O PP ratifica que o centro de discapacidade de Ourense non terá a xestión pública que prometeu

Manifestación da Plataforma proCAPD Ourense, o pasado 9 de xaneiro ante a sede ourensá da Xunta, coa asistencia de Pontón e Besteiro CC-BY-NC-SA PSdeG

En vésperas das eleccións galegas de 2016, as catro forzas que acabarían conformando o novo Parlamento (PP, En Marea, PSdeG e BNG) e mais Democracia Ourensana, que tamén concorría aos comicios comprometéronse a que Ourense tivese un centro de atención a persoas con discapacidade (CAPD) do que carecía. Fixérono cun documento que culminaba coa promesa de que este centro "será público e de xestión pública, atendido por empregados públicos".

O voto en contra do PP rexeita, coa abstención de DO, as iniciativas de BNG e PSdeG para manter a promesa de que a instalación ourensá que a Xunta está a piques de abrir teña a xestión pública directa que asinaron todas as forzas políticas 

Con ese acordo as formacións políticas atendían a petición da Plataforma ProCAPD, colectivo de familias de persoas con discapacidade que, dende aquela, abandeira a reclamación de atención pública en Ourense para os seus fillos e fillas unha vez pasan dos 21 anos. Tras múltiplos avatares, as obras deste centro iniciadas en 2020 no barrio de Barrocás da capital ourensá xa están rematadas e a Consellería de Política Social di estar en condicións de abrilo o vindeiro abril. Pero non terá xestión pública directa, como todos os grupos políticos volveron apoiar a finais do pasado decembro na Deputación de Ourense. Será privada; así o aprobou o Consello da Xunta nos derradeiros días de 2024 e así o ratificou este mércores o PP no Parlamento.

Concentración da Plataforma ProCAPD en Ourense ante as obras de construción do centro en 2022, actualmente xa rematadas CC-BY-NC-SA PSdeG

Despois de que, o pasado 27 de decembro, o Consello autorizase a Política Social a contratar cunha entidade social privada a xestión integral do CAPD de Ourense por ata 13,5 millóns de euros para ata tres anos -o contrato está en trámite dende a pasada semana-, o BNG e o PSdeG trasladaron ao pleno parlamentario desta semana a esixencia de "rectificar, non deixar vendido a Ourense e defender o que é xusto". O cal implica "un CAPD de xestión pública e directa", resumiu Noa Presas, do Bloque, única fórmula para que Ourense non volva "ser discriminada", engade Carmen Rodríguez Dacosta, do PSdeG. Ambas peticións bateron co "non" dos populares e tamén coa abstención de DO, formación que renunciou a intervir nun debate marcado polo que Presas lamentou coma o PP "máis degradado moralmente".

Presas (BNG) ve "perfectamente posible" que Ourense teña un centro de xestión pública coma os da Coruña, Sarria e Redondela e lamenta que o Goberno galego alegue agora falta de persoal malia ter centos de profesionais dispoñibles: "Como poden ser tan mentireiros?"

As familias, defende Presas, "saben perfectamente do que están a falar cando demandan unha xestión pública e directa". Moitas delas, resalta, asumiron ter que viaxar dende Ourense aos centros públicos da Coruña, Sarria ou Chapela "tras a experiencia na privada" con peor calidade asistencial. Equiparar o CAPD ourensán aos tres de xestión pública e non ao único con xestión privada, o ferrolán de Souto de Leixa, "é perfectamente posible cos recursos da Xunta" aínda que "agora nos digan que non hai persoal" na documentación do propio contrato.

"Como poden ser tan mentireiros?", pregúntase a nacionalista, que exhibiu no pleno as listas de persoal interino da Xunta para algunhas das especialidades profesionais que require o centro, tales como Psicoloxía ou Traballo Social e que, só na provincia de Ourense, detalla, contan actualmente con 169 e 244 persoas á espera, subliña. "A quen pretenden tomar o pelo?", pregúntase.

