O TSXG dá a razón a Down Galicia no seu recurso contra a orde de Educación que concede as axudas máximas para libros de texto ao alumnado con discapacidade matriculado en centros e unidades de educación especial, pero non ao que acode a aulas ordinarias
As axudas para libros de texto e material escolar coas que a Xunta substituíu o programa de gratuidade universal dos manuais escolares discrimina a parte do alumnado con discapacidade. É o que viña denunciando dende hai unha década a Federación Down Galicia e o que esta entidade, que agrupa persoas con síndrome de Down e ás súas familias en toda Galicia, vén de conseguir demostrar no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
A base da reclamación das entidades Down baseábase en que, nas súas sucesivas convocatorias, a Consellería de Educación concedía o maior importe das axudas tanto para libros como para material, con independencia da súa renda, a estudantes matriculados en centros de Educación Especial ou en unidades de Educación Especial de centros ordinarios, así como para alumnado con discapacidade igual ou superior ao 65%. Pola contra, o estudantado con discapacidade que acode a aulas ordinarias tiña que atender aos criterios xerais de renda.
Tras reiteradas denuncias, Down Galicia decidiu litigar. O pasado ano interpuxo un recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia contra a orde de axudas para o curso 23-24, que adxudicaba as contías máximas para libros (300 euros) e material (75 euros) "sen ningún tipo de requisito máis que estar matriculado de educación especial ou análogo" ou ese limiar do 65%. E o alto tribunal galego vén de lles dar a razón.
"Non se atopa xustificación razoable para conceder as axudas prioritariamente a quen reciba educación en centros específicos ou en unidades de educación especial de centros ordinarios", di a sentenza
"Non se atopa xustificación razoable para conceder as axudas prioritariamente a quen reciba educación en centros específicos ou en unidades de educación especial de centros ordinarios", di a sentenza revelada este xoves por Down Galicia. Con estas directrices, agrega o alto tribunal galego, "vulnera o principio de igualdade" porque "exclúe ou fixa condicións máis restritivas para o alumnado en réxime de inclusión educativa fronte ao alumnado en réxime de educación especial", destaca a federación.
En conferencia de prensa, o presidente de Down Galicia congratulábase este xoves pola "fin á discriminación á que durante os últimos anos estiveron sometidas as familias que optaron pola escolarización dos seus fillos e fillas en escolas ordinarias", resalta Delmiro Prieto. A decisión de ir aos tribunais, agrega, chegou "despois de dez anos esperando a que a Consellería rectificase unha orde claramente discriminatoria". "Vendo que continuaban incumprindo a promesa de traballar en conxunto para modificala, non nos quedou máis remedio que acudir á vía xudicial", lamenta.
A reivindicación da federación Down Galicia, lembra Prieto, vén sendo sempre a mesma. "Que todo o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo fose tratado en igualdade de condicións, independentemente do seu grao de discapacidade ou do tipo de escolarización". Isto é, que todo estudante "con discapacidade igual ou superior ao 33%" tivese que cumprir "os mesmos requisitos" para obter as axudas.
Tras unha década de reivindicacións e coa sentenza xudicial na man, Down Galicia insta a Xunta a rectificar a orde de axudas para o curso 24-25, "publicada coa mesma anomalía": "Aínda está a tempo de corrixila"
Juan Rodríguez Zapatero, avogado experto en dereito administrativo e na abordaxe xurídica da discapacidade, representou a Down Galicia no preito e valora o ditame do TSXG como "transcendente" non só por dar a razón á entidade, senón por "reforzar o dereito á educación inclusiva". "Nin o grao de discapacidade nin a renda familiar poden servir para establecer un trato discriminatorio en contra do alumnado que se escolariza en centros ordinarios" e "é particularmente grave que esta diferenciación se fixese por modalidades de escolarización" e "á marxe do esencial" para este alumnado, resalta, que "é atender as súas necesidades".
"A Xunta -cre o letrado- debería pedir escusas por unha discriminación que se produciu dende hai anos, prexudicando o alumnado con necesidades educativas especiais". Pero ademais, agrega, debe "proceder con urxencia a anular a orde" que rexe as axudas para o curso vindeiro, o 24-25, xa que "está redactada nos mesmos termos que as anteriores". "Aínda está a tempo de corrixir a orde deste ano, publicada coa mesma anomalía", subliña Delmiro Prieto, quen no nome da Federación Down enviou este mesmo xoves un escrito á Consellería solicitando esa modificación.