A Consellería de Cultura vén de publicar este luns no Diario Oficial de Galicia (DOG) o inicio do procedemento para a declaración do parque do Pasatempo de Betanzos como Ben de Interese Cultural (BIC) coa categoría de xardín histórico. O Goberno galego abre agora un período de información pública dun mes, pero terá ata dous anos para rematar o expediente. E será daquela cando comprometa, ou non, cartos autonómicos para a restauración do recinto.
O Goberno galego ten dous anos para rematar o expediente de protección cultural do xardín histórico de Betanzos
A histórica reclamación de maiores figuras de protección e de traballos de recuperación do parque do Pasatempo colleu un novo pulo hai un ano, cando as choivas provocaron novos desperfectos nun recinto cun desigual estado de conservación. Foi nese momento cando a Deputación da Coruña ofreceu contribuír cun 45% dos fondos necesarios para restaurar o recinto, estimados nuns 1,3 millóns de euros, se a Xunta contribuía con outro tanto e o Concello de Betanzos co 10% restante. Porén, o Goberno galego evitou comprometer cartos argumentando que o primeiro paso debía ser a súa protección como Ben de Interese Cultural. Porén, o proceso para acadar esa declaración iníciao aínda agora, un ano despois, coa indefinición de cando se rematará e, polo tanto, de cando poderá iniciarse a súa rehabilitación.
O parte do Pasatempo foi impulsado polos irmáns García Naveira, en particular por Juan María, que comezou a adquirir os terreos en 1883 para iniciar a construción dez anos despois. En 1914 a maior parte do parque estaba xa construída, pero seguiuse ampliando e modificando ata 1933.
A Xunta considera o parque "exemplo significativo de xardíns de titularidade e promoción privados dedicados ao uso público e non asociados ao uso residencial”
Segundo indica a Xunta na resolución pola que incoa o expediente para declarar BIC o parque, este “ é, cando menos, unha obra singular no contexto da creación artística galega de finais do século XIX e principios do XX, que recolle diversos aspectos da longa tradición da xardinaría europea, pero constitúe un testemuño único e excepcional, pola actitude ecléctica desenvolvida e por apartarse da tradición local dos pazos galegos e da propia arquitectura indiana”. “Non hai exemplos significativos de xardíns de titularidade e promoción privados dedicados ao uso público e non asociados ao uso residencial”, engade o texto, polo que cualifica o Pasatempo como “unha obra senlleira pola súa singularidade e fráxil polo abandono e as agresións a que estivo sometido, o que o converte nun ben vulnerable que require de maneira urxente afondar na súa protección e adecuada xestión”. A Consellería de Cultura considera que “esta obra posúe un interese científico e técnico, ao constituír un dos primeiros exemplos de institucións con vocación científica que podemos atopar en Galicia e onde por primeira vez se amosan certos avances técnicos que van caracterizar o século XX”.