'Este queixo non é unha illa', a loita colectiva da Ulloa contra Altri feita arte

Este queixo non é unha illa © Concomitentes
https://api.praza.gal/storage/uploads/cintino-concomitentes-86c99d8.jpeg

Este sábado preséntase en Palas de Rei unha acción artística colectiva ligada á mobilización social na comarca contra a macrocelulosa. Realizada co apoio de Concomitentes e mediada por Ana Moure e Ana Escariz, o proxecto é unha reivindicación dos valores do medio natural e dos saberes da comunidade

"Pois claro que este queixo non é unha illa. Non é unha illa porque está profundamente vencellado a un territorio, e se ese territorio desaparece ou sofre unha grande ameaza, como sucede co proxecto de Altri, ese queixo, esa produción, podería desaparecer ou ser moi distinta". No ano 2024 Ana Escariz e Ana Moure, do colectivo La Querencia, impulsaron dentro de Concomitentes o proceso participativo Os contos do leite co obxectivo de crear unha acción artística colectiva ligada á mobilización social na comarca da Ulloa contra a macrocelulosa de Altri.

O proxecto elixido foi Este queixo non é unha illa, proposto polo colectivo artístico Futurefarmers, que este sábado se levará á práctica na Ulloa. O punto de partida será Curbián (Palas de Rei), onde comezará un paseo performativo de 5 quilómetros no que as persoas participantes levarán ata a granxa de Arqueixal unha roda que contén no seu interior un queixo producido con leite de vacas que pastaban moi preto de onde Altri quere instalar a súa factoría. Unha roda que xa percorreu moitos camiños da comarca e que se inspira na tradición de levar casa por casa a virxe do Perpetuo Socorro en Palas de Rei.

Participantes na acción 'Este queixo non é unha illa' © Concomitentes

Búscase "celebrar as vitorias alcanzadas na loita e os coidados que se xeraron ao seu ao redor, que son, dalgún modo, o fermento que mantén unidas ás nosas comunidades"

O obxectivo desta intervención artística é múltiple: por unha banda, toda a actividade que se levou a cabo nos últimos meses en contacto coa veciñanza da comarca é unha celebración e unha reivindicación dos valores do medio natural, do colectivo e dos saberes da comunidade, así coma da súa actividade económica ligada ao territorio. Ademais, búscase "celebrar as vitorias alcanzadas na loita e os coidados que se xeraron ao seu ao redor, que son, dalgún modo, o fermento que mantén unidas ás nosas comunidades".

"Porque as vitorias hai celebralas", destaca Ana Escariz en conversa con Praza. "Neste tipo de loitas moitas veces non chega un día no que as macroempresas asumen publicamente a súa derrota, por iso hai que ir celebrando as pequenas vitorias que fan que pouco a pouco a ameaza se vaia afastando", di. "Se se parou o proxecto, cando menos de momento, foi grazas a unha mobilización cidadá tremenda", engade. Así mesmo, subliña que a mobilización serviu para crear comunidade, para unir a veciñanza: "ao final imos ter que agradecerlle iso a Altri", chancea.

Hai unha rede social, veciñal e de activismo moi importante, que foi quen de activar a mobilización contra Altri e que non día a día vertebra o territorio", salienta Ana Escariz

O grupo, con persoas ligadas á Plataforma Ulloa Viva, decidira que quería encargar unha obra de arte de tema e formato aberto que dialogara coa ameaza da macrocelulosa que Altri pretende instalar na Ulloa. A obra debería enunciar un futuro desexable sendo consciente do pasado e debería deixar unha pegada material no territorio. Entre as 14 propostas presentadas, a escollida foi a de Futurefarmers.

Partindo das preguntas "pode un queixo protexer un territorio?" e "pode unha vaca ser activista?", as persoas integrantes de Futurefarmers pensaron no proceso dixestivo das vacas, un dos poucos seres capaces de dixerir a celulosa. "Se a Finca de Quintas fora hai tempo un lugar onde pastaban as vacas… Que pasaría se fixeramos un queixo feito con leite que leve consigo a memoria daquel lugar? Así naceu a idea de facer un queixo. Como facer que o proceso sexa colectivo e xere coidados ao seu redor? Así naceu a idea da roda", explican.

O proxecto contou co apoio da Fundación Daniel e Nina Carasso e da Deputación de Lugo e coa colaboración do espazo de residencias artísticas Do Picho.

A longa tea azul representando o río Ulla, na manifestación do 15 de xaneiro de 2025 en Santiago © Concomitentes

Mentres o proxecto ía tomando forma, as persoas que participaban nel desenvolveron unha intensa actividade en paralelo, amosando que "a arte ten a capacidade de explorar novas formas de achegarse á realidade, de expandir os modos de contar o que nos preocupa ou nos afecta"

Concomitentes é unha produtora cultural sen ánimo de lucro que traballa para responder a problemáticas sociais ou ambientais a través dunha proposta artística. A través dunha mediadora, axúdase aos colectivos a profundar sobre a súa problemática e propónselles un ou unha artista que creará unha obra respondendo o seu desexo inicial. O resultado é unha obra artística que toma o formato que mellor se adapte ao encargo e o contexto, atopando na arte unha nova forma de facer xuntas.

E que mellor exemplo de facer xuntas que a loita que dende hai dous anos mantén a comarca da Ulloa contra o proxecto de macrocelulosa de Altri? Así o destaca Ana Escariz, que subliña que "este é só un proxecto máis, que se vén sumar a un ecosistema moi amplo e rico de accións e proxectos de mobilización na comarca e nun contexto cultural moi rico. Que non se pense que este é un proxecto que vén aquí a inventar a roda". "Hai unha rede social, veciñal e de activismo moi importante, que foi quen de activar a mobilización contra Altri e que non día a día vertebra o territorio", salienta.

Na manifestación do 15 de xaneiro de 2025 en Compostela elaboraron unha longa tea azul de 150 metros, representando o ameazado río Ulla, que se converteu nun dos símbolos da marcha. E ao chegar o verán imaxinaron como sería a Ulloa do futuro, no ano 2060, xa sen a ameaza de Altri

Este sábado o proceso iniciado no ano 2024 coa convocatoria do proxecto chegará á súa fin. Mentres o proxecto ía tomando forma, as persoas que participaban nel desenvolveron unha intensa actividade en paralelo, amosando que "a arte ten a capacidade de explorar novas formas de achegarse á realidade, de expandir os modos de contar o que nos preocupa ou nos afecta". 

Así, na manifestación do 15 de xaneiro de 2025 en Compostela elaboraron unha longa tea azul de 150 metros, representando o ameazado río Ulla, que se converteu nun dos símbolos da marcha. E ao chegar o verán imaxinaron como será a Ulloa do futuro, no ano 2060, nunha acción performativa guiada pola actriz Mónica García que percorría unha comarca que evitou a ameaza de Altri.

Participantes na acción 'Este queixo non é unha illa' © Concomitentes

A inauguración da obra adoita ser o peche do proceso. Con todo, Ana Escariz salienta que "estas son obras que están vivas e que van seguir activando cousas. Temos que pensar cando imos volver mover a roda". "Seguirá, pero xa doutras maneiras. Temos que pensalo co grupo de veciñas que participan no proxecto", engade.

Carteis colocados no marco ca acción 'Viaxe ao 2060: a Ulloa que venceu a Altri' ©

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.