"É un tempo estraño para o cinema galego: un gran momento creativo pero abandonados pola administración"

Alfonso Zarauza na preestrea de 'Encallados', o pasado ano en Cans © Rafa Costas

Alfonso Zarauza é, como moitos outros, un fillo de Cans. En Cans estreou o pasado ano Encallados e tamén presentou un avance de Os Fenómenos, a súa terceira longametraxe, e que despois do seu paso polos festivais de Málaga e Nantes estreará este xoves en Galicia. O filme, protagonizado por Luís Tosar, Lola Dueñas, Miguel de Lira e Antonio Durán Morris, retrata o inicio da crise provocada polo estoupido da burbulla inmobiliaria. Proxectarase este xoves a partir das 20 horas no Círculo Recreativo e Cultural do Porriño, precedido dunha procesión de chimpíns cos equipos técnico e artístico do filme amenizado por Os Lajaretas. A estrea de Os Fenómenos é o prato principal da programación deste xoves no Festival de Cans, que vivirá o venres e o sábado as súas dúas xornadas máis intensas.

Zarauza está de estrea, e non só polo filme que se poderá ver este xoves no Porriño, senón tamén polo inicio da distribución de Encalladosque se proxectará o vindeiro 3 de xuño en Compostela e que xirará por distintas vilas e cidades galegas durante o verán. Falamos con el, tamén, sobre este filme, unha historia sobre as dificultades para gravar unha película sobre o Prestige en Galicia, e que durante un tempo parecía que se ía converter nunha obra maldita; e tamén sobre outro proxecto que verá a luz nos vindeiros meses: un documental sobre os vinte anos das Ultranoites de Chévere.

"Cans é moi especial polo que representa, é un propulsor do cinema e ao mesmo tempo é unha festa de amigos"

Supoño que é especial estrear un filme en Cans, polo tipo de festival que é, e pola vinculación persoal que ti tes con el, non si?

É especial, si. É a terceira vez que estreo unha longametraxes aquí, e para min xa é algo máis que un evento, é case unha tradición. Pero ademais Cans é moi especial polo que representa, é un propulsor do cinema e ao mesmo tempo é unha festa de amigos.

Ademais, o festival sempre está atento ao que andades a facer os fillos de cans...

Si, o ano pasado presentamos un avance do filme, este ano estreámolo. Realmente é unha cadea, porque Alfonso Pato está sempre moi pendente de todos nós, pregúntanos que estamos facendo, en que fase do proceso estamos. Ademais Cans sempre propicia encontros, e alenta a realización de proxectos comúns, mesmo entre persoas que habitualmente tamén coincidimos noutros lugares. Non sei que ten Cans, pero pasan estas cousas.

Que percorrido vai ter Os Fenómenos?

Vai ter unha boa distribución, porque é un filme que ten un bo financiamento detrás, que non é algo tan doado nos tempos que corren. Foi adquirido ademais por TVE, e pensamos que vai ter un bo percorrido, temos moita fe nel.

"É sorprendente que un tema tan importante como o Prestige se tratara tan pouco no cinema, e di moito das fronteiras que pode haber entre a creación e a realidade e das dificultades para falar deste tema, supoño que por cuestións políticas"

Un filme distinto a Encallados, dende logo, unha película que tivo que ir superando obstáculos...

Encallados naceu practicamente dunha crise, como se conta no propio filme, dun marrón. Intentamos facer algo a partir desa crise, e creo que saíu algo fermoso e auténtico, entre o documental e a ficción, un filme bastante singular. E ademais creo que cumpre cos obxectivos que nos propoñíamos: que fose honesto, que fose autocrítico. Encallados vaise estrear o 3 de xuño en Santiago e imos facer unha serie de pases en salas privadas. Queremos que se vexa, por iso estamos traballando moito para que teña unha boa distribución no verán por distintas vilas de Galicia.

Resulta sorprendente que dez anos despois da catástrofe do Prestige haxa tan poucos filmes que tratasen o tema?

Si, e é algo que trata o propio filme. É sorprendente que un tema tan importante se tratara tan pouco no cinema, no audiovisual, e di moito das fronteiras que pode haber entre a creación e a realidade e das dificultades para falar deste tema, supoño que por cuestións políticas. Encallados é un filme sobre as dificultades para facer en Galicia un filme sobre o Prestige. E ao final acaba falando do difícil que é falar do tema sobre o que está falando, é a ironía que contén a película.

"É un momento creativo moi interesante, co novo cinema galego na non-ficción. E na ficción hai tamén unha serie de directores novos xa consolidados"

Como valoras o momento actual do cinema en Galicia? Dá a impresión de que se mistura un moi bo tempo no aspecto creativo, pero con moitas dificultades no económico 

É algo así, si. É un momento moi estraño. Por unha banda estamos completamente abandonados pola administración. Nótase que non lles importa nada a cultura galega. Pero paradoxalmente é un momento creativo moi interesante, co novo cinema galego na non-ficción, cun grupo de rapaces que están facendo uns filmes marabillosos e que están dando a volta ao mundo e gañando premios. E na ficción hai tamén unha serie de directores novos xa consolidados, como Jorge Coira, Quique Otero, Alejandro Marzoa ou Fernando Cortizo. É un gran momento na creación, pero non nos apoios.

E como vai o documental sobre as Ultranoites? Poderemos velo este ano?

Intentarémolo, aínda que estou comezando coa montaxe. Temos moitos materiais distintos para o documental, tanto o que nós mesmos rodamos nos últimos meses, coma todo o material de arquivo que ten Chévere, que é un auténtico tesouro. Pasei horas e horas vendo o impresionante arquivo que teñen en redenasa e verdadeiramente é admirable o que fixo esta xente nos últimos 20 anos, e sorprende que non teñan un recoñecemento maior. Todo o mundo pasou pola Sala Nasa, dende Roberto Vidal Bolaño ata moitos que deron alí os seus primeiros pasos na escena, como Luis Tosar ou Quico Cadaval.

"Hai vinte anos pensaban que ían cambiar este país, pero vinte anos despois están xa maduros e este país non cambiou nada. É a reflexión que está en Viaxe ao país dos ananos e que quero que tamén quede no meu documental"

Ademais, supoño que nese arquivo e, en xeral, no conxunto das Ultranoites, pódese trazar un relato da historia de Galicia nestas dúas décadas, verdade? 

Si, de feito o último espectáculo, Viaxe ao país dos ananos, fai ese repaso polos últimos vinte anos de historia de Galicia, cun certo pouso de amargura, aínda que tamén teña o humor de sempre dos Chévere. É unha gran obra, unha Ultranoite moi exquisita. Hai vinte anos pensaban que ían cambiar este país, pero vinte anos despois están xa maduros e este país non cambiou nada. É a reflexión que está na obra e que quero que tamén quede no meu documental.

Ademais deste traballo, e das dúas estreas que tes pendentes, tes algún proxecto pendente ou en proceso?

Teño pendente un proxecto sobre Manuel Antonio, que é un poeta que me gusta moito, paréceme fascinante. É algo que quero facer dende hai tempo, pero que por un motivo ou por outro sempre vou deixando aparcado. E despois teño outro proxecto en mente, unha longametraxe chamada Islandia, que se rodaría unha parte alí e outra parte en Galicia, e que ao igual que o outro tamén está pendente de que nalgún momento atope tempo para poñerme con ela.

Fotograma de 'Os Fenómenos' © Zircozine
Rodaxe de 'Encallados' © Zircozine

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.