"Non temos a educación emocional suficiente para implicarnos no papel de coidadores"

O cineasta Fon Cortizo © Carlota Rivas

O cineasta Fon Cortizo volve tras '9 Fugas' con 'Abellón', unha curta moi persoal coa que levou o premio no Festival Internacional de Cinema de Moscú, que estreou en Galicia no Festival de Cans e que agora levará a Curtocircuíto en Compostela

Abellón, de Fon Cortizo, foi unha das doce curtametraxes internacionais seleccionadas no Festival Internacional de Cinema de Moscú entre as 1.600 propostas recibidas para participar na competición oficial, e levou o premio á mellor obra. A través da historia de Álex, un mozo que traballa audiodescribindo películas para persoas con cegueira, Abellón mergúllase nunha exploración íntima sobre a percepción, a identidade, a masculinidade e os coidados. 

Este é o seguinte traballo de Fon Cortizo (Vigo, 1978) tras a súa primeira longametraxe de ficción 9 Fugas, que recibiu o premio á mellor película internacional no Festival de Xixón no ano 2020. O cineasta está agora acompañando a Abellón no seu percorrido por festivais, xa pasou polo Festival de Cans, con premio para as interpretacións de Machi Salgado e Corina Mañá, e agora estará no Curtocircuíto en Santiago de Compostela. 

Abellón ía contar co seu avó como protagonista, mais para cando puido levantar esta curta xa non puido ser...

Nun principio tiña a idea de facer un documental de retrato do meu avó, contar a súa historia a través dos sons e dos ruídos, porque nos últimos anos tiña un pesadelo no que había un ruído que non sabía moi ben definir. Pareceume unha idea moi chula tratar de investigar que ruídos había na súa vida e, dalgunha forma, facer ese percorrido pola súa historia. Pero despois, xusto cando se fixo realidade o de conseguir financiamento para facer a curta, o meu avó estaba máis enfermo e xa nos seus últimos meses. Pasei moito tempo con el no hospital e demais, pero non tiña ese impulso, non me apetecíagravar.

Entón, decidín convertelo nunha ficción, na que permaneceron o tema dos ruídos nos soños e os medos, dalgunha forma conectados tamén coa infancia. Ao final esta investigación sobre o mundo dos ruídos nos soños me levou a pensar acerca dos ruídos nos soños das persoas cegas de nacemento, que tiña entendido, e é así, que non hai imaxes neses sonos. E isto conectoume coa audiodescrición, que finalmente se converteu no fío narrativo da película.

Fotograma da curta 'Abellón', de Fon Cortizo © Xas Films

Na curta fai un xogo coa audiodescrición no que ademais vostede mesmo participa.

A idea era que a película estivera integramente audiodescrita para todos os públicos, de xeito que en moitos casos se converta na primeira experiencia de moitas persoas videntes de asistir a unha película audiodescrita, de achegarse aomundo da audiodescrición. Pero, dalgún xeito, tamén quería xogar con iso como unha ferramenta narrativa máis, sempre respectando que a audiodescrición estivera dirixida ás persoas cegas e fose respectuosa con certos estándares da audiodescrición, aínda que tamén decido saltarme esas normas para xogar un pouco. Fíxeno nun diálogo constante con persoas que me asesoraban e que me deron o seu beneplácito, porque nalgún momento hai xogos que terxiversan a audiodescrición clásica.

Eu penso que Abellón é o traballo co que máis satisfeito me sinto porque era un reto, sobre todo porque para as persoas videntes a audiodescrición nalgúns casos pode ser moi reiterativa, e o meu reto era conseguir que non o fose, que inevitablemente hai momentos nos que describimos o que se ve, pero é parte do xogo narrativo; conservando a intención orixinal da audiodescrición, que é facer accesible a peza para persoas cegas.

"Eu penso que Abellón é o traballo co que máis satisfeito me sinto porque era un reto"

Traballara antes desta curtametraxe con persoas cegas?

Non, non. Si que é certo que antes de existir a curta Abellón, había un guión de longametraxe co mesmo título, que aborda temas similares e na que tamén unha das personaxes protagonistas é unha persoa cega. Tiña a necesidade de investigalo pero aínda non empezara, pero se contaxiou un proxecto doutro e serviume para explorar o mundo da audiodescrición e da cegueira.

Como coñeceu a actriz Corina Mañá, que interpreta á personaxe invidente en Abellón e que vén traballando no teatro rompendo barreiras para as persoas cegas?

Preguntei a persoas máis relacionadas co mundo actoral e faláronme dela. A verdade é que é unha persoa incrible. Unha actriz cunha enerxía bestial que creo que aportou moitísimo á curta. As persoas cegas ou xordas atopan normalmente problemas nas probas porque ou hai unha persoa que ten esa discapacidade no guión, ou parece que non poden entrar nos proxectos. Custa integralas na ficción, pero realmente poden interpretar moitos papeis que non destaquen unicamente pola discapacidade.

Cartaz da curta CC-BY-SA Xas Films

Como foi recuperar o proxecto da curta cando estaba xa nun proceso de dó?

