A Xunta evita comprometer cartos para rehabilitar o deteriorado Parque do Pasatempo de Betanzos

O Parque do Pasatempo nos primeiros anos do século XX Dominio Público Arquivo Deputación da Coruña - Colección Manuel Puga Pequeño

O histórico Parque do Pasatempo de Betanzos sofre dende hai anos un avanzado estado de deterioro. O derrubamento dun muro provocado polos temporais do pasado febreiro prendeu de vez as alarmas a prol da conservación do xardín enciclopédico dos irmáns García Naveira, concibido por aqueles indianos benfeitores da súa vila natal como un espazo para "ensinar aos nenos como era o mundo", en verbas do historiador Alfredo Erias, director do Museo das Mariñas e arquiveiro bibliotecario de Betanzos. A situación límite do recinto sobre a que diversos chamados sociais viñan poñendo o foco dende hai tempo foi abordada esta semana cunha proposta concreta da Deputación da Coruña e do Concello betanceiro: xuntaren entre as tres Administracións os 1,3 millóns que cómpren para rehabilitar o Pasatempo. Pero a Xunta vén de pechar a porta a ese acordo, cando menos de momento.

Despois de que o presidente da Deputación coruñesa, Valentín González Formoso, e mais o alcalde de Betanzos, Ramón García, concretasen a iniciativa: un 45% dos fondos pola banda autonómica e provincial e o 10% restante sufragado polo Concello, propietario do parque dende 1986, o rexedor betanceiro xuntouse o pasado venres coa directora xeral do Patrimonio Cultural da Xunta, María del Carmen Martínez. A intención do rexedor era presentar a solicitude de declaración do parque como Ben de Interese Cultural (BIC) -a anterior tramitación carecía de todos os informes precisos, segundo advertira a Xunta- e mais o proxecto de "convenio a tres bandas", que pasaría ademais porque o goberno local asumise o proxecto técnico de rehabilitación.

A Xunta limítase a ofrecer "apoio técnico" para axilizar a declaración do Pasatempo como Ben de Interese Cultural

Pero nese encontro, segundo admite o propio Goberno galego, o alcalde só atopou boa acollida para unha das súas peticións: "o apoio técnico necesario para favorecer e faciltiar a declaración como BIC". A directora xeral, di a Xunta, "trasladou que a Consellería de Cultura porá á disposición do Concello" os seus recursos para a declaración BIC na categoría de Xardín Histórico e tamén "para revisar como está orientado o anteproxecto de rehabilitación deste espazo singular". Pero "o mantemento e xestión correspóndelle por lei ao propietario do ben que, neste caso, é o Concello de Betanzos", advirte nun comunicado.

Deputación da Coruña e Concello de Betanzos ofrecen un "convenio a tres bandas" para achegar os 1,3 millóns que cómpren para rehabilitar o parque enciclopédico construído polos irmáns García Naveira

A Xunta desvincúlase deste xeito do financiamento da rehabilitación dun espazo que, admite é "singular" e "sobranceiro" por ser "o único xardín didático destas características en Galicia" e que "destaca tanto pola propia extensión do espazo, polos materiais utilizados e polas formas empregadas nas esculturas, traballos ornamentais e naturezas recreadas". "Ademais -abonda- leva implícito un valor inmaterial tamén excepcional relacionada coacción filantrópica dos irmáns García Naveira para os seus concidadáns".

A negativa da Administación autonómica a se implicar no futuro do Pasatempo foi ratificada polo Concello de Betanzos nun comunicado e o alcalde non ocultou a súa decepción. "O pasatempo é patrimonio de todos os galegos", subliñou en declaracións a La Opinión, nas que lamentou a "precipitada" resposta da Xunta sen sequera "estudar" a iniciativa provincial e municipal. A postura da Xunta confronta tamén coa da Deputación cuxo presidente coida que cómpre "facer un esforzo" para "salvar o Pasatempo" entre as tres Administracións "aínda que a lexislación vixente estableza claramente que a conservación do patrimonio cultural e histórico é competencia da Xunta".

Dende a oposición municipal o edil do BNG, Henrique del Río, lamentou que "uns polos outros" continúe "a casa sen varrer". "Seis anos para tramitar o BIC é un despropósito e tememos que chegue tarde de máis", sinala o edil, a cuxo xuízo "corremos o risco" de que, "cando por fin chegue, non quede Pasatempo que conservar".

Vista actual do Parque do Pasatempo de Betanzos © Turgalicia
Árbore xenealóxica do capital, no Pasatempo Dominio Público Lameiro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.