Familias ourensás en loita fronte á Xunta pola atención pública aos seus fillos con discapacidade

Manifestación da Plataforma proCAPD Ourense, o pasado xoves ante a sede ourensá da Xunta, coa asistencia de Pontón e Besteiro CC-BY-NC-SA PSdeG

A Xunta dispón de catro complexos de atención a persoas adultas con discapacidade. Tres deles, os da Coruña, Sarria e Chapela (Redondela), teñen xestión pública directa. Mentres, o de Souto de Leixa (Ferrol), vén sendo xestionado pola empresa Clece, do grupo ACS, que tras anos de denuncias por múltiplas eivas no servizo -dende agresións a persoal insuficiente- está ás portas de perdelo ao decidir a Consellería de Política Social adxudicalo a unha entidade social aínda por decidir.

A Plataforma ProCAPD leva case unha década esixindo que Ourense  deixe de ser a única provincia galega sen un centro da Xunta para a atención á discapacidade. Agora, ás portas da súa apertura, esixen cumprir a promesa de que teña xestión pública tras decidir Política Social o contrario

Neste cadro xeral vén faltando Ourense, a única provincia galega sen un centro de atención á discapacidade. A intensa mobilización das familias que, hai case unha década, constituíron a Plataforma ProCAPD aguilloou o Goberno galego para acceder a emendar a carencia. En 2020 comezaban no barrio ourensán de Barrocás as obras dun complexo que, tras múltiples avatares -incluída unha paralización dos traballos que acabou derivando nun cambio de empresa construtora-, está rematado e que Política Social di prever poñer en servizo a vindeira primavera. Pero a loita non rematou. Ao contrario, semella máis viva ca nunca.

Concentración pola xestión pública do novo centro de discapacidade da Xunta en Ourense, o pasado 9 de xaneiro CC-BY-NC-SA BNG Ourense

A reivindicación da Plataforma ProCAPD vén pasando pola existencia do centro, pero tamén por que a súa xestión sexa integramente pública. A petición veu sendo secundada por todas as forzas políticas, tamén o PP. Pero, contra finais do pasado 2024, Política Social virou ao anunciar que, como no caso de Ferrol, o novo centro de Ourense terá xestión indirecta mediante a adxudicación a unha entidade do terceiro sector. O Goberno galego concretou a decisión no Consello do pasado 27 de decembro, que autorizou o departamento que dirixe Fabiola García a lanzar o contrato por 13,5 millóns de euros por unha xestión de ata tres anos.

"A calidade asistencial non é igual nun centro público ca nun privado ou concertado", subliña Eva Gutiérrez, da Plataforma ProCAPD, que sinala como mellor mostra as eivas do único dos complexos de discapacidade da Xunta con xestión privada, o de Ferrol

A viraxe indignou as familias, que este pasado xoves volveron sacar á súa protesta á rúa. Eva Gutiérrez, nai dun mozo con discapacidade e unha das voceiras da plataforma, explica en declaracións a Praza.gal que a clave desa indignación é que "a calidade asistencial non é igual nun centro público ca nun privado ou concertado, non imos cansar de repetilo". Existen, subliña, múltiples "exemplos" a comezar polo único centro de discapacidade da Xunta sen xestión directa, o ferrolán. Boa mostra son tamén, resaltan, as residencias da terceira idade.

A Xunta, lamenta, optou por "xogar sucio connosco" ao poñer o foco en que "as prazas son públicas" con independencia do modelo de xestión. "Iso xa o sabemos, pero non se trata diso", resalta Gutiérrez, que pon o foco en que "a xestión é a atención e a atención é a calidade asistencial". E esa calidade, exemplifica, non vai ser a mesma se os coidados son fornecidos por persoal público, coas rateos e condicións que implica, ou por persoal ao servizo dunha entidade privada "que quererá facer o seu traballo, non o discuto, pero vai ter un obxectivo que é gañar cartos", o cal ve "rifado" coa máxima calidade "na alimentación, o persoal ou as actividades, aí é onde está a clave".

Concentración da Plataforma ProCAPD en Ourense ante as obras de construción do centro en 2022, actualmente xa rematadas CC-BY-NC-SA PSdeG

Eva Gutiérrez observa ademais o modelo de xestión promovido por Política Social para o CAPD de Ourense como un "experimento". Pero "os nosos fillos non son paquetes nin cobaias" e por iso, advirte, "non imos parar nin retroceder" porque "nos sentimos con máis forza ca nunca; os nosos fillos meréceno" e ademais, agrega, "non podemos consentir que Ourense sexa a única provincia sen un centro como as demais, público e con xestión pública directa da Xunta e profesionais públicos especializados".

Política Social afirma que o servizo será "da máxima calidade" e garante que estará "moi pendente" da concesionaria ao tempo que sinala "moitos intereses a nivel político" nas protestas

Neste contexto, antes de emprender novas mobilizacións a plataforma ProCAPD agardará "uns días" para saber se a conselleira Fabiola García "se pon en contacto connosco ou accede a recibirnos para darnos as explicacións oportunas". Non obstante, matiza, "podemos pensar que case son unha resposta súa" as declaracións da directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, este pasado venres en La Voz de Galicia, onde a alto cargo aseguraba que o servizo será "da máxima calidade" e que a Xunta estará "moi pendente" de que a concesionaria cumpra, se ben aproveitaba para afirmar tamén que observa "moitos intereses a nivel político" por tras das protestas.

Apoio de BNG e PSdeG

Na mobilización do pasado xoves a plataforma recibiu, como adoito, o apoio das dúas forzas políticas da actual oposición no Parlamento, BNG e PSdeG, desta volta con cadanseus líderes á fronte, que mantiveron senllas xuntanzas coas familias. O Bloque, afirmou Ana Pontón fará "todo o posible" para que a Xunta "rectifique, deixe de enganar e mentir e empece a cumprir coas familias de Ourense", a comezar por que o novo CAPD comece a operar con xestión pública directa.

Xuntanzas de Pontón e Besteiro xunto a outros representantes de BNG e PSdeG coa plataforma ProCAPD Ourense, o pasado 9 de xaneiro CC-BY-NC-SA BNG | PSdeG

"Por que o Goberno de Rueda pretende discriminalas negándolles un servizo público que teñen outras provincias", pregúntase Pontón, dende cuxo punto de vista o PP "antepón o negocio aos coidados das persoas" aínda que isto implique mesmo renunciar a un compromiso que os propios populares deixaron "por escrito". "Nin os dereitos nin as persoas con discapacidade son un negocio", enfatizou a portavoz nacional do BNG.

Pontón e Besteiro evidenciaron o apoio de BNG e PSdeG ás familias acudindo á súa mobilización desta semana

Tamén o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, pon o foco na diferenza entre a xestión pública directa dos centros de atención á discapacidade da Coruña, Sarria e Chapela e os plans de Política Social para Ourense, ao xeito dos aplicados en Ferrol. Para o líder socialista implica "maltrato" que estas persoas sexan "obrigadas a desprazarse máis de cen quilómetros" para poderen aspirar a ser atendidas "no centro público máis próximo".

O Goberno galego, insiste Besteiro, debe "cumprir co acordado coas familias en 2016", isto é, "xestión pública e directa" o centro "integrando centro residencial, centro de día e prazas de respiro familiar". O que reclaman, resalta, "non é un luxo, é un dereito básico para garantir unha vida digna ás persoas con discapacidade".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.