"A película quería recoller este cheiro a fin de ciclo que creo que temos todos de maneira realista, non nihilista. Asumámolo e afrontémolo. Desertemos iso de facer a paz con guerra, ou de crer que as armas nos dan seguridade", afirma Oliver Laxe sobre 'Sirat'
"Estamos en shock", foi o primeiro intercambio de palabras con Oliver Laxe e Sergi López tras ver Sirat na sala de cinema Numax en Santiago de Compostela. "Claro, compréndoo. Tedes que tomarvos uns minutos", respondeu o actor catalán mentres posaba para as fotos xunto ao director, co premio do xurado do Festival de Cannes nas mans. O cineasta lucense incide en que con esta película quere levar a xente nova de volta (ou de primeiras) aos cines. Se algo podemos afirmar sobre Sirat é que cómpre vela en pantalla grande, e tamén escoitala, que por algo levou o premio á mellor banda sonora no certame francés.
"Este é un proxecto que levo escribindo desde 2012 e a verdade é que para min, honestamente, o mundo non mudou tanto. Cando había que atrasar a rodaxe porque había outra, como a de O que arde, preocupábanse porque pensaban que íamos perder a actualidade. Pero, desgraciadamente, é un filme que está sempre de actualidade porque, tal e como di un dos personaxes, 'hai moito tempo que estamos na fin do mundo' e que temos conflitos globais. A película quería recoller este cheiro a fin de ciclo que creo que temos todos de maneira realista, non nihilista. Asumámolo e afrontémolo. Desertemos iso de facer a paz con guerra, ou de crer que as armas nos dan seguridade, que me parece algo froito de alguén que pensa con medo máis que con cabeza", confesa Oliver Laxe.
"Os seres humanos temos unha capacidade de crear unha imaxe idealizada de nós mesmos porque, en esencia, non nos queremos. Fuximos desa ferida. E para min este proceso creativo foi pasar desa idealización de min mesmo a tocar máis a miña ferida, sobre todo a través desta comunidade que vive máis apegada a súa ferida e á carencia. Foi como un proceso de ego-redución", argumenta Laxe sobre como lle removeu este proxecto, no que aposta por arriscar máis que en ningún outro.
"Para min este proceso creativo foi pasar desa idealización de min mesmo a tocar máis a miña ferida. Foi como un proceso de ego-redución", argumenta Laxe
Para Sergi López, protagonista do filme, este tampouco foi un traballo máis. É consciente de que ten "un lazo emocional moi forte" co seu traballo, pois cada vez o ve menos como un traballo e máis como a súa propia vida. "Nesta película decateime de forma moi evidente de que achegarme a dores tan extremas, aínda que saiba perfectamente que o personaxe é un e eu son outro, ao final é unha dor universal que transcende e vai máis alá do que eu estou interpretando. Achégaste a un universo descoñecido que é o de que nos pasa cando actuamos porque o teu corpo conta cousas que ti non sabes", describe.
"É como se o noso corpo tivese unha memoria desas dores dos nosos antecesores. Como se a arte, neste caso actuar, fose tamén como un cerimonial. É máxico facer películas, é unha invocación extrema", sinala Laxe. "De feito, ti dicías que a película é en certo modo unha cerimonia", apunta o actor, que no filme está acompañado por Bruno Núñez, que xa traballara interpretando a un dos nenos da serie La Mesías, así como por Stefania Gadda, Joshua Liam Herderson, Tonin Javier, Jade Ouki e Richard Bellamyun, un grupo de raveros –pois a cultura das raves delimita os marcos do filme– que se enfronta á súa primeira experiencia cinematográfica.

"Todo o meu cinema xira entorno á pregunta de que pasa despois da vida, que é a morte e como transcendela", razoa Oliver Laxe
"Todo o meu cinema xira entorno á pregunta de que pasa despois da vida, que é a morte e como transcendela –razoa Oliver Laxe–. Creo que é algo que configura a nosa psicoloxía e os nosos medos. Sempre me forzo a meditar a morte, a practicala. O que pasa é que vivimos nunha sociedade tan tanatofóbica, con tanto medo a morte, e onde xa a temos como extirpada e lle damos a certas institucións a nosa relación con ela, que creo que o cinema segue sendo un espazo onde poder experimentar cousas fortes que xa non experimentamos na vida. Nese sentido, a miña vontade facendo unha película tan dura era de servizo. Vivimos uns tempos delicados, fráxiles, pero que nos forzan tamén a mirar cara a adentro; e era o que eu quería con esta película, porque creo que é o que nos pode salvar. Mirar adentro é duro, non teño ningunha vontade sádica co espectador, quero coidalo; pero foi a mellor maneira na que creo que hoxe en día podo axudarme tanto a min como ao espectador. Mirar adentro é preocuparnos máis de nós e dos nosos valores e menos de fóra. Creo que iso nos dará serenidade e nos quitará angustias".
