"Ourense non ten dereito a un Centro de Persoas con Discapacidade coma o resto de Galicia?"

A plataforma leva semanas preparando a manifestación deste xoves © PROCAPD Ourense

Ourense é a única provincia galega que carece dun Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) para maiores de 21 anos. Pontevedra conta co CAP de Chapela, A Coruña co CAP As Xubias e Lugo co CAPD de Sarria. A posta en marcha dunha instalación deste tipo é unha vella reivindicación nas comarcas ourensás, sobre todo a través da Plataforma ProcapdOurense, que alertaba do problema que sufrían as persoas que ao facer 21 anos xa non podían continuar máis tempo no Centro de Educación Especial Miño, para menores. "Moitos destes rapaces e rapazas hoxe están en CAPDS públicos fóra de Ourense, outros están en xeriátricos e tamén na casa, por non existir en Ourense un centro axeitado ás súas necesidades", explican dende a Plataforma.

"Moitos destes rapaces e rapazas hoxe están en CAPDS públicos fóra de Ourense, outros están en xeriátricos e tamén na casa, por non existir en Ourense un centro axeitado ás súas necesidades", explican dende a Plataforma

A mediados de 2016, poucos meses antes das eleccións autonómicas, a Xunta anunciou por fin que o CAPD ourensán se instalaría na antiga escola-hogar de Mariñamansa, un proxecto cuxa licitación estaría lista nos últimos meses do ano. Porén, o tempo foi pasando e a iniciativa prometida comezou a afastarse da proposta inicial. En novembro, representantes da Plataforma reuníronse co conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, para manifestarlle o seu desacordo co proxecto presentado e co número de prazas residenciais ofertadas, reclamando "un CAPD coas mesmas características que os demais de Galicia". O propio pleno municipal ourensán rexeitou en decembro por unanimidade o proxecto da Xunta, nunha moción presentada polo PSdeG-PSOE. 

Ante a falta de resposta da Consellaría ás preocupacións da entidade, impulsada sobre todo por nais e pais de persoas con discapacidade, a plataforma convocou unha manifestación, que terá lugar este xoves 2 de febreiro ás 20 horas. A marcha partirá da Avenida da Habana (Casa de Chocolate) pasando pola Subdelegación do Goberno, rúa do Paseo e rematando na Praza Maior.

"É que os nosos rapaces son invisibles para a Xunta? Ourense non ten dereito a ter un CAPD coma o do resto de Galicia?"

A Platafoma denuncia que a Consellería de Política Social "demostrou unha total incompetencia resolutiva e de xestión no que á diversidade funcional se refire". Sinalan que se senten "enganados, utilizados nas últimas eleccións e deixados de lado por Jose Manuel Rey Varela", que "tras reiterar en infinitas ocasións a súa sensibilidade ao respecto, o único que fixo foron comunicados de prensa ao gusto dos cidadáns sen levalos á práctica". Prazas insuficientes (apenas 18 residenciais e 30 de centro de día, cando se demanda un mínimo de 100), un deseño errado da súa estrutura e funcionamento e a privatización dalgúns dos seus servizos (como por exemplo a cociña e comedor) son algunhas das críticas concretas.

Sinalan que se senten "enganados, utilizados nas últimas eleccións e deixados de lado por Jose Manuel Rey Varela"

"É que os nosos rapaces son invisibles para a Xunta? Ourense non ten dereito a ter un CAPD coma o do resto de Galicia?", pregúntanse dende a Plataforma ProcapdOurense, que ao longo do pasado ano conseguíu reunir máis de 50 mil sinaturas en toda a provincia en demanda dun centro á mesma altura que os que existen na Coruña, Sarria ou Redondela.

Xunta e Concello buscaron esta semana desactivar as mobilizacións cun encontro entre Alberto Núñez Feijoo e Jesús Vázquez no que reiteraron o compromiso de "facer un novo proxecto baseado na proposta solicitada polas familias". Porén, o compromiso verbal non se traduciu en medidas concretas e aínda este martes a Consellería de Política Social descargou no Concello a responsabilidade dos atrasos, demandándolle a escolla dun espazo para a construción do centro.

Sinalan que é "unha manifestación duns pais e nais que defenden os dereitos dos seus fillos e fillas e que se ven obrigados a desempeñar o papel de pais, enfermeiros e rehabilitadores" e, ademais, "o traballo que lle corresponde aos cargos públicos"

Dende a plataforma fixeron nos últimos días un chamamento á cidadanía ourensá a que apoien a súa demanda, sinalando que "os pais e nais de nenos e nenas con diversidade funcional somos unha minoría, por iso necesitamos e pedimos ao resto de ourensáns e ourensás que nos acompañen, porque sen ese apoio nos non somos suficientes para facer forza polos nosos nenos e nenas". A marcha recibiu o apoio de entidades sociais, veciñais e sindicatos e tamén de todas as forzas políticas da cidade agás o PP. Dende a plataforma subliñan, no entanto, que non se trata dunha "manifestación política", senón dunha "manifestación duns pais e nais que defenden os dereitos dos seus fillos e fillas e que se ven obrigados a desempeñar o papel de pais, enfermeiros e rehabilitadores e, por se isto non fose pouco, facer o traballo que lle corresponde aos cargos públicos de Ourense, loitando para solucionar as carencias da provincia en diversidade funcional".

 

A plataforma leva semanas preparando a manifestación deste xoves © PROCAPD Ourense

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.