música, encontros e sesións especiais que se caracterizaron por levar aos espazos públicos da cidade de Santiago as proxeccións e outras actividades do evento.

A praza da Quintana, a praza de Praterías, o Teatro Principal, o Auditorio de Galicia, NUMAX ou espazos naturais como o Xardín das Pedras que Falan foron sede dunha programación que combinou cinema internacional, creación galega, espectáculos audiovisuais en directo e encontros co público. 

Unha das proxeccións de Curtocircuíto na edición 2025 nas rúas e prazas de Santiago © Curtocircuíto

O cambio de modelo do festival e a aposta por sacar a programación ao espazo público da cidade como escenario creativo e devolver o cinema ás prazas da cidade foi recibido por unha ampla acollida do público, que encheu as sesións da programación

"O cambio de modelo do festival e a aposta por sacar a programación ao espazo público da cidade como escenario creativo e devolver o cinema ás prazas da cidade foi recibido por unha ampla acollida do público, que encheu as sesións da programación", destaca a organización.

Quando a terra foge, de Frederico Lobo, obtivo o Premio Cosmos á mellor película. Ademais, The man who could not remain silent, de Nebojša Slijepcevic, levou unha mención especial. Así mesmo, o premio Cosmos á  película máis innovadora foi para Portales, de Elena Duque

Pupa, de Antía Carreira, fíxose co Premio Supernova

Ademais, Pupa, de Antía Carreira, fíxose co Premio Supernova. Delirio Sketchs, de Bea Saiáns, obtivo unha mención especial.

En canto ao resto dos galardóns decididos polos diferentes xurados, o Premio Planeta GZ foi para Furada negra, de Berio Molina. O Premio do Xurado Novo foi para Portales, de Elena Duque, cunha mención especial para El cuento de una noche de verano, de María Herrera.

Finalmente, a cineasta Lucile Hadžihalilović recolleu  o Premio Especial Curtocircuíto Atlas

Proxección de 'Ariel' no Curtocircuíto na edición 2025 © Curtocircuíto

O Premio Planeta GZ foi para Furada negra, de Berio Molina

Laia Abril, Brais Revaldería, Guillermo Galoe, Oliver Laxe e Kandgding Ray foron os protagonistas das sesión especiais do festival. Martin Messier, Oliver Laxe, Kangding Ray, ou Amelie Duchow, ademais de talentos galegos como Carme López e Irene Sáenz conformaron o cartel de espectáculos audiovisuais como parte da corrente do festival de pontes e xerar diálogos entre son e cinema. 

Sesións como o live av de Oliver Laxe, Kangding Ray ft. Adrián Canoura deixaron a súa pegada cun espectáculo irrepetible

Sesións como o live av de Oliver Laxe, Kangding Ray ft. Adrián Canoura deixaron a súa pegada, "cun espectáculo irrepetible que converteu a cidade nun escenario sensorial único e que será lembrado como un dos momentos máis emblemáticos desta edición de Curtocircuíto", en palabras da organización.

Unha das proxeccións de Curtocircuíto na edición 2025 nas rúas e prazas de Santiago © Curtocircuíto

A gala de entrega de premios deste domingo contou coa presenza da alcaldesa do Concello de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín; a responsable da área de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, a concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao; a concelleira de Xuventude, María Rozas; o director do festival, Pela del Álamo; así como representantes da corporación municipal e das entidades colaboradoras desta edición.

Público de Curtocircuíto no live av de Sirāt Soundtrack © Cristina Padín

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.