O Goberno galego convocou mal o proceso para entregar a xestión do Souto de Leixa a unha entidade de iniciativa social logo das eivas acumuladas tras 15 anos adxudicado á empresa Clece, do grupo ACS
O centro de atención a persoas con discapacidade Souto de Leixa de Ferrol leva anos rexistrando queixas de familias e persoal por eivas no seu funcionamento como agresións ou desatención certificadas en varias ocasións por sentenzas xudiciais. Propiedade da Xunta, a súa xestión foi privatizada á empresa Clece, do grupo ACS, a comezos da pasada década, contrato que viña sendo prorrogado sucesivamente ata que a comezos do pasado ano a Consellería de Política Social decidiu mudar parcialmente de modelo. A súa xestión seguirá sendo privada pero agora, a través dun concerto social, recaerá nunha entidade sen ánimo de lucro que recibirá máis cartos para "favorecer unha atención de calidade".
Pero a Xunta cometeu varios erros na convocatoria do proceso, que acabou anulado, e acaba de volver a inicialo, o que suporá, cos pasos aínda pendentes de presentación e valoración das ofertas, unha demora de cando menos un ano na mudanza da xestión no Souto de Leixa. Un cambio que se producirá en plenas protestas en Ourense pola intención do Goberno galego de que o centro desa cidade, na única provincia que ata agora carecía deste tipo de atención para a dependencia, sexa tamén xestionado por unha entidade social privada e non directamente pola Xunta, como si ocorre cos centros da Coruña, Sarria e Chapela (Redondela).
No Souto de Leixa de Ferrol a Xunta decidiu poñer fin a década e media de xestión da empresa Clece por resolución do 21 de maio do pasado ano un concerto social cunha entidade sen ánimo de lucro. Un mes máis tarde Clece e a Asociación Estatal de Entidades de Servicios de Atención a Domicilio (Asade) presentaron recursos ante o Tribunal Administrativo de Contratación de Galicia (Tacgal), que suspendeu cautelarmente o proceso antes de acabar anulándoo.
A convocatoria que realizou a Xunta foi "incorrecta", "vulnera a necesaria transparencia dos procedementos" e fixou un prazo de duración da nova xestión demasiado elevado
As recorrentes argumentaron que o tipo de servizo, que ata agora viña sendo prestado por unha empresa como Clece, non debía ser adxudicado baixo o réxime de concerto social, ao que o tribunal respondeu que ese instrumento ten "plena validez". Pero máis alá do modelo de xestión elixido, o tribunal concluíu que foi "incorrecta a publicidade desta convocatoria" realizada pola Xunta, xa que se produciu "a través dun anuncio no DOG, o cal non se axusta ás esixencias de publicidade" da normativa europea e "vulnera a necesaria transparencia dos procedementos". O tribunal tamén considerou inválido o prazo de duración do concerto, que a Xunta convocou por catro anos prorrogables outros seis ata un máximo de dez pero que o tribunal dixo que debía ser dun máximo de tres anos.
Así que ante a "inadecuada" convocatoria o tribunal anulouna sen entrar a analizar outras alegacións da empresa e da asociación empresarial recorrentes sobre a xestión do servizo a través da figura do concerto social.
Esa anulación por parte do tribunal ten data do 23 de xullo pasado, pero non foi ata este 13 de xaneiro, medio ano despois, que a Xunta abriu o novo proceso de adxudicación corrixido e publicou o anuncio do mesmo no Diario Oficial da UE, onde debía saír ademais do DOG. Ademais, o prazo do contrato, como corrixiu o tribunal, pasou de catro anos prorrogables ata dez a dous anos prorrogables ata tres.
A diferenza dos centros de discapacidade da Coruña, Sarria e Redondela, con xestión pública directa da Xunta, en Ferrol e Ourense apóstase por privatizar o servizo
O novo proceso incorpora outras mudanzas a respecto do anterior que seguen evidenciando que a Xunta non estaba a dotar o centro dos recursos necesarios. En maio do ano pasado, cando lanzou a primeira convocatoria, a propia Xunta salientou que ía incrementar un 25% os cartos destinados ao Souto de Leixa "con respecto ao contrato actual" para así "favorecer unha atención de calidade". Así, esa primeira convocatoria foi por un valor estimado de 3,5 millóns de euros ao ano sen IVE, mentres que o novo proceso volve elevar o importe a 3,85 millóns, que ademais poden ser modificados á alza ata un 20%.
O modelo de concerto cunha entidade privada sen ánimo de lucro agora elixido para o Souto de Leixa de Ferrol tras anos de xestión por parte dunha empresa será o mesmo que o do novo centro de discapacidade de Ourense. Porén, as familias reclaman que sexa a propia Xunta a que asuma a xestión pública directa como xa fai nos centros similares da Coruña, Sarria e Redondela.