Pois penso que foi parte da necesidade que tiña de remover e de traballar co dó; e á vez da necesidade de crear unha obra cinematográfica que tivera sentido para min. Naquel momento, o sentido que atopei foi o de crear unha especie de ritual de dó no que tamén integrar algo que estaba presente na miña vida, que é a crianza do meu fillo. Coincidiu que no momento no que o meu avó estaba máis doente, o meu fillo ten aproximadamente dous anos; e digamos que de repente son consciente do meu papel nos coidados, tanto por arriba como por abaixo, do meu avó e do meu fillo. De pronto tiña moitas conexións aí porque son momentos que teñen certas similitudes.

Estes medos, os pesadelos, conectaban directamente unha cousa coa outra. Por iso o meu fillo tamén está na curta e tamén están presentes os seus medos. De repente nesa conexión atopei algo do que falar e a audiodescrición e mais a cegueira foron a unión de todas estas capas, estes vasos comunicantes.

"Penso que na crianza o papel masculino cada vez está máis preto dunha corresponsabilización, porén, no coidado das persoas maiores non é así"

E tamén hai que coidar das abellas.

Si, as abellas aparecen fundamentalmente como parte dese ritual de dó, de despedida; pero crean unha nova capa tamén de coidados que está presente e que o personaxe principal ten que responsabilizarse diso tamén. Son moitos coidados, de aí parte o seu bloqueo emocional que retrato na curta.

Como home, como foi falar dos coidados?

Creo que todo parte dunha reflexión previa, de algo que forma parte das miñas preocupacións: a responsabilidade nos coidados desde o punto de vista masculino, na crianza pero sobre todo no coidado das persoas maiores. Penso que na crianza o papel masculino cada vez está máis preto dunha corresponsabilización, porén, no coidado das persoas maiores non é así . Para min é algo que forma parte dunha gran revolución da masculinidade, que é esa responsabilización, traballar a nosa tenrura. Paréceme que ese cambio é necesario, que a min me preocupa moito e que forma parte tanto desta curta como tamén da longa que ten o mesmo título, onde está moito máis centrado o tema dos coidados dun home de mediana idade cun ancián tamén, e como se traballan aí os lazos. Non estamos afeitos, non temos a educación emocional suficiente para implicarnos no papel de coidadores e, de pronto, cando o personaxe asume isto aparecen emocións e vínculos, aparece algo que penso que é necesario que se traballe dende a masculinidade.

O actor Machi Salgado en 'Abellón' © Xas Films

Que tal foi a acollida da historia no Festival Internacional de Cinema de Moscú?

Pois parecía difícil levar un tema así, pero a xente que asistiu á proxección foi moi xenerosa, preguntaron moitísimo, achegáronse ao final para falar comigo... Penso que esta dúbida que sempre temos de se algo que ti fas con elementos moi locais, tratando temas moi do teu entorno, viaxará ben a un lugar como Moscú. E realmente hai algo moi universal que se trata aí. Moita da xente que se achega despois das proxeccións vén compartir os seus procesos de dó, como os viviron ou como os están a vivir. Hai temas en Abellón que afectan a todo o mundo. Penso que a película, aínda que non ten unhas emocións moi explícitas porque acompañamos ao protagonista nese bloqueo que experimenta, logra que con xestos moi precisos e mínimos se transmitan moitas emocións.

"Que Jaione gañe en Donostia e que Oliver gañe na sección oficial de Cannes obviamente é un salto, pero realmente son dúas figuras que que hai dez anos xa apuntaban a iso"

Que ten que pasar para que poida centrarse no proxecto da película cando remate co circuíto de festivais con esta curta?

O proxecto está en fase de guión. Teño unha primeira versión, co cal preciso dedicarlle tempo e xa sabemos que logo oproceso de financiamento das películas é moi longo. Normalmente desde esa primeira versión de guión ata que iso pode ser rodado poden pasar catro ou cinco anos facilmente. Entón, pasiño a pasiño, por agora o que me apetece é refacer a versión de guión que teño porque despois da curta hai moitas cousas nas que quero meter man, quero adaptalas ao momento no que estou agora. A miña principal preocupación agora é poder traballar no guión para que estea máis preto dos meus desexos.

Mellorou o panorama no audiovisual galego desde que comezara co proxecto do seu primeiro filme, 9 Fugas?

Creo que hai unha evolución constante dende entón, si. Cambiou para mellor sempre. Nos últimos 15 anos, dende que Oliver [Laxe] estreara Todos vós sodes capitáns en Cannes ata o último fito podemos ver unha evolución moi bestial. Non sei se dende 9 Fugas, que foi a finais de 2020, houbo fitos que son unha evolución porque que Jaione [Camborda] gañe en Donostia e que Oliver gañe na sección oficial de Cannes obviamente é un salto, pero realmente son dúas figuras que que hai dez anos xa apuntaban a iso, xa se vía que tiñan un talento desbordado e que isto tiña que pasar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.