Nin superheroínas nin pobriños: o teatro pon o foco na discriminación da discapacidade

'Nada se sabe' é unha coprodución do Centro Dramático Galego e Culturactiva Producións © Culturactiva Producións

“Aceptar a diferenza fainos iguais”, asevera a actriz Corina Alfonso Mañá, unha das protagonistas de Nada se sabe, unha produción do Centro Dramático Galego con Culturactiva Producións que se pode ver ata o domingo no Salón Teatro de Santiago de Compostela. Partindo da obra do século XVI Quod nihil scitur (Que nada se sabe) de Francisco Sánchez ‘O Escéptico’ e meténdose nunha adaptación da traxedia de Sófocles Filoctetes, Manuel Lourenzo crea a dramaturxia desta obra que dirixen Fran Rei e Ignacio García.

Unha obra de teatro inclusivo na que un elenco de catro actores e actrices cuestionan o que sabe a sociedade sobre a discapacidade. “Por que temos que ter etiquetas? Están todo o tempo categorizándonos sen preguntarnos o que precisamos”, explica Corina, que estudou na Escola Superior de Arte Dramático de Galicia e ten traballado con distintas compañías teatrais, no sector audiovisual e co seu grupo de teatro, Puntos de Vista. “Temos tendencia a homoxeneizalo todo, pensamos que sabemos; damos por feito as cousas e non preguntamos. Esta obra trata de romper esquemas, de facernos preguntas”, sinala a intérprete.

A obra represéntase en Santiago ata o 9 de febreiro e estará noutras vilas e cidades ao longo do ano © Culturactiva Producións

A actriz concede que hai algo de catártico na obra, pois no fondo están a compartir cousas que lles sucederon na vida: “E iso é deixar un pedaciño do noso corazón no escenario. Esas cousas que nos pasaron, no seu momento, a nós afectábannos. Cando me pasaban cousas de nena por non ver ou me rexeitaban en probas de casting por non ver fastidiábame moito. Agora seguramente tamén me molesta, pero non é igual. Compartilo co público ten importancia para nós porque nos estamos abrindo coa xente, pero tamén nos arriscamos ao paternalismo, que é o que xustamente queremos evitar. É un risco que tomamos porque pensamos que é necesario que se saiba que sucede isto, e o por que. O que pasa é que para poder chegar a esta reflexión temos que espirnos diante do público. Queremos que o público sinta a catarse e preguntarlle: Que pasa? Tedes medo de nós?”, detalla Corina.

Corina non ve e por iso o ten máis difícil para ser actriz. "Nesta obra non hai unha personaxe cega", dinlle. "Vale, pero é que eu non só son cega", responde ela

Xunto a Corina, o elenco fórmano Rubén Bargiela Sierpes, Alba Chao García e Elvis García Torres, que rompen a cuarta parede para compartir directamente co público as experiencias vividas coa discapacidade. Elas e eles, como Filoctetes, sentiron nalgún momento que non pertencían ao grupo, que eran diferentes. Quen non sentiu iso? 

“Na adolescencia hai quen comeza fumar e eu facía que lía un libro en tinta”, conta Corina. Ela non ve e por iso o ten máis difícil para ser actriz. Non ten nada que ver coa súa capacidade, simplemente atopa unha barreira nas probas de selección: “Nesta obra non hai unha personaxe cega”, dinlle. “Vale, pero é que eu non só son cega”, responde ela. “Hai moito medo a contratar unha persoa con discapacidade por se che vai custar máis cartos ou vas ter problemas, en lugar de preguntarnos o que precisamos dan moito por feito. Por iso o nome da obra é tan acaído, Nada se sabe, porque hai moito descoñecemento”, engade.

Tras máis de dez anos traballando a inclusión no teatro, é a primeira vez que Fran Rei conta cun elenco de actores e actrices profesionais e con discapacidades diversas. “Filoctetes, o texto clásico revisado por Manuel Lourenzo foi un achado capital para min, pero creo que non só para este espectáculo, senón para calquera aspecto do teatro que queiramos traballar. Fala dos excluídos, dese amplísimo espectro da sociedade que queda á marxe; neste caso falamos da discapacidade pero podemos falar de emigración, de realidades trans, de aporofobia... Hai tanta xente excluída neste sociedade que se pode identificar con Filoctetes que é un agasallo”, debulla o director, para explicar que a obra é unha conversa a tres bandas entre a discapacidade, o público e Filoctetes na que se interpela ás espectadoras sobre cando abandonamos a un Filoctetes como sociedade.

En 'Nada se sabe' Manuel Lourenzo adapta un texto clásico que mesturan coas vivencias do elenco © Culturactiva Producións

Ao exército non lle compensou agardar por Filoctetes e na obra pregúntanse se compensa traballar cunha persoa cega ou co síndrome de Asperger. “Son preguntas incómodas que facemos no espectáculo e, desgraciadamente a día de hoxe a contestación é non, non compensa”, afirma Fran.

Dende o humor, a nostalxia e a tenrura Corina, Rubén, Alba e Elvis quitan a máscara da personaxe de teatro clásico que están a representar para, no transcurso da obra, contar tamén cando se sentiron abandonadas como Filoctetes. “No fondo hai historias de abandono, incomprensión e mesmo de abuso. Estas vivencias persoais son o punto forte do espectáculo, sobre todo para eles porque se lles presta atención”, asegura o director.

"Creo que o público apagará o móbil para ir ao teatro se lle contamos cousas de interese", razoa o director Fran Rei

Corina destaca que na obra filosofan moito sobre os nomes que reciben as persoas que teñen unha discapacidade. “Todo o tempo estamos poñendo etiquetas, e logo non somos quen de quitalas. Pregúntome moitas veces por que é preciso etiquetalo todo, por que temos que ter discapacidade ou diversidade funcional, por que non somos unha persoa que non ve e outra que non oe. Non sei, falo na miña opinión. Sei que hai que organizar as cousas dalgunha maneira, porque tamén hai certas axudas públicas... Entendo que é moi difícil, pero ao mellor hai que ir buscando a maneira. Aínda que esteamos etiquetados legalmente como discapacitados, cousa que podo entender, a cousa sería que a sociedade non o agrupe así para que non sexamos un grupo á parte. Iso mírase moito nos colexios e nótanse moito as diferenzas, cada vez menos, pero hai moito que camiñar”, argumenta.

Nada se sabe tamén quere ser unha obra con medidas de accesibilidade para as diferentes necesidades do público, para que máis xente poida gozar do teatro. “A cultura ten que ser accesible para todos”, sentenza Corina. No Salón Teatro hai interpretación a LSE durante todo o espectáculo, audiodescrición (que debe solicitarse na billeteira media hora antes da función), un programa de lectura fácil e unha visita táctil (nas funcións dos sábados e domingos, ás 17 horas).

“Para que o teatro galego siga tendo vixencia temos que meternos nestes temas, temos que ser capaces de chegar aos sitios onde esta televisión horrorosa que temos, estes medios de comunicación mentireiros e estas redes sociais falsas non chegan. É dicir, eu creo que o público apagará o móbil para ir ao teatro se lle contamos cousas de interese”, razoa Fran.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.