En 2021 o Ministerio de Dereitos Sociais aprobou un Plan de Choque cun importante aumento do financiamento estatal ao Sistema de Atención á Dependencia. A medida conseguiu un importante aumento do número de persoas atendidas e das condicións deste servizo na maior parte dos territorios
No ano 2021 o Ministerio de Dereitos Sociais aprobou un Plan de Choque que incluía un importante aumento do financiamento estatal ao Sistema de Atención á Dependencia, máis de 600 millóns de euros ao ano. O obxectivo era reverter os recortes que o sistema sufrira na década anterior a cargo do Goberno central e da maior parte dos gobernos autonómicos, que provocaran un forte incremento nas listas de espera, longos tempos de tramitación e resolución das axudas e unha diminución das prestacións e servizos.
Esta semana a Asociación Estatal de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais publicou a súa valoración dos efectos deste plan de choque nos seus tres primeiros anos de aplicación (2021, 2022 e 2023), concluíndo que a medida conseguiu un importante aumento do número de persoas atendidas e das condicións deste servizo na maior parte dos territorios. Con todo, a entidade advirte de que o incremento do financiamento estatal tivo "un impacto moito menor do esperado na mellora do Sistema".
A entidade critica, con todo, a "falta de vontade política dalgúns Gobernos Autonómicos, que reduciron a súa achega económica, facendo caixa co incremento do financiamento estatal"
A asociación subliña que parte da explicación destes "resultados tan limitados" está "na complexidade dos procedementos dende que unha persoa solicita que se recoñeza a súa situación de dependencia" e tamén na "falta de vontade política dalgúns Gobernos Autonómicos, que reduciron a súa achega económica, facendo caixa co incremento do financiamento estatal que supuxo o Plan de Choque".
Os principais indicadores de xestión amosan un claro avance no ano 2023, con preto de 100.000 persoas máis atendidas e máis de 75.000 con dereito recoñecido. Con todo, o avance foi moi desigual nunhas e noutras comunidades autónomas, con incrementos moi importantes nalgúns territorios, como Canarias (+17,3%), Baleares (+11,6%), Comunidade Valenciana (+9,3%), Madrid (+8,6%), Galicia (+8,2%), Asturias (+7,7%) e Estremadura (+7,6%) e datos máis negativos en Cantabria, Andalucía, Euskadi e Navarra. Ademais, durante o pasado ano, cómpre salientar que Galicia foi a comunidade autónoma na que máis aumentou o número de expedientes de Grao III, cunha suba do 10,47%, moi por riba do 3,47% da media estatal.
Galicia é unha das comunidades autónomas cunha menor proporción de persoas "atendidas" sobre o total da "poboación potencialmente dependente", apenas o 14,8%
Un dos aspectos máis criticados no informe foi a decisión dalgunhas comunidades de reducir a súa achega para a súa política de atención á dependencia, aproveitando o incremento do investimento estatal, de xeito que "fixeron caixa" cos cartos achegados dende o Goberno central. Fixérono así Catalunya, Andalucía, Comunidade Valenciana, Madrid, Estremadura, Cantabria, Asturias, Castela e León e Murcia. Non foi o caso de Galicia, que elevou o seu orzamento propio por riba do aumento da achega estatal.
A nota que a Asociación Estatal de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais outorga a Galicia este ano é de 6,4 puntos sobre 10. Unha valoración por riba da media (4,94)
En canto a Galicia, a situación é semellante á que se viña analizando nos últimos anos. O noso país é un territorio que, polas dúas características de poboación altamente envellecida, conta con moitas persoas que potencialmente se poden atopar en situación de dependencia, pero ás que non sempre se lles recoñece esta situación. Por este motivo (entre outros) Galicia é unha das comunidades autónomas cunha menor proporción de persoas "atendidas" sobre o total da "poboación potencialmente dependente", apenas o 14,84%. Galicia só mellora neste caso o dato de Canarias e sitúase moi lonxe da media estatal (21,4%).
De igual xeito, cómpre sinalar que Galicia é, con moita diferenza, a comunidade autónoma que rexistra menos solicitudes de atención sobre o total de persoas potencialmente dependentes, apenas o 17,28%, fronte a unha media estatal do 31,78%.
Un dos grandes problemas en Galicia é o longo período de tramitación, que se mantén ao redor dos 12 meses (362 días), por riba da media do Estado (324 días) e só por detrás dos datos de Canarias, Andalucía e Murcia
Fronte a estes datos, Galicia é unha das comunidades autónomas cunha menor porcentaxe de persoas con dereitos recoñecidos pendentes de prestación efectiva, unha situación que se adoita denominar "limbo da dependencia". No conxunto do Estado hai 179.243 persoas dependentes agardando pola súa atención, o 11,44% do total. Porén, en Galicia a porcentaxe (4,7%) é moi inferior. O limbo da dependencia reduciuse en 2023 un 11,9% no conxunto do Estado e Galicia foi a comunidade autónoma que máis descendeu, un 37,6%.
A nota que a Asociación Estatal de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais outorga a Galicia este ano é de 6,4 puntos sobre 10. Unha valoración positiva, moi por riba da media (4,94) e que sitúa o noso país só por detrás de Castela-A Mancha, Castela e León e Andalucía, e empatada con Madrid. Oito comunidades autónomas suspenden (Navarra, Aragón, Euskadi, Asturias, Canarias, Cantabria, Cataluña e Murcia). No caso de Cataluña e Murcia, a súa nota é a máis baixa de todas, con só un 1,7 sobre 10.
Tamén houbo o pasado ano unha diminución da atención nos servizos de teleasistencia e axuda a domicilio
Un dos grandes problemas en Galicia é o longo período de tramitación, que se mantén ao redor dos 12 meses (362 días), por riba da media do Estado (324 días) e só por detrás dos datos de Canarias, Andalucía e Murcia. O tempo de espera sitúase moi lonxe dos seis meses que establece a lei como prazo máximo para esta tramitación, que só cumpren País Vasco, Castela e León, Navarra e Cantabria.
Galicia tamén está moi por debaixo da media no número de prazas residenciais existentes en relación á cantidade de persoas usuarias potenciais. En 2023, ademais, o número de prazas de atención residencial e en centros de día mesmo descendeu en Galicia (-1.080). Galicia conta con algo máis de 21 mil prazas residenciais, ao redor de tres por cada 100 persoas de máis de 65 anos, lonxe da media estatal (4,2) e das recomendacións da OMS (5).
O gasto público en dependencia por persoa en 2023 situouse en Galicia nos 812 euros, moi por detrás da media española (1.305 euros)
Tamén houbo o pasado ano unha diminución da atención nos servizos de teleasistencia e axuda a domicilio. A pesar de que no conxunto do Estado a axuda a domicilio creceu en 2023, en Galicia reduciuse o número de persoas que recibiron o servicio de atención domiciliaria (-1.217).
Finalmente, o gasto público en dependencia por persoa en 2023 situouse en Galicia nos 812 euros, moi por detrás da media española (1.305 euros), un dato que só mellora o de Asturias e que supón menos da metade do gasto per cápita na Rioxa ou Castela-A Mancha.