"É fundamental axudar a crear unha comunidade de artistas, que haxa moitas persoas soñando con facer películas"

Alfonso Zarauza © OUFF

Zarauza repasa os seus trinta anos de traxectoria mentres ultima un guión que o levará ata Islandia, sen deixar as illas como no seu filme Ons, nin o atlántico, o vento e mais a brétema

Alfonso Zarauza fai trinta anos dedicado ao audiovisual cunha celebración tripla: as súas películas e curtametraxes pódense ver de novo en pantalla grande na sala Numax en Santiago, unha exposición percorre a súa carreira na Zona C de Compostela e recibirá o Premio Pedigree de Honor do Festival de Cans na súa XXII edición que se celebra do 20 ao 24 de maio. O cineasta compostelán confesa que só ‘provocou’ a retrospectiva dos seus filmes en Numax, que ademais está a compartir con membros do equipo técnico e artístico cos que vén traballando desde os seus inicios.

“Quería aproveitar a ocasión para recuperar traballos antigos, que ademais estaban en perigo de desaparecer. Estaban en formatos analóxicos, moitos deles son moi amateuristas e dependen de ti, de como vaia a túa vida. Cambias de casa, cambias de cidade, vas trocando a túa vida e vanse perdendo os formatos orixinais. Tíñaos practicamente en DVDs, que non é un formato proxectable. A xente de Numax portouse súper ben e axudoume a recuperar eses arquivos para unha proxección dixital en calidade, que é algo que debera facer realmente a Filmoteca de Galicia, pero é o de sempre, a ninguén lle importa nada. Independentemente do seu valor artístico, que poden telo ou non, porque son moi iniciáticas, teñen xa un valor histórico. Aí empezaron Luís Tosar, Diego Anido, Camila Bossa, Goldi... e toda unha xeración de técnicos. Á parte de que hai vinte e cinco anos que non se proxectaban, sobre todo as curtas, que me parecen as máis interesantes de recuperar para que a xente as vexa porque a xente máis nova non sabe que existen”, debulla Zarauza.

Xa morreron catro actores que participan no filme A noite que deixou de chover, lembroullo Miguel de Lira tras a proxección en Numax da semana pasada. O tempo pasou e Encallados segue a ser unha foto fixa dunha noite en Compostela. Malencolía e Os fenómenos colleitarán novos públicos ao volver proxectarse en sala e Ons permitirá revisitar a potencia da paisaxe da mellor maneira posible. Sobre illas tamén vai o proxecto no que está a traballar agora Zarauza, que xa ten gana de rodar tras un tempo máis dedicado á produción desde Maruxiña Film Company. Se nada se torce, está a escribir un guión que o levará ata Islandia. Unha película que falará galego e islandés. “Podo dicir que neste sentido si que son otanista, do atlántico norte. Eu son de vento e brétema”, apunta o cineasta. 

Detalle da mostra 'Nunca deixará de chover no meu cinema. 30 anos de filmes de Zarauza' na Zona C © Pixelin Photo/Compostela Cultura

Como viviu a experiencia de ver de novo nunha sala de cine esas pezas dos inicios acompañado de xente do equipo?

Foi moi bonito e moi especial. Foi como volver atopar un traballo teu que, despois de tanto tempo, é como se xa non fora teu porque podía velo como un espectador; cousa que non pasaba antes. Había tanto tempo que non o vía, estaba tan afastado, que podía velo como un espectador máis. Ao mesmo tempo, a pesar de que é un cine moi amateurista, iniciático, moi de aprendizaxe, tamén podes recoñecer cousas túas aí, a pesar do tempo e da distancia. Vexo o Zarauza de vinte anos que facía esas curtas, hai cousas de min aí. Observo como unha persoa madura de cincuenta a un rapaz de vinte, pero recoñézome.

Ten que ser bastante chocante esa sensación.

Exactamente, hai algo próximo e algo alleo, entón é bonito pero ao mesmo tempo é desconcertante. As dúas sensacións pasan pola tua cabeza cando estás vendo, rememorando e observando eses traballos.

"Para cando chegou o novo cinema galego eu xa levaba case vinte anos facendo curtas, nese sentido síntome anterior a eles, pero cando elas e eles apareceron sentinme moi acompañado"

Diría que está aí o inicio do novo cinema galego?

Na argumentación da concesión do premio do Festival de Cans dicían que era como un enlace entre as orixes do audiovisual galego e o novo cinema galego, e creo que é bastante así, porque eu aínda que por idade teño a idade dos máis maiores do novo cinema galego, cando empezou agromar en 2010 xa fixera todas estas curtas e a miña primeira longametraxe. Comecei moi novo, con quinte anos xa rodei a primeira curta, enlacei co nacemento do audiovisual galego a medidas dos 90, cando irromperon as primeiras series como A familia Pita e Pratos combinados.

