Un proceso participativo iniciado hai cinco anos e no que colaboraron entidades coma a Asociación Amigas do Parque do Pasatempo deu lugar á encomenda dunha obra artística que complementa os traballos de rehabilitación do espazo
Hai cinco anos Vinte daba conta do inicio do proxecto Legado Coidado impulsado por Concomitentes para restaurar unha parte do degradado Parque do Pasatempo a través dunha intervención artística. "Pode unha vila enteira encargar unha obra de arte contemporánea?", preguntábase daquela, en referencia a un proceso participativo innovador no que, en lugar de que sexa unha persoa con grandes recursos económicos quen encarga a un artista que faga unha obra de arte, "sexa a cidadanía a que pide que se desenvolva unha produción artística".
Este sábado inaugurarase no Parque do Pasatempo unha intervención artística da investigadora multidisciplinar Carme Nogueira (Vigo, 1970) nun espazo que, ademais, foi transformado cunha proposta paisaxística de Iñigo Segurola. A obra de Carme Nogueira tira do legado dos irmáns García Naveira e componse de sete pezas modulares de cemento reciclado de 150x100x 67cm, baseadas nun ficticio despezamento da Fonte de Neptuno do propio parque.
Este sábado inaugurarase no Parque do Pasatempo unha intervención artística da investigadora Carme Nogueira (Vigo, 1970) nun espazo que, ademais, foi transformado cunha proposta paisaxística de Iñigo Segurola
Ademais, instálase nunha das áreas que orixinalmente formaba parte do Pasatempo e que desapareceu no longo proceso de degradación que sufriu este parque público enciclopédico único no mundo. A instalación está localizada na área contigua á Estatua da Caridade do parque, nas inmediacións do campo de fútbol construído nos anos 80 do pasado século e que sepultou a canle que atravesaba o parque e elementos tan singulares coma o denominado Estanque dos Papas.
A intervención do xardiñeiro e paisaxista Iñigo Segurola busca precisamente recrear a canle desaparecida e acompañar a obra de Nogueira cunha densa plantación de carácter exótico, nunha zona especialmente húmida (orixinalmente, un carregal). A intervención supón, polo tanto, unha transformación deste espazo para converterse nun novo lugar de convivencia para a cidadanía de Betanzos.
O proceso participativo serviu para "reflexionar sobre o coidado do patrimonio histórico dos irmáns García Naveira nesta localidade" e para afondar no "vencello" que a cidadanía de Betanzos ten con este espazo
Tan interesante coma a intervención material do espazo foi o proceso participativo que deu lugar a ela, o proxecto Legado Coidado que contou coa mediación de Fran Quiroga e no que en varias xornadas abertas participou un gran número de veciñas e veciños de Betanzos "para reflexionar sobre o coidado do patrimonio histórico dos irmáns García Naveira nesta localidade". No proceso colaborouse coa Asociación Amigas do Parque do Pasatempo, ACLP Roxin Roxal e a Asociación Amigos do Centro histórico de Betanzos.
O resultado final é "un acto de reparación" do dano sufrido polo espazo, destaca Fran Quiroga, pero unha reparación non entendida "como unha volta ao pasado", senón como a creación de "algo novo"
En 1893 comezou a construírse en Betanzos o Parque do Pasatempo, un xardín "enciclopédico", como o alcumou Luís Seoane, co que o indiano Juan Naveira buscaba ilustrar á cidadanía coas marabillas e a cultura do mundo. Décadas de degradación levaron á perda dunha parte significativa do espazo orixinal e, finalmente, ao peche completo do parque en outubro do ano 2018. Nese momento o derrubamento do templete do estanque do parque, en moi mal estado, espertou unha forte mobilización cidadá na vila, esixindo a protección e a rehabilitación do espazo. Nese contexto nace, ademais, o proceso impulsado por Concomitentes.
A intervención busca crear unha mellor conexión, unha "maior porosidade" entre o parque orixinal e o resto da cidade, "dialogando" coa obra impulsada polos irmáns Naveira
En febreiro do ano 2020 o Parque do Pasatempo foi finalmente declarado Ben de Interese Cultural, acadando unha protección integral e iniciando uns traballos de restauración, cun orzamento de 1,5 millóns de euros, cuxa segunda e terceira fase aínda están en fase de licitación, cunha cuarta fase que compete ao Concello. Esta intervención complementa, polo tanto, eses traballos e busca crear unha mellor conexión, unha "maior porosidade" entre o parque orixinal e o resto da cidade, "dialogando" coa obra impulsada polos irmáns Naveira. Unha obra de arte, pois, que enlaza con outra obra de arte e que ten a identidade, o legado e a historia como principios reitores.
No ano 2020 o Pasatempo foi finalmente declarado Ben de Interese Cultural, acadando unha protección integral e iniciando uns traballos de restauración aínda en proceso
O resultado final é "un acto de reparación" do dano sufrido polo espazo, destaca Fran Quiroga, pero unha reparación non entendida "como unha volta ao pasado", senón como a creación de "algo novo". O proceso, engade, achega a importancia do "vencello" da cidadanía con estes elementos patrimoniais, afondando na importancia daquilo que "dá lugar nunha vila á creación dunha Asociación de Amigas do Parque do Pasatempo, a realizar labores de limpeza, a impulsar a súa protección legal...?".
No proceso colaborouse coa Asociación Amigas do Parque do Pasatempo, ACLP Roxin Roxal e a Asociación Amigos do Centro histórico de Betanzos
O proceso participativo "fortaleceu ese vencello" e permite afondar no significado deste lugar para a veciñanza de Betanzos, que considera o Pasatempo como "algo moi propio" e moi ligado sobre todo á infancia de cada unha das persoas que participaron no proceso. O proceso remata con este encargo da cidadanía de Betanzos, unha "un desexo colectivo máis que unha suma de desexos", á artista -Carme Nogueira- para que desenvolva neste lugar unha obra de creación. Unha obra que debía ser "inacabada", vinculada á natureza, "que fose máis aló da idea de monumentalismo e que non fose excesivamente historicista, que permitise falar do futuro".
E o primeiro proxecto en Galicia que forma parte da rede europea Nouveaux Commanditaires, que desenvolveu desde 1990 máis de 500 obras de recoñecidos artistas internacionais en paises como Francia, Bélxica, Alemaña ou Italia
O proxecto conta co apoio da Fundación Daniel e Nina Carasso, mecenas fundador de Concomitentes, así como do Concello de Betanzos, a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e o Goberno de España. Con esta intervencion Betanzos pasa a ser o primeiro proxecto en Galicia que forma parte da rede europea Nouveaux Commanditaires, que desenvolveu desde 1990 máis de 500 obras de recoñecidos artistas internacionais en paises como Francia, Bélxica, Alemaña ou Italia.