Lúa Lóngora, a protagonista da novela gañadora do VIII Premio Cidade Centenaria de Ribeira, é cega de nacemento. E a súa é unha historia non normal, senón extraordinaria, porque a súa vida está marcada polo éxito en termos profesionais e sociais -familia, parella, amizades…-. Pode semellar, quizais, unha idealización da realidade dunha persoa discapacitada nun contexto social e institucional non moi preparado para a diversidade funcional. Ou mesmo da de calquera persoa nun sistema no que o triunfo non é unha cuestión principalmente de esforzo individual. Mais o obxectivo da súa creadora, a escritora Irene Montero, é salientar que, se se poñen á disposición das persoas con discapacidade as ferramentas necesarias, poden ter unha vida como a dos demais. Falamos con ela, que respondeu as nosas preguntas por correo electrónico.
Lúa Nova é a historia de Lúa Lóngora. Como xurdiu a personaxe? Quen é a Nati que citas no epílogo?
Lúa Nova é unha historia que precisaba contar, desas que che ferven por dentro e que te vai buscar a ti, non ti a ela. A personaxe de Lúa Lóngora, protagonista da novela, está inspirada nunha moza do meu pobo, Nati, á que coñezo desde que é pequena e coa que coincido no Grupo de Baile e Gaitas Santaia, de Santa Cruz (Oleiros), onde trabei amizade con ela e a súa nai. Natalia, igual que Lúa, é cega de nacemento, unha condición que non lle impide loitar polo que desexa. Ben ao contrario, se hai unha palabra que a defina é “capaz”, capaz de practicamente todo o que se propoña.
O libro gañou o premio de novela curta Cidade Centenaria de Ribeira. Como foi para ti recibir este premio coa túa primeira novela?
Pois a verdade é que foi unha sorpresa absoluta. É certo que optei por presentarme a varios concursos como unha vía para ver o meu “contiño” publicado, pero, sinceramente, non contaba para nada con gañar xa o primeiro que se resolveu. Aínda recordo a chamada da concelleira de Cultura de Ribeira. Cando se presentou e empezou a falar pensei: mira que riquiños que chaman a tódolos participantes para agradecerlles que presentaran a súa obra. Pero non. Cando me dixo que era a gañadora, non podía deixar de rir. E, desde entón, este libro non me trouxo máis que alegrías.
Lúa non ten unha vida normal, senón unha vida extraordinaria: moito éxito profesional, social e persoal. O cal facilita presentar a súa traxectoria como unha historia de superación individual nun mundo xusto que recompensa o esforzo, pois ela é quen de “comer o mundo perseguindo os seus soños”. Era o teu obxectivo? Ata que punto o éxito de Lúa o é tamén da súa contorna social? (A Once, por exemplo, xoga un papel fundamental. Quizais maior que as institucións públicas).
“A Once xoga un papel crucial, que as institucións públicas están a anos luz de desenvolver”
Certo. Esta historia merecía ser contada precisamente porque se trata de algo pouco habitual. Unha historia que ten moito de extraordinario e na que teñen moito que ver distintos factores. O primeiro deles é a propia capacidade de Lúa, capacidade de traballo, de loita, de tesón, de marcarse o seu propio camiño a partir das súas fortalezas. Pero, obviamente, no seu caso non chega. Lúa tivo a sorte de contar cunha familia que soubo tecer unha rede de apoio arredor da súa filla. A Once, por suposto, foi un soporte fundamental, pero tamén a familia, os amigos, os profesores e pedagogos de apoio, o propio pobo...
E si, o que dis é certo, a Once xoga un papel crucial, que as institucións públicas están a anos luz de desenvolver. Non é so asesoramento, é acompañamento literal en tódalas etapas, é a aprendizaxe do braille e a transcrición de tódolos libros e partituras que precise, o que abre aos usuarios o acceso ao coñecemento, que non é pouca cousa.
Nesa contorna están o seu pai e a súa nai, que teñen unha relación diferente coa discapacidade de Lúa. Que representan, ao respecto, estes dous personaxes?
Digamos que son dúas maneiras de enfrontarse á discapacidade, ambas perfectamente humanas e comprensibles. Unha máis proteccionista, a desenvolvida polo pai, sempre prevido para asistir á súa filla cada vez que cae. Porque caer, caeu unha morea de veces. E a outra maneira, que encarna Mela, a nai de Lúa, é máis severa, máis esixente, para aprender a Lúa a ser independente e a erguerse soa cando se producen esas caídas. Eu penso que son dúas actitudes complementarias, que xuntas, contribuíron a fortalecer a Lúa e axudarse a mirar ao futuro con confianza.
Toda a novela salienta a necesidade de non sobreprotexer as persoas cegas e de fomentar e respectar a súa autonomía. Non se avanzou moito logo socialmente ao respecto? Hai moita tendencia á conmiseración?
“Pode ser que estea máis ou menos superado o desprezo ás persoas con discapacidade, pero non sei se o estará tanto a conmiseración, a pena”
Isto pódese aplicar á cegueira e a calquera outra discapacidade. Evidentemente é necesario proporcionar ás persoas con diversidade funcional as ferramentas que necesitan para desenvolverse nunha sociedade hostil, que rexeita ao diferente. Preguntas se se avanzou e, evidentemente si. O suficiente? Non.
