'Curmán', de Alejandro Jato, triunfa en Cans co premio á mellor curta de ficción, o de mellor actriz para Melania Cruz, o de mellor fotografía para Alicia Francés e o premio do Xurado de veciños
A curtametraxe Curmán foi elixida polo xurado do Festival de Cans como gañadora na sección de Ficción. Debut como director do ata agora actor Alejandro Jato, narra a perda de inocencia do protagonista. O filme triunfou na noite de galardóns con premio á Mellor Actriz para Melania Cruz, Mellor Fotografía para Alicia Francés e o premio do Xurado de veciños.
Curmán foi premiada polo xurado "pola mirada inocente, ao tempo que complexa, na que confronta a pulsión natural coa imposición moral creando unha peza sólida no seu conxunto". O xurado destacou o traballo de Melania Cruz "pola habilidade para iluminar os distintos estados emocionais polos que se move a personaxe: unha nai que nos traslada ao imaxinario colectivo doutra época".
Xosé Dopazo e Javier Rúa gañaron o premio á Mellor Dirección pola curtametraxe Mounir. O xurado salientou a "madurez coa que contan unha historia na que xogan elementos reais e ficticios". Mounir, que conta o reencontro vinte anos despois de Mounir Jadivi, un inmigrante ilegal que chegou a España con oito anos, co director de cine Xabier Rú, tamén recibiu unha mención especial na categoría de interpretación para Javivi "pola honestidade coa que afronta o seu traballo diante da cámara".
Na mesma categoría, a actriz Cory Mañá recibiu unha mención especial polo seu traballo en Abellón, de Fon Cortizo, "pola súa fermosa interpretación construída desde lugares que non transitamos habitualmente".
'Cadáver de dragón', de José Garnelo, gañou no apartado de animación. 'Exposed', de Nela Fraga, gañou na sección Furacáns e 'Ciudá de ladrillo', de Carlota Álvarez, levou o premio das Novas Camadas
No apartado de Animación o premio do xurado foi para Cadáver de dragón, de José Garnelo, polo seu "uso audaz da técnica para construír un universo con personalidade". O filme é o debut de Garnelo na dirección, logo de traballar no equipo de Psiconautas con Alberto Vázquez, o seu primeiro traballo como animador. A curta tamén gañou o premio ao Mellor Guión, para Jacobo Díaz e José Garnelo "pola virtuosidade á hora de contar unha historia que emociona sen palabras".
Na sección Furacáns (Non Ficción) a curta gañadora foi Exposed, de Nela Fraga, "unha opera prima que conmove na súa celebración do íntimo. Unha película que, recollendo a tradición do cine experimental, contaxia o desexo de facer cinema". Ademais, As entrañas saben o que a razón non entende, de Alberto Lobelle, recibiu unha mención especial.
No apartado de Novas Camadas, que distingue aos realizadores menores de 25 anos, a curta gañadora do Premio Deleite foi para Ciudá de ladrillo, de Carlota Álvarez, "un filme que pon no centro os espazos de sonoridade, onde rir e estar xuntas. Valorando a recollida de memoria oral e a activación dun arquivo fotográfico do proceso de cambio dunha comunidade".
Liminal station, de Mario Filloy, recibiu unha mención especial por tratarse dunha "película audaz e con sentido do humor, absolutamente comprometida cun argumento único e orixinal". Todas as curtas que participaron na sección Novas Camadas poderán verse en VINTE a partir desde luns 26 de maio e ata o venres 6 de xuño, cada día estará dispoñible o visionado dunha das pezas desde as 12 do mediodía.
"Comecei a ver vídeos das rondallas da zona e pensei na historia. Contaxioume toda esa enerxía e amor pola comunidade", contou Daniel Sánchez Arévalo sobre o xermolo do filme 'Rondallas'
A última xornada do Festival de Cans contou coa visita do cineasta Daniel Sánchez Arévalo, convidado especial nesta edición. O director contou distintas anécdotas da súa longa traxectoria no mundo do cine nun coloquio co director do festival, Alfonso Pato. Despois, deixou as súas pegadas no Torreiro das Estrelas e adiantou que o seu último traballo, Rondallas, rodado en Galicia, estrearase o 1 de xaneiro de 2026 e que a idea do filme naceu dun vídeo que lle amousou o productor Ramón Campos sobre a rondalla de Santa Eulalia de Mos. "Comecei a ver vídeos das rondallas da zona e pensei na historia. Contaxioume toda esa enerxía e amor pola comunidade", compartiu co público de Cans.
O festival despediuse ao son d'A banda da loba, Guadalupe Plata e Santero y los muchachos tras recibir tamén a Mondra e Caamaño&Ameixeiras.