Nesa época non existía a Agadic, non había facultade de comunicación audiovisual –era só de xornalismo– en Compostela, non había sector audiovisual, todo eran actores de teatro... Non existía practicamente, eramos contados e eu era o máis novo. Comezou haber traballo, cada vez máis profesional, facultades e escolas. De pronto revolucionouse todo, pero para cando chegou o novo cinema galego eu xa levaba case vinte anos facendo curtas, nese sentido síntome anterior a eles, pero cando elas e eles apareceron sentinme moi acompañado, porque tiña un discurso fílmico moito máis aproximado ao deles que ao que había nese momento, que era como moito máis industrial e comercial. Para min foi moi refrescante atopar a toda esa xente con discursos fílmicos moito máis radicais, honestos e extremos, enseguida empaticei con eles e agromou tamén a amizade, o compañeirismo e camaradería que mantemos a día de hoxe.

Aínda agora parece que ás veces custa falar de industria do audiovisual galego, pero se miramos trinta anos atrás, non hai dúbida de que agora hai unha industria, non?

Claro, si. É moi precaria, moi pequena, moi endogámica e todo o que queiras, pero hai unha industria. Hai moita xente que vive disto en diferentes postos, técnicos e artísticos, algo que nos noventa era case impensable. Resulta interesante ver toda esta transformación tan grande en tan pouco tempo e ver o estado actual no que estamos: hai dous filmes de produción galega que están na sección oficial do Festival de Cannes este ano. A verdade é que hai que ser críticos coas cousas malas, pero podemos tamén estar contentos e orgullosos da parte boa, temos unha xeración brutal de cineastas mulleres e cineastas homes que están facendo un cine asombroso, e ademais hai outros tipos de producións audiovisuais moi interesantes, que son igual de corte máis comercial para plataformas, pero hai de todo e dunha maneira bastante extensa e interesante.

Inauguración da exposición en Compostela coa alcadesa, representantes da corporación municipal e parte do equipo dos filmes de Zarauza © Pixelin Photo/Compostela Cultura

"Respecto moitísimo o oficio dos actores e actrices e desfruto durante a rodaxe de poder acceder ao interior das súas emocións"

Buscou rodearse da mesma xente ao longo da súa carreira, tanto nos elencos artísticos como no equipo técnico?

Para a miña maneira de facer cine necesito un compromiso moi sólido tanto por parte dos intérpretes como por parte do equipo técnico e dos produtores. Todas as producións teñen complexidades pero ás veces exixes cousas que non son habituais, por exemplo, en Ons unha das cousas que lle pedía aos actores era que tiñan que estar todo o tempo na illa, traballaran ou non, algo que non é nada frecuente porque os actores e as actrices normalmente están facendo variosproxectos á vez e só dispós deles os días que está marcado no plan de rodase. Pero eu, sen poder pagarlles máis, pedinlles que pola natureza do traballo estiveran alí na illa todo o tempo. Primeiro porque era máis difícil estar entrando e saíndo porque era en inverno, con temporais e mal tempo, e logo tamén pola sensación de estar aí metidos. E funcionou moi ben, pero foi grazas á xenerosidade deles e elas. A verdade é que comigo sempre a xente é moi xenerosa, lánzanse a piscina. Os actores e actrices coas que traballo teñen unha forma de interpretar moi brutal, métense a tope nos personaxes e cren nas historias. Eu respecto moitísimo o seu oficio e desfruto durante a rodaxe de poder acceder ao interior das súas emocións. Hai aventuras que son duras, pero normalmente son moi bonitas e acaban moi ben, non sei que pasará se un día acaban mal, mais polo de agora sempre tiven a fortuna de ter unha implicación absoluta pola súa parte.

"Na exposición que inauguramos esta semana na Zona C falo do proceso fílmico de Ons e pódese ver en perspectiva con documentos, fotografías e textos a complexidade desta rodaxe"

Menciona o filme Ons, visto desde agora pensa que marca un antes e un despois na súa filmografía?

Si, Ons para min foi un paso adiante que eu quería dar, levaba moitos anos buscando ese camiño de facer un filme absolutamente valente, rigoroso, radical en moitos aspectos, pero non sempre é doado. Para poder facer iso que non terplan de rodaxe rodar, saber tres horas antes o que íamos rodar, precisas dun dominio absoluto do deseño de produción do filme. Na exposición que inauguramos esta semana na Zona C falo do proceso fílmico de Ons e pódese ver en perspectiva con documentos, fotografías e textos a complexidade desta rodaxe. O único problema que tiven foi que apareceu a pandemia e cortoulle as expectativas, ademais de dificultar a estrea en cinemas, pero eu estou orgullosísimo desta película. Para min abriu un camiño completamente distinto, eu precisaba dar ese paso e levar o filme por aí, probablemente é a película da que me sinto máis orgulloso.

