“Que o Goberno central se implique na achega de fondos para que o único parque deseñado con fins didácticos en España estea nas mellores condicións”, dixo Feijóo, que engadiu que quería “comprometerse” desde a Xunta tamén para achegar eses fondos e “poñer en valor” ese pacto entre administracións do que di sentirse especialmente orgulloso. Fíxoo o presidente na Xunta no peche da súa intervención durante o acto, este pasado mércores, da conmemoración do 800º aniversario da cidade de Betanzos.
Feijóo pide ao Goberno central "que se implique na achega de fondos" para a rehabilitación en conservación do parque do Pasatempo
Aproveitou o evento para pedir a implicación do Estado na rehabilitación e conservación do parque do Pasatempo logo de que hai algo menos dun ano o Goberno galego publicase o inicio do procedemento para a súa declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) coa categoría de xardín histórico. Case un ano máis ten de tempo a Xunta para rematar o expediente, momento no que certificará esa achega de fondos que agora compromete Feijóo pero que a Consellería de Cultura xa prometera ao Concello de Betanzos.
A histórica reclamación de maiores figuras de protección e de traballos de recuperación do parque do Pasatempo colleu un novo pulo en 2017, cando as choivas provocaron novos desperfectos nun recinto cun desigual estado de conservación. Daquela a Deputación da Coruña ofreceu contribuír cun 45% dos fondos necesarios para restaurar o recinto, estimados en algo máis de 1 millón de euros, se a Xunta contribuía con outro tanto e o Concello de Betanzos co 10% restante. Porén, o Goberno galego evitou comprometer cartos argumentando que o primeiro paso debía ser a súa protección como BIC. Porén, o proceso para acadar esa declaración iniciouno hai once meses, sen saber aínda cando se rematará e, polo tanto, de cando poderá iniciarse a súa rehabilitación.
A Deputación da Coruña comprometeu 600.000 euros e o Concello, 150.000; a Xunta non concreta cifra ata que remate a súa declaración como BIC
Polo momento, a Deputación da Coruña comprometeu xa achegar 600.000 euros, mentres que o Concello de Betanzos xa advertiu de que porá 150.000. Son 750.000 acordados xa para para as obras de recuperación desta zona histórica betanceira. A Xunta fala tamén de poñer a súa parte, ademais de achegar apoio técnico, pero agora pide a implicación do Estado tamén.
Feijóo fixo este chamamento para salvar o Pasatempo logo de anos de desleixo por parte das administracións, tamén da galega, que acumula atraso tras atraso na declaración BIC do parque. E tamén tras anos sen que o Executivo central, antes de Mariano Rajoy, fose aludido nin se implicase no proxecto. Malia a súa petición e o seu compromiso, o Goberno galego non especifica axuda concreta para a mellora deste peculiar parque histórico e educativo, pero si anunciou 3,7 millóns de euros en varias parroquias betanceiras para poñer en valor o Camiño de Santiago, a gran aposta cultural da Xunta nos próximos anos.
Todo despois de que a finais do pasado ano Betanzos reclamase á Xunta que actuase e de que o Parlamento esixise a declaración como BIC e fondos para a rehabilitación do espazo. Nada se avanzou, tampouco en partidas orzamentarias, malia que derrubamentos polas chuvias e a súa continua degradación continúa e é alertada a cada pouco pola veciñanza e colectivos en defensa desa zona.
O Pasatempo, erguido sobre unha superficie total dunhas 9 hectáreas, foi construído inicialmente en 1893 e rematado en 1914, a instancias do benfeitor e emigrante na Arxentina Juan García Naveira. Falecido o impulsor antes da Guerra Civil, o Parque foise deteriorando e foi mesmo utilizado como campo de concentración para prisioneiros republicanos. Sufriu roubos, a construción dunha estrada polo medio e numerosos danos que estragaron varias pezas. En 1986, o Concello mercouno e levou a cabo obras de rehabilitacións durante anos. Malia os parches que supuxeron varias obras, a necesidade de importantes fondos e dun programa a longo prazo e efectivo de rehabilitación faise cada vez máis necesario.