No verán de 1910 os irmáns García Naveira ofreceron no Parque do Pasatempo unha festa para as súas amizades. Este venres a Asociación de Amigos/as do Parque do Pasatempo propón viaxar por un día ao pasado, a ese ano 1910, a través dunha "romaría modernista" que incluirá música da época, fotografía histórica, coches antigos e xogos tradicionais.
A celebración, un picnic público, comezará á unha do mediodía e continuará toda a tarde. Á unha e media terá lugar un pregón a cargo dun redivivo Juan García Naveira -creador do parque-, nunha representación que animará ás persoas asistentes a caracterizarse e a viaxar ao pasado. A asociación vén realizando actividades de difusión, limpeza e potenciación do Parque, así como a investigación do seu pasado. A romaría contará co jazz e o swing de Marian Ledesma & Los Tinaquero Brothers, a música tradicional da Escola Municipal de Folclore de Betanzos e do Grupo Azougue. A asociación explica que a maior parte das actividades se realizarán na parte nova do Parque (os xardíns) para evitar o risco de provocar estragos nos bens patrimoniais.
A romaría coincide ademais co 125 aniversario do inicio da construción do parque, que foi rematado en 1914. Coa morte de Juan García Naveira deu comezo a decadencia do espazo, que xa nos anos 40 sufriu a construción dunha estrada que dividiu o parque en dous, as edificacións dun lado e os xardíns do outro. O xardín foi reconvertido en hortas e depósito de entullos, o que rematou por estragar case definitivamente as estruturas, estatuas e relevos. O Parque do Pasatempo foi mercado polo Concello de Betanzos en 1986, pero isto non detivo por completo o proceso de degradación dun espazo único no mundo e que conta tantas cousas sobre a Galicia da súa época.
En febreiro do ano 2017, coa caída dun dos muros que limitan coa estrada, a Asociación de Amigos do Parque do Pasatempo solicitou a declaración de Ben de Interese Cultural para o Parque. O expediente para que O Parque do Pasatempo sexa Ben de Interese Cultural leva xa máis de 37 anos en tramitación, un proceso que semella que por fin se vai completar nos vindeiros meses. "Esta obra posúe un interese científico e técnico, ao constituír un dos primeiros exemplos de institucións con vocación científica que podemos atopar en Galicia e onde por primeira vez se amosan certos avances técnicos que van caracterizar o século XX", destaca a Xunta no anuncio de incoación do expediente, que engade que se trata “dunha obra senlleira pola súa singularidade e fráxil polo abandono e as agresións a que estivo sometido, o que o converte nun ben vulnerable que require de maneira urxente afondar na súa protección e adecuada xestión”.