Houbo algunhas críticas sobre Ons que falaban dela como unha película machista, como ve isto?

Por unha banda podo entendelo perfectamente, pero por outra teño que dicir que me doeu moito a maneira de facer esa crítica. Basicamente a razón principal era porque Morris tiña unha idade moi superior a Melania e é verdade que cae nun tópico moi machista e moi patriarcal, pero eu expliquei o contexto e non se publicou. Houbo un cambio de actores totalmente circunstancial e o personaxe que ía interpretar Ricardo de Barreiro acabou sendo interpretado por Morris. O espectador pode criticalo con razón e aí está, pero foi unha acción completamente irreflexiva e circunstancial, que é criticable igualmente porque ao final a película está amosando iso; pero toda esa campaña que se creou foi moi dolorosa porque simplemente destacaban un defecto que estaba aí na película, pero non tiñan en conta ningunha das virtudes de ter unha muller protagonista de corenta anos ou que a maior parte das xefas do equipo eran mulleres. Nada máis lonxe da miña intención facer un filme machista, pero entendo que pode haber críticas porque para iso estamos. Expoñémonos e eu aprendín desa crítica, pero doeume porque parecía que era a película máis machista do mundo cando logo non parou de ir a festivais feministas de toda a Europa.

Morris, Diego Anido e Melania Cruz na película 'Ons' © Maruxiña Film Company/Bando à Parte

Dicía que no fondo a permanencia da súa filmografía depende de vostede, tivo que facer algo de arqueoloxía dentro das súas propias caixas para preparar a exposición Nunca deixará de chover no meu cinema. 30 anos de filmes de Zarauza na Zona C?

Pois si, é a primeira vez que me puxen a mirar dentro de caixas de hai trinta anos, desas nas que xa non sabes o que hai. Foi interesante, aínda que non son eu de mirar moito cara a atrás, cara ao pasado, pero gustoume ver o que levamos feito ereivindicar a toda esta xente que levamos un montón de anos no audiovisual.

Facendo un pouco de retrospectiva tecnolóxica, por dicilo dalgunha forma, cre que resulta máis doado sacar adiante unha película agora que a principios dos 2000, cando comezou rodar longametraxes?

A ver, sempre ten algo complexo, tanto antes coma agora, pero o que mudaron son as complexidades. A dixitalización favorece moitas cousas, pero había algo no analóxico que era máis artesanal, máis interesante e máis táctil, non sei, para min era máis bonito; por iso sempre que podo sigo rodando en analóxico. Pero a dixitalización facilitou moitas cousas, e condicionou moitas cousas; ambas teñen algo positivo e algo bonito. O que tamén é verdade é que agora cun ordenador na casa podes facer unha montaxe, antes tiñas que ir a un estudo que custaba moitos cartos cada hora, por iso si que hai aspectos que melloraron, a pesar de que creo que se perdeu certa beleza no camiño.

"Creo que é fundamental axudar a crear unha comunidade de artistas, o verdadeiramente enriquecedor é que haxa moitas persoas soñando con facer películas"

Agora está a producir filmes de xente á que comezou dirixindo como intérpretes, como é o caso de Ledicia Sola.

Si, que ten aí unha película fermosísima de catro mulleres de corenta e pico anos que están en crises vitais que é ben necesaria. Estou moi orgulloso de ser produtor e de sacar esta película adiante, igual que cando sacamos a ópera prima de Jaione, que nos custou nove anos de esforzos porque ninguén cría nunha película dunha directora novel, en galego, autoral e con mirada feminina. Tocounos todo o brutalismo da industria e aínda así conseguimos sacala adiante; e agora, pois mira como están as cousas. Estou moi contento e moi honrado por formar parte de todos estes proxectos dos que aprendo moitísimo.

O de Jaione Camborda é o exemplo de que faltaba abrir camiño na industria para as mulleres cineastas.

Está claro e así o penso desde que en 2010 empezamos intentar levantar Arima, que ata 2019 non puidemos rodar. Para min todos estes traballos son importantes e estou orgulloso, pero é moi duro porque tes que comerte a parte máis desagradable do proceso como produtor, que é a cuestión financeira e administrativa. Ao mesmo tempo, é moi bonito porque estás ollando a outras compañeiras sacar os seus filmes adiante. Creo que é fundamental axudar a crear unha comunidade de artistas, o verdadeiramente enriquecedor é que haxa moitas persoas soñando con facer películas, persoas con moito talento que atopen a maneira de darlle forma e facer a esta industria mellor e máis grande.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.