Pode ser que estea máis ou menos superado o desprezo ás persoas con discapacidade, pero non sei se o estará tanto a conmiseración, a pena, actitudes derivadas de situar á persoa con discapacidade nun plano inferior. Creo que esa é a clave, o plano no que situamos á outra persoa. E ese plano ten que ser o mesmo. É probable que esa persoa cunha discapacidade sexa capaz de cousas ás que eu non vou chegar na vida. Poden ter algunha dificultade extra que lles complica as cousas, pero iso non significa que non se poidan valer por si mesmos.
Recordo unha entrevista a Pablo Pineda, mestre, conferenciante, escritor e actor con síndrome de Down na que explicaba que era frecuente que, con corenta e tantos anos, cando ía a xantar a un restaurante cos seus pais, por exemplo, preguntábanlles a eles se el, Pablo, quería viño para beber. Non se dirixían a el directamente. E iso é un absurdo.
Nese sentido, a discapacidade é un tema que foi gañando presenza na literatura galega, seguramente en paralelo á concienciación social sobre o tema. Que papel cres que debe ter a literatura ao respecto?
A literatura, igual que o xornalismo, serven para poñer enriba da mesa temas que preocupan á sociedade. E nese sentido, o seu papel é fundamental, porque teñen a capacidade de expoñer puntos de vista diferentes e abrir debates ao respecto. A diferenza é que o xornalismo ten que se cinguir máis estritamente á realidade e a un espazo determinada, mentres que a literatura permite che máis liberdade tanto no contido e na forma coma no espazo que precises, o que permite ás veces afondar en detalles que, doutro xeito, sería máis complicado. En todo caso, ambos os dous, literatura e xornalismo, son cruciais para xerar debate e, polo tanto, continuar evolucionando.
A novela comeza e acaba no presente, cunha viaxe a Estados Unidos de Lúa relacionada coa súa discapacidade. Polo medio imos coñecendo a súa historia, da infancia ao presente, que ademais é próximo porque se fala por exemplo da pandemia. Algún motivo especial para escoller esta estrutura narrativa?
Pois se che digo a verdade, non foi intencionado. Cando empecei a escribir, tiña claro o principio e o final, pero o resto da historia foi chegando soa. Si que é verdade que lle din o pulo definitivo durante a pandemia e por iso hai referencias a ela. E tamén teño que dicir que algunha escena que se describe, como a da protagonista cantando o romance de Don Gaiferos sucedeu en realidade dous anos despois de escribila, na persoa de Nati. É un contiño que ten moito de ficción cosida con grandes doses de realidade tamén.
Como foi o proceso de escrita? Querías que fose unha novela curta de fácil lectura, ou foi saíndo así? Por iso a sinxeleza na estrutura e na linguaxe?
“Eu non son de perífrases rebuscadas nin de encher os escritos con palla”
Pois a verdade, como che dicía antes, non foi premeditado. De feito, mentres a escribía nin sequera pensaba en publicala, só en sacala fóra dalgunha maneira. Supoño que a escrita reflicte un pouco a miña propia maneira de ser e de expresarme. Eu non son de perífrases rebuscadas nin de encher os escritos con palla. Cando estudaba e os profesores poñían un límite dunha hora e un folio, a min alegrábanme o día. E na literatura, sinceramente, prefiro que o lector quede con ganas de máis a que lle sobre a metade do libro.
A carreira de Lúa como artista está conformada por “bágoas e risos”. Antes de acadar o éxito sentiuse algunha vez desprezada, humillada ou utilizada, “como tantas outras artistas”, tal como di a voz narradora. Na infancia ás veces tamén se portan mal con ela. O libro non afonda moito nesas partes malas da súa vida, podendo producir ao respecto unha certa imaxe de idealización da vida dunha persoa cega…
“Tamén se pode considerar Lúa Nova un chamamento ás institucións públicas e á sociedade en xeral para que se involucren e lles faciliten o camiño”
Como che dicía ao principio, non quero transmitir a idea de que a cegueira ou calquera outra discapacidade é un camiño de rosas. Non o é. É unha pelexa continua. E esta é unha historia que merece ser contada polo que ten de extraordinario, porque non é o normal. Pero onde quero facer eu fincapé en que se se poñen á súa disposición tódalas ferramentas necesarias, é posible. Con moito esforzo e sacrificio, pero é posible que estas persoas teñan unha vida plena. Polo que tamén se pode considerar Lúa Nova un chamamento ás institucións públicas e á sociedade en xeral para que se involucren e lles faciliten o camiño. Porque é posible e, como sociedade, non podemos permitirnos o luxo de prescindir das capacidades de ninguén.
E, por suposto, é un chamamento tamén ás familias, para que non tiren a toalla, para que crean nos seus fillos e fillas, para que os apoien nas súas dificultades, por suposto, pero os axuden a potenciar as súas fortalezas. Isto é importantísimo. Porque as familias son as que teñen a capacidade e a responsabilidade de canalizar este proceso.
Algo máis que queiras salientar?
Simplemente dar as grazas a Edicións Xerais pola acollida, o asesoramento e o respecto durante todo o proceso de edición da obra. Sentinme como na casa desde o primeiro momento e iso é moi de agradecer.