O informe destaca que "o principal desequilibrio" do Sistema Público de Servizos Sociais en Galicia é o que a denomina "dereitos de papel". Un sistema "ben ordenado, pero cunha relevancia económica débil e unha cobertura reducida de prestacións e servizos"
A Asociación Estatal de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais vén de presentar a edición 2023 do seu Índice DEC (Dereitos, Economía, Cobertura) describe a situación actual dos servizos sociais no Estado e a súa evolución nos últimos anos, ademais de analizar as "grandes diferenzas" existentes entre unhas e outras comunidades autónomas.
O índice é o resultado da análise conxunta de moi diversas variables, dende o gasto en servizos sociais, os dereitos legalmente recoñecidos, a amplitude da cobertura destes dereitos e a súa aplicación real.
No ano 2023 Galicia empeorou a súa valoración neste índice DEC, pasando de 5,13 puntos sonre 10 a 4,49 puntos, un suspenso que a entidade cualifica de valoración "débil". No ano 2022 Galicia obtivera a súa mellor valoración na última década, que agora empeora, retrocedendo en todos os capítulos.
Galicia ocupa o posto número 14 na clasificación das Comunidades Autónomas no desenvolvemento do seu Sistema Público de Servizos Sociais, só por diante de Murcia e Cantabria
. En total, Galicia ocupa o posto número 14 na clasificación das Comunidades Autónomas no desenvolvemento do seu Sistema Público de Servizos Sociais, mellorando unicamente os datos de Murcia e Cantabria e empatada con Madrid.
O informe destaca que "o principal desequilibrio" do Sistema Público de Servizos Sociais en Galicia é o que a asociación denomina "dereitos de papel", é dicir, "un Sistema ben ordenado (Lei, Catálogo, planificación, boa integración entre Administracións...), pero cunha relevancia económica débil e unha cobertura reducida de prestacións e servizos".
O gasto en servizos sociais en Galicia segue por debaixo da media estatal, situada nos 512 euros
A asociación explica que no primeiro capítulo, o do recoñecemento dos dereitos, Galicia "mantén a excelencia nesta dimensión do Índice, xa que desenvolveu a súa Lei de Servizos Sociais coa aprobación do Catálogo". Ademais, destaca que dende o ano 2022 volve contar cunha planificación estratéxica, tras perder a súa vixencia o ano anterior e que tamén integra a atención á dependencia no seu sistema de servizos sociais.
En canto á parte económica, as administracións públicas de Galicia (Xunta, Deputacións e Concellos) incrementaron un 5% o seu gasto en servizos sociais respecto ao ano anterior, pasando de 442,8 euros por habitante en 2021 a 465,1 en 2022. Porén, o gasto en servizos sociais segue por debaixo da media estatal, situada nos 512 euros.
Galicia aparece por riba do Estado na atención á dependencia, nos centros de día para maiores e nos acollementos familiares para menores
Finalmente, no que atixe ao terceiro capítulo, o da cobertura de servizos, Galicia só aparece por riba da media do Estado en Atención á dependencia -con 6,4 puntos na Escala do Observatorio da Dependencia, fronte a unha media estatal de 5,1 puntos-. Tamén en Centros de día para persoas maiores de 70 anos, cunha cobertura de 1,12%, fronte ao 0,96% da media estatal. E en acollementos familiares para menores, que en Galicia representan o 57,8% do total, e na media estatal o 52,2%.
Galicia empeora a media estatal na dotación de profesionais, nas rendas mínimas de insercións, e nas prazas residenciais para maiores, para mulleres vítimas de violencia de xénero ou para o aloxamento de persoas sen fogar
En cambio, Galicia empeora a media estatal no resto de variables. En primeiro lugar, na dotación de profesionais da súa rede básica de servizos sociais, cun profesional por cada 2.022 habitantes en Galicia, sendo a media estatal un por cada 1.764 habitantes. Tamén nas rendas mínimas de inserción, que en Galicia percibe unicamente 4,4% da súa poboación baixo o limiar da pobreza, mentres que a nivel estatal a media é de 7,99%.
Os datos son peores que a media tamén nas prazas residenciais para persoas maiores de 70 anos, no servizo de axuda a domicilio para persoas maiores de 70 anos e no servizo de teleasistencia para persoas maiores de 75 anos. Igualmente, Galicia non chega á media estatal nos servizos para persoas con discapacidade.
O mesmo sucede coas prazas de acollida para mulleres vítimas de violencia de xénero, con 6,47% por cada 100 mulleres con orde de protección en Galicia, fronte a unha media estatal do 14,25%.
Finalmente, Galicia está por debaixo da media na cobertura de prazas de aloxamento para persoas sen fogar, con 40,1 prazas por cada 100.000 habitantes en Galicia, e 58,5 de media estatal.