Este luns a Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais publicou o seu informe anual que analiza o investimento social (en Sanidade, Educación e Servizos Sociais) en cada comunidade autónoma, un documento que permite comparar o esforzo orzamentario que cada territorio realiza nas súas políticas sociais e poñelo en perspectiva histórica.
O gasto social no conxunto das 17 comunidades autónomas supuxo no ano 2022 do 58,8% do total do gasto, mentres que no ano 2009, no comezo da Gran Recesión, representaba o 67,4%
Esta perspectiva histórica amosa unha tendencia á diminución da parte proporcional que este investimento social representa en relación ao conxunto do orzamento de cada administración. Así, o gasto social no conxunto das 17 comunidades autónomas supuxo no ano 2022 do 58,8% do total do gasto, mentres que no ano 2009, no comezo da Gran Recesión, representaba o 67,4%. Houbo, polo tanto, un descenso de 8,6 puntos. En Galicia o descenso foi menor, pero igualmente o gasto social pasou de ser o 66,4% do orzamento a representar o 62,9%, unha caída de 3,5 puntos.
Aínda así, Galicia segue entre as comunidades que dedica unha parte máis importante do seu orzamento a gasto social, só por detrás de Castela-A Mancha, Andalucía e País Vasco. No outro extremo, Cataluña e Navarra son os territorios nos que o investimento en Sanidade, Educación e Servizos Sociais ten un peso menor nas súas contas anuais.
A entidade destaca que ps recortes en políticas sociais a partir do ano 2010, que foron especialmente drásticos en 2013 e 2014, produciron que nese ano se rexistrase o nivel máis baixo en gasto autonómico en servizos esenciais (sanidade, educación e servizos sociais). Sinala, así mesmo que "aínda que a crise sanitaria e social provocada polo Covid19 demostrou a importancia do gasto en servizos públicos esenciais, o incremento do gasto nestas políticas xestionadas polos CC.AA só foi o 13,5% entre 2019 e 2022, mentres que o incremento do gasto no resto de políticas foi o 41% nese mesmo período". "Iso evidencia a perda de peso específico do gasto social nas Comunidades Autónomas", conclúe o informe.
O investimento en Sanidade, Educación e Servizos sociais perdeu importancia en beneficio doutros gastos e tamén do pagamento da débeda.
En termos absolutos, iso si, o gasto social incrementouse dende o 2009, como tamén o fixo o orzamento total. Porén, o investimento en Sanidade, Educación e Servizos sociais perdeu importancia en beneficio doutros gastos e tamén do pagamento da débeda. Porén, se nos referimos a este incremento do gasto social, atopamos grandes diferenzas entre unha e outra.
Así, dende o 2009 o gasto social total das comunidades autónomas medrou un 19%, encabezado polas Illas Baleares e Comunidade Valenciana, por riba do 40%. Castela-A Mancha e Cataluña son os territorios nos que menos subiu, por debaixo do 10%. Galicia atópase nunha posición intermedia, pero por debaixo da media, cun crecemento do 16%, a tres puntos do aumento total.
O aumento do investimento en Educación en Galicia (+9,9%) dende o 2009 foi case a metade do que se deu no conxunto do Estado (+19,4%)
Hai variacións, iso si, se analizamos por separado a evolución do orzamento en Sanidade, Educación e Servizos Sociais. Neste caso Galicia aparece lixeiramente por riba da media no que respecta á evolución do orzamento sanitario, cun aumento do 16,4%, fronte ao 13,4% do conxunto do Estado.
En cambio, a evolución do gasto en servizos sociais en Galicia entre 2009 e 2022 (+35%) foi moi inferior á media (+48%). E, igualmente, o aumento do investimento en Educación en Galicia (+9,9%) foi case a metade do que se deu no conxunto do Estado (+19,4%).
Analizando o investimento social en termos de euros por habitante, atopamos que Galicia se sitúa por riba da media do Estado no que atinxe ao gasto sanitario (1.704 euros por persoa e ano, fronte a unha media estatal de 1.539). Galicia aparece nunha posición intermedia, moi por detrás doutras comunidades autónomas que tamén presentan un elevado grao de envellecemento da poboación, como Asturias, Estremadura e Castela e León. Cataluña e Madrid son os dous territorios cun menor gasto sanitario por persoa.
Tanto no gasto en Educación como en Servizos Sociais, Galicia sitúase por debaixo da media do Estado
En cambio, tanto no gasto en Educación como en Servizos Sociais, Galicia sitúase por debaixo da media do Estado e aparece, especialmente no gasto educativo, entre as últimas comunidades autónomas da lista. No ano 2022 Galicia destinou a investimento educativo apenas 998 euros por habitante, fronte a unha media estatal de 1.029 euros e datos moi superiores en País Vasco e Navarra, un 35% por riba das cifras galegas.