Noa Presas (BNG), defendendo a iniciativa a prol da xestión pública do CAPD de Ourense; e Carmen Rodríguez Dacosta (PSdeG), nun intre do mesmo pleno CC-BY-NC-SA BNG | PSdeG

A resposta do PP non foi por parte de ningún representante ourensán, senón da lucense Raquel Arias. Tras enviar "unha aperta a todos os pais e nais que teñen algún fillo ou filla con discapacidade", a conservadora puxo o foco en que o CAPD de Ourense "é un centro público" e que terá "a máxima calidade". No seu partido, di, ven "moi preocupante que o PSOE e o BNG, xusto neste momento que tiña que ser de celebración, estean poñendo as familias coa dúbida sobre a calidade do servizo" dende unha "perspectiva partidista".

Condena por abusos a unha menor hai trinta anos: "Dende cando o sabían?"

O PP defende a xestión privada dun centro que, enfatiza, é "público" e ten a "máxima calidade" e insire no debate que un participante na plataforma proCAPD foi condenado por abusos hai 30 anos

Pero o que preocupa aínda máis no PP, asegura, é que "as familias teñan que pasar polo bochorno e a indignación" ao "ler que o voceiro da plataforma estivo en prisión por abusos a unha nena de 4 anos". A información referente a un agora xa ex-membro do colectivo, que ignoraba o seu pasado, non saíra á luz ata a pasada fin de semana, cando o xornal La Región publicou uns feitos acontecidos en 1994, cando traballaba nun centro infantil da Xunta, e castigados con sete anos de prisión pola Xustiza en 1995. Nas décadas seguintes, o condenado achegouse a diversas formacións políticas, entre elas o BNG e o PSdeG, e tamén volveu traballar con menores en centros dependentes do Goberno galego.

"Lamento moito que as familias teñan que ver este espectáculo e o seu sufrimento destes días", retrucou Presas, quen agrega que "as persoas que levamos moito tempo organizadas politicamente, especialmente en Ourense, sabemos que o PP non ten escrúpulos". "Temos visto de todo, pero o que levan pasando estes días estes pais e nais non ten comparación e non é xusto". 

Raquel Arias, deputada do PP, respondendo á iniciativa do BNG pola xestión pública do CAPD de Ourense, este 29 de xaneiro de 2024 CC-BY-SA PP

"Dende cando sabían isto e no lugar de comunicalo aos pais e nais aos que hoxe mandan unha aperta o que fixeron foi gardalo nun caixón ata que quixeron filtralo?", pregúntase a deputada do Bloque, quen tamén advirte de que "a raíz desta situación tivemos coñecemento" de que a mesma persoa "tivo un expediente aberto na Xefatura Territorial e Vigo" por un incidente acontecido mentres realizou unha substitución, entre finais de 2016 e comezos de 2017, no centro de menores Avelino Montero de Ponteveda, tamén dependente de Política Social. "Miraron para outro lado, ese é o modus operandi cando teñen unha denuncia deste tipo" mesmo "sabendo que hai antecedentes"?, pregunta.

BNG e PSdeG, convencidos de que os populares filtraron a condena do xa ex-membro da plataforma para tentar desactivar as mobilizacións. Censuran o "sufrimento" que causan ás familias e piden explicacións á Xunta porque o home traballou despois con menores para Política Social

No Bloque existe o convencemento de que os populares filtraron a condena de hai tres décadas e que o fixeron neste momento para tentar desactivar as mobilizacións das familias e o mesmo coida o PSdeG. "Non existen casualidades, xusto cando sae a licitación" para a xestión privada do CAPD, "sae á luz o historial deste ex-membro da plataforma", resume Rodríguez Dacosta, convencida de que os populares buscan o "menoscabo" da mobilización. "Traballaba para a Xunta como educador e segue traballando, se coñecían a situación, que están a facer?", cuestiona a socialista.

Tanto nacionalistas como socialistas avanzan iniciativas para pedir contas a Política Social ao respecto. "Imos pedir explicacións e van ter que dalas", advirte Presas, quen advirte o PP de que non a van "intimidar". "A nós xa nos acusaron a un portavoz nacional e candidato á Xunta de ser un maltratador, inventando, non nos van calar", subliñou antes de defender as familias da plataforma proCAPD como "persoas exemplares ás que debemos todo o noso respecto". Ao remate, a maioría absoluta do PP avalou a xestión privada do centro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.