"A conexión co público foi extrema. Francia é un país moi cartesiano, analiza moi ben o cine, e non eran quen de analizar o que sentían con esta película. A min iso paréceme un moi bo sinal", asevera o director
"Como cineasta, na miña vontade de non xulgar está tampouco romantizar. É certo que no mundo das raves a nivel de valores, de relacións de xénero e de coidados estás cero sexualizado. Os grupos son mulleres e homes e todas as súas extensións mesturados cuns coidados extremos, coa ecoloxía moi presente, e sen cobrar polas festas. A nivel de valores a min gústanme. Hai tamén unha necesidade de transcenderse. Son tamén persoas que precisan vivir emocións fortes que os conecten. Pero ten a súa toxicidade, tamén. A min o tema das drogas paréceme que non é a maneira de transcenderse, pero na película si que hai un cheiro a medicina máis que a droga nunha secuencia moi catártica e moi de mirar adentro. Ao final, estou descubrindo que con esta película fixemos un rito chamánico, é moi cerimonial. Sei que son palabras maiores, eu son un mero artista, pero as imaxes teñen o seu poder", relata Laxe.
Sirat foi unha das películas desta edición do Festival de Cannes, onde o cineasta dos Ancares é un veterano, aínda que quedou sorprendido pola atención que recibiu o filme, o primeiro seu que compite pola Palma de Ouro. "A conexión co público foi extrema. Francia é un país moi cartesiano, analiza moi ben o cine, e non eran quen de analizar o que sentían con esta película. A min iso paréceme un moi bo sinal", asevera, para engadir que espera que se traduza nunha boa acollida nas salas de cine a partir do 6 de xuño. Para quen non poida esperar, haberá unha preestrea nos cines Cantóns da Coruña o día 1.
Laxe explica que no diálogo que mantén cos cineastas que considera os seus mestres, que non facían concesións, intenta transmitir a luz que lle aportaron a el sendo un rapaz a través dos seus filmes. "Moitas veces atopamos a luz a través da escuridade. A película arrasa co ego do personaxe protagonista, pero é un moi bo momento: vivan as crises porque é a maneira que ten a vida de que conectes coa túa esencia profunda, aínda que doa", destaca.
A distribuidora estadounidense Neon mercou os dereitos de Sirat e avanzou que despregará unha intensa campaña que apunta xa aos Oscars
De Cannes non só regresou cun premio totémico, tamén con expectativas ansiadas para o seu cine: entrar nos Estados Unidos con forza. A distribuidora estadounidense Neon mercou os dereitos de Sirat e avanzou que despregará unha intensa campaña que apunta xa aos Oscars; e falou tamén de atraer a público mozo. "Hai que volver traer a xente nova ao cinema, o que pasa nunha sala de cinema é incrible. Estás en comunidade, hai unha enerxía totalmente distinta a ver unha película na casa, non só polas condicións de proxección e de como as imaxes poden penetrar no teu corpo, tamén pola incidencia da música e do son. Temos que reivindicar a volta ao cinema como unha comuñón grupal", defende Oliver Laxe.
A exhibición masiva de Sirat nos Estados Unidos que promete Neon vai ser determinante para os seguintes proxectos de Laxe, que xa advirte que agora precisará tomarse o seu tempo para "sentir" o que quere facer a continuación. "Estou moi tranquilo nese sentido, non me vai cambiar", afirma.
A película é unha produción de Movistar Plus+ en colaboración con Filmes da Ermida, El Deseo, Uri Films e 4A4 Productions, distribuída no Estado español por Bteam Pictures, e para o lucense "foi a rodaxe máis sinxela" ata agora. "Antes si que era difícil para min, si que íamos xustos sempre", aclara, a pesar de pensar que "todos os cineastas precisarían sempre máis porque o cinema é unha arte moi cara". Con todo, Laxe di que a rodaxe foi dura: "A miña concepción da vida é que se non é duro, non hai premio; e a beleza ten súas regras".