As persoas coa síndrome de Down reclaman no seu día autonomía persoal e "as mesmas oportunidades cós demais"

Persoa coa síndrome de Down reivindica a campaña #NonSomosUnEstereotipo © Down Galicia

O Teatro Principal de Ourense acolle este martes o acto conmemorativo do Día Mundial da Síndrome de Down, xornada que se celebra en todo o mundo nesta data escollida por Nacións Unidas e na que o Movemento Down en Galicia pretende de novo a "sensibilización" e a "visibilización" dun colectivo que busca "facer oír as súas reivindicacións". 

A Federación Down Galicia e Down Ourense -con motivo tamén do 20º aniversario desta asociación- celebran na cidade das Burgas un acto conmemorativo neste 21/03, data símbolo en referencia á triplicación (trisomía) do cromosoma 21 que se traduce na condición xenética da síndrome de Down.

Persoas coa síndrome de Down practicando surf en Galicia © Down Galicia

"Merecemos as mesmas oportunidades que os demais para facer o que desexamos e para equivocarnos", reivindican as persoas coa síndrome de Down

Representantes das asociacións estarán acompañados por cargos públicos da Deputación, o Concello ou a Xunta, pero os grandes protagonistas volverán ser as persoas con síndrome de Down, que erguerán as súas demandas coa lectura do Manifesto pola Autonomía Persoal, nas que se reivindican como "dignas de todo dereito"

"Temos dereito a participar na vida comunitaria e a ser persoas autónomas e independentes", explican nun manifesto no que demandan tamén o seu dereito a "estudar, traballar, querer, divertirse, relacionarse, explorar experimentar e decidir". "Merecemos as mesmas oportunidades que os demais para facer o que desexamos e para equivocarnos", explican. 

Nas súas reivindicacións, as persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais aseguran estar "cansos" de que os "etiqueten" e de "todos os prexuízos" que existen sobre eles. "Non somos nenos e nenas eternamente nin unha carga familiar; somos persoas activas, con metas e aspiracións, que progresan se se lles dá a oportunidade", engaden. 

Persoa coa síndrome de Down atende nunha cafetería © Down Galicia

"Non somos un estereotipo", reivindican nunha frase convertida en lema, símbolo e cancelo para as redes sociais (#NonSomosUnEstereotipo) porque, lembran, son "moito máis". "Podemos ter unha vida sen límites, a que nós decidamos; porque a vida non está marcado polo xénero, nin a orixe, nin a ideada nin a condición xenética", explican. 

Por todo isto, reivindican este Día Mundial da Síndrome de Down como unha xornada para "facer oír" a súa voz e para reclamar os seus dereitos. O 21 de marzo e todos os días. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.