As chuvias dos últimos días provocaron a pasada semana o grave derrubamento do muro dun estanque. Foi un golpe máis na continua degradación que desde hai tempo sofre o histórico Parque do Pasatempo de Betanzos. O último dano neste espazo parece ser o punto de inflexión que fixo agromar a un tempo voces sociais e políticas pedindo unha solución de vez a un lugar único en Galicia, precursor no seu tempo pero decadente desde hai anos.
As últimas chuvias tiraron un muro, o último dano dun parque afectado polo desleixo, o vandalismo e a falta de mantemento
A situación era sabida. Tamén desde hai meses, unha petición online dirixida ao Concello e á Xunta reclama con máis de 5.500 sinaturas que se "poña fin ao incomprensible estado de abandono e á constante neglixencia que se comete continuamente no parque". Á marxe do desleixo institucional, este conxunto único sofre o vandalismo a través de pintadas, vexetación que afecta muros e esculturas, acumulación de lixo ou oxidación en diferentes elementos. E o evidente reclamo turístico que é acaba por veces virando en rexeitamento.
En Marea, logo da visita do seu voceiro e varios deputados á zona, anunciou que esixirá medidas no Parlamento para a protección dun parque “que é patrimonio de todos os galegos e galegas e que garda a memoria colectiva de Betanzos". O BNG da localidade pediu un pleno extraordinario para aprobar o proxecto e o financiamento para a rehabilitación do Pasatempo, mentres que o Concello anunciou medidas para arranxar os últimos danos provocados polas chuvias.
Concello e Deputación piden a implicación da Xunta para que se ocupe do mantemento do Pasatempo logo da súa rehabilitación completa
A administración local ten un proxecto de rehabilitación de todo o recinto histórico do Parque do Pasatempo valorado en 1,3 millóns para o que a Deputación da Coruña amosou xa a súa colaboración e futura achega. No entanto, tanto Concello como o organismo provincial piden á Xunta que se implique e lembran que, sen a súa axuda, será inviable. Queren que se faga cargo do seu mantemento no futuro. Desde o Executivo autonómico instan a Betanzos a que axilice a solicitude para que o espazo sexa declarado Ben de Interese Cultural (BIC), logo de que unha iniciativa anterior do pleno carecese dos informes técnicos correspondentes.
"O Pasatempo é propiedade do Concello pero aquí, como noutros muncipios e máis en tempos de crise, os medios son limitados e precísase axuda tanto da Deputación como da Xunta porque require un mantemento importante", di Alfredo Erias, historiador, director do Museo das Mariñas e arquiveiro-bibliotecario de Betanzos. El, coma moitas outros, cre que "o eco mediático provocado polos últimos danos, pola caída do muro, pode axudar a que as institucións fagan de vez o que teñen que facer con esta grande obra".
O Pasatempo, erguido sobre unha superficie total dunhas 9 hectáreas, foi construído inicialmente en 1893 e rematado en 1914, a instancias do benfeitor e emigrante na Arxentina Juan García Naveira. Falecido o impulsor antes da Guerra Civil, o Parque foise deteriorando e foi mesmo utilizado como campo de concentración para prisioneiros republicanos. Sufriu roubos, a construción dunha estrada polo medio e numerosos danos que estragaron varias pezas. En 1986, o Concello mercouno e levou a cabo obras de rehabilitacións durante anos.
"Hai un problema de raíz: non é suficiente con arranxar os seus problemas, senón garantir o seu mantemento día a día"
"Antes de que o Concello o mercase estaba absolutamente abandonado, logo rehabilitouse e renaceu, pero hai un problema de raíz: non é suficiente só con arranxar os seus problemas, senón garantir o seu mantemento día a día; faltou desde o inicio un programa de actuación a medio e longo prazo onde se deberían ter implicado diferentes administracións", insiste Erias, que destaca a relevancia dun parque único, peculiar e precursosr dos actuais parques temáticos. Xardíns, estanques, paseos, estatuas, construcións... Todo para reflectir lugares e feitos do mundo e da cultura universal que García Naveira e o seu irmán contemplaran nas súas múltiples viaxes.
"O obxectivo era ensinar aos nenos como era o mundo; nel actuaron os irmáns García Naveira e algúns mestres das escolas que eles crearan e querían amosar o que eles viran nun mundo no que non había televisión nin internet", destaca Erias, que lembra que no Pasatempo "púidose ver o primeiro dirixible antes de que ningún voase antes sobre Galicia". Conta con relevos de gran tamaño representando elementos de Exipto, coa pirámide de Queops, a muralla chinesa e o canal de Panamá. E tiña ata un parque zoolóxico, ademais de reloxos con varios fusos horarios, estanques e labirintos vexetais. E os leóns que acabaron en Covadonga.
"É unha miscelánea pero harmonizada para que os nenos aprendesen", insiste Erias, que lembra os "ecos clásicos" de numerosas representacións escultóricas, como os emperadores romanos que foron vendidos, pero tamén mesturadas con "elementos naïf". Como exemplo, as figuras que representan o mito da caridade de Roma, cunha muller dándolle de mamar a seu pai mentres, no Pasatempo, fala cun teléfono da época cos irmáns García Naveira que, pola outra liña. respóndenlle sinalando o que eles tamén consideraban caridade sinalando o asilo e as escolas construídas. É a estatua na que, agora na Praza do Campo, os irmáns García Naveira sinalan agora ao horizonte.
"Estou seguro de que se reaccionará, pero as administracións teñen os seus tempos e pasos; estou convencido de que o Concello vai recibir axuda para que o Pasatempo quede e funcione como é debido", remata Alfredo Erias sobre un parque único e degradado.