Ten 15 anos e Síndrome de Down. Borja Gómez participou esta fin de semana en en Legazpi (Guipúscoa) coa selección galega cadete no campionato de España, conseguindo rematar unha dura carreira. Esgotado, coa bici ao ombro e feliz, así chegou á meta, acompañado polo cariño e a admiración do público que seguía a competición, ao berro de "campión". "Conseguímolo, amor", díxolle a súa nai, inmediatamente.
O xornalista da TVG Alfonso Hermida colgou un breve vídeo de 30 segundos en twitter, que está a ser moi comentado e compartido en todo o Estado. "Non é Sergio Ramos polo que nunca será TT. É a entrada en meta de Borja Gómez Méndez. Isto é deporte", salienta Hermida.
Borja Gómez pertence ao Club Ciclista Ponteareas e foi seleccionado pola Federación Galega de Ciclismo para integrar o equipo cadete nestes campionatos de España. "Borja quere ser como un máis", destacaba o seu pai hai uns días en declaracións ao Faro de Vigo. "A súa presenza na lista é para darlle visibilidade á situación e para que outros niños como Borja que sofren algunha discapacidade saiban que desde a Federación intentamos eliminar calquera tipo de barreira para que poidan practicar este deporte, en calquera das súas modalidades", sinalaba pola súa banda o presidente da Federación galega, Juan Carlos Muñiz.
Non é Sergio Ramos polo que nunca será TT. Se tedes 30" botade unha ollada a este vídeo. É a entrada en meta de Borja Gómez Méndez, do Club Ciclista Ponteareas, no Campionato de España cadete de ciclocross. Borja ten síndrome de down e conseguiu acabar a carreira. Isto é DEPORTE pic.twitter.com/bddFp0pqH3
— Alfonso Hermida (@alfhermida) 13 de enero de 2018