A Federación Down Galicia traballa dende hai case vinte anos para "canalizar as demandas do colectivo de persoas con síndrome de Down ante a Administración e achegar solucións para contribuír a normalizar a súa situación na nosa sociedade", partindo da base de que "o normal é ser diferentes". Máis afeitos ao traballo calado que aos pronunciamentos públicos, os responsables do colectivo sentíronse na obriga de dar un paso adiante para rexeitar a LOMCE, que "vulnera a calidade do ensino" e "discrimina" as persoas con discapacidade intelectual, argumenta. O seu presidente, Delmiro Prieto, amosa o seu apoio á folga da comunidade educativa e coida que o plan do ministro Wert é que as persoas con síndrome de Down regresen "a tempos que tiñamos xa esquecidos".
Non é habitual que unha organización como Down se pronuncie abertamente a favor dunha folga... Por que esta lei merece unha mobilización deste tipo?
Motivos sobran, porque cara a onde vemos que conduce a aplicación desta normativa é a botar por terra todo o que se veu conseguindo ata a data con moito sacrificio. Isto conduce a todo o contrario ao que levamos feito, porque a aplicación da lei, entre reválidas, probas en cada ciclo, aumentos de ratios de alumnado por aula, perda de profesorado de educación de apoio... Todo conduce a que, aínda que se permita o acceso a persoas con síndrome de Down ou con outras necesidades educativas específicas, pouco a pouco van ir quedando marxinadas. Non van poder formar parte do colectivo educativo e volverán a tempos que xa criamos esquecidos.
Ata que punto serán un obstáculo esas reválidas para as persoas con discapacidade intelectual?
"As reválidas son unha barreira infranqueable"
Son unha barreira infranqueable. Cando falamos do sistema educativo, este non é só importante para o alumnado con dificultades, tamén o é para o resto do alumnado. Na medida en que todo o alumnado con algunha dificultade física, psíquica ou doutro tipo estea excluído do sistema, formaremos a sociedade no descoñecemento dunha parte dela mesma. A integración non beneficia só a un determinado colectivo, a experiencia que temos a día de hoxe aválao e demóstrao.
É posible garantir a non exclusión que proclama a o texto da propia lei ou, pola vía dos feitos, vai no sentido contrario?
Totalmente. Eu garanto que isto non terá lugar. Do que falaremos é de educación especial, de guetos, de segregar.
Dende Down Galicia sinalan que un alumno ou alumna pode ser declarado “inservible” con apenas 12 anos... Por que?
"Se non coñecemos unha parte da sociedade, tenderemos a ser segregadores e marxinadores do diferente"
O sistema actual permite ir compatibilizando durante unha serie de anos as adaptacións e as probas á medida do alumno para que poida ir evolucionando. Non só se contempla a aprendizaxe ou os coñecementos académicos, tamén hai que ter en conta a socialización, a integración, o coñecemento mutuo, a convivencia por parte de todo o mundo co que é común a todos. Todos formamos parte da mesma sociedade pero, na medida en que non a coñecemos, tenderemos a ser segregadores e marxinadores do diferente.
Ata agora, as persoas con síndrome de Down eran ben acollidas nos sistema educativo público?
"Na poboación con síndrome de Down pasamos dun analfabetismo do 80% a que practicamente non exista, esta lei vai facer desaparecer o que conseguimos"
Si, son moitos. Dende Down Galicia sempre apostamos pola participación e a igualdade nos servizos comúns. É o que levamos practicando durante moitos anos. Na poboación con síndrome de Down pasamos dun analfabetismo do 80% a que nestes momentos practicamente non exista. Sobre todo, na poboación na que recorre ao sistema educativo ordinario. Iso é o que se conseguiu ata o momento e esta lei vaino facer desaparecer, a non ser que sexa derrogada antes de que cause máis dano.
O Estado trasládalle a responsabilidade da formación das persoas con síndrome de Down ás familias ou ás organizacións sociais?
Este é un camiño e o outro é o da educación especial, o da segregación.
Se cadra, a "competitividade" pola que aposta o Ministerio non é compatible coa integración...
De cando en vez póñense de moda moitos termos. Eu preguntaríalle ao ministro que é a competitividade para el, se é competitividade, competencia ou de que se trarta. Porque se se trata de competencia, a el darémoslle un suspenso .
O ministro insiste en que o que traerá consigo esta lei é "calidade" para o ensino...
Ese é o argumentario común de calquera político, hai que interpretalo nese ámbito. "Algo que fago eu sempre está ben e se o fai o contrario, sempre está mal". A min tanto me teñen esas guerras, pero analizando as cousas nun contexto realista, que se deixen de historias e lles chamen ás cousas polo seu nome. E o nome desta lei é a volta de porca e o retorno a uns anos que forman parte da historia.