Margarita Ledo, Javier Gutiérrez e Alfonso Zarauza recibirán os premios de Cineuropa, que mantén o formato presencial

Javier Gutiérrez, Margarita Ledo e Alfonso Zarauza © Cineuropa

Como cada mes de novembro dende hai tres décadas, é o tempo de Cineuropa na cidade de Compostela. A pandemia non mudou isto e o festival mesmo mantén o seu formato presencial. A 34 edición de Cineuropa comeza este venres 6 de novembro e chegará ata o vindeiro día 22. 

A 34 edición de Cineuropa comeza este venres 6 de novembro e chegará ata o vindeiro día 22

As proxeccións terán lugar en catro salas da cidade: Teatro Principal, Salón Teatro, NUMAX e Sala Mozart do Auditorio de Galicia, nas que se seguirán as medidas de prevención xerais para evitar contaxios de Covid-19. Nelas proxectaranse un total de 95 películas, das que 43 son de balde, nunha edición que reivindica a asistencia ao cinema como a volta ao mundo real.

Os Premios Cineuropa deste ano 2020 recoñecerán a tres galegos e galegas que marcaron unha parte da historia do cinema do país nas últimas décadas, ben dende a dirección, como Margarita Ledo ou Alfonso Zarauza, ben dende a interpretación, como Javier Gutiérrez.

As proxeccións terán lugar en catro salas da cidade: Teatro Principal, Salón Teatro, NUMAX e Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Nelas proxectaranse un total de 95 películas, das que 43 son de balde

Margarita Ledo inaugurou Cineuropa no ano 2007 con Liste, pronunciado Lister, e este ano presentará a sua nova obra Nación. Tamén é premiado o actor ferrolán Javier Gutiérrez, que xa conta con dous premios Goya, por La isla mínima e El Autor; e o director e guionista Alfonso Zarauza, autor de filmes como A noite que deixou de chover, que inaugurou Cineuropa en 2008, Encallados ou A viaxe dos Chévere. Zarauza recibirá o Premio no acto de clausura do Festival, que coincide coa estrea do seu filme Ons.

Presentación da edición 34 de Cineuropa © Concello de Santiago

Os filmes

Na sesión inaugural, que terá lugar este venres ás 19.30 h no Teatro Principal, poderemos ver Druk (Another round), o novo traballo dun habitual deste festival, o danés Thomas Vinterberg. A programación inclúe un gran número de películas que recibiron premios e titulares nos festivais de Berlín, Róterdam e, moi recentemente, Venecia, San Sebastián ou Sitges. Por exemplo a rusa DAU. Natasha, a mexicana Nuevo Orden, a xeorxiana Beginning, ou as francesas 16 Printemps e La nuit des rois. Haberá igualmente estreas absolutas en en España como Narciso em férias, con Caetano Veloso lembrando a súa experiencia carceraria durante a ditadura.

A programación inclúe un gran número de películas que recibiron premios nos festivais de Berlín, Róterdam e, moi recentemente, Venecia, San Sebastián ou Sitges

Destacan tamén outros títulos, coma o novo filme de Arturo Ripstein, El diablo entre las piernas, ou os