Down Galicia celebra a aprobación da lei que remata coa incapacitación xudicial das persoas con discapacidade

A Lei 8/2021 era moi esperada polos colectivos que traballan con persoas con discapacidade © Down Galicia

A Lei 8/2021 era moi esperada polos colectivos que traballan con persoas con discapacidade

O pasado 3 de setembro entraba en vigor a Lei 8/2021, do 2 de xuño, pola que se reforma a lexislación civil e procesual para o apoio ás persoas con discapacidade no exercicio da súa capacidade xurídica, unha reforma moi esperada polos colectivos que traballan con persoas con discapacidade e que remata coas incapacitacións xudiciais dos e das integrantes deste colectivo.

Entre as novidades máis salientables están a desaparición de figuras como a tutela ou a patria potestade prorrogada e a proposta, no seu lugar, dun sistema de apoios individualizados e adaptados ás necesidades de cada persoa para que poidan tomar as súas propias decisións libremente e con toda a información posible.

Entre as novidades máis salientables están a desaparición de figuras como a tutela ou a patria potestade prorrogada e a proposta, no seu lugar, dun sistema de apoios individualizados e adaptados ás necesidades de cada persoa

Coa entrada en vigor desta normativa dáse cumprimento ao mandato do artigo 12 da Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade, que obriga aos Estados parte, entre eles España, a garantir a igual capacidade xurídica das persoas con discapacidade en todo o tráfico xurídico, sen restricións nin exclusións, prestando apoios para a toma de decisións cando sexa preciso, pero sen substituír á propia persoa.

A Federación Down Galicia vén de publicar un vídeo explicativo para dar a coñecer de xeito sinxelo e comprensible o alcance desta reforma, o seu principal obxectivo, os apoios previstos na lexislación, o significado real do novo sistema proposto ou a situación na que quedan as persoas con discapacidade que estaban incapacitadas xudicialmente ata este momento. No vídeo participa Maripaz García Rubio, Catedrática de Dereito Civil da Universidade de Santiago de Compostela e membro da Sección Primeira da Comisión de Codificación encargada da elaboración do borrador do proxecto de lei. 

Coa nova lei non é posible incapacitar a unha persoa. Quedan tamén derrogadas automaticamente todas estas prohibicións de dereitos que están nas actuais sentenzas de incapacitación

Maripaz García Rubio explica que con esta lei todas as persoas con discapacidade teñen “capacidade xurídica” nas mesmas condicións que as demais. "Implica que son os titulares do dereito e que ademais teñen o dereito a exercitalo, para que sexan as persoas as protagonistas da súa vida, tomen eles as decisións co apoio que precisen", di. Engade que coa nova lei “nin é posible incapacitar a unha persoa nin é posible modificar a súa capacidade xurídica”. Tanto o que diga unha sentenza, estes actos quedan “automaticamente eliminados”. Quedan tamén derrogadas automaticamente todas estas prohibicións de dereitos que están nas actuais sentenzas de incapacitación.

A lei establece que a contorna, a familia, chamada “gardadores de feito” son quen os apoian, por defecto. Así, os actuais 'gardadores' non deben facer nada para adaptarse á norma. Porén, con esta nova lei a persoa en cuestión decide voluntariamente que apoios quere.

Coa nova lei "as persoas con discapacidade son persoas cos mesmos dereitos e obrigas que os demais" © Down Galicia

Maripaz García Rubio conclúe que coa nova lei "as persoas con discapacidade son persoas cos mesmos dereitos e obrigas que as demais. Non é unha cuestión de opinións, é unha cuestión de dereitos humanos"

No caso de que o actual 'gardador' desapareza ou ante o temor de que o faga nun futuro, pódese determinar un 'curador', un apoio que ten que axudar “a que a persoa con discapacidade tome as súas propias decisións”. Finalmente, explica a catedrática, a lei non afecta aos nenos e nenas con discapacidade, porque os dereitos destes nenos e nenas son os mesmos que os dos demais nenos e nenas.

Maripaz García Rubio conclúe que coa nova lei "as persoas con discapacidade son persoas cos mesmos dereitos e obrigas que as demais. Non é unha cuestión de opinións, é unha cuestión de dereitos humanos". Down Galicia salienta que esta reforma legal suporá "un cambio radical en como o Dereito civil entende a discapacidade e ás persoas con discapacidade, pasando do esquema paternalista e restritivo de dereitos da substitución ao promotor dos apoios na toma de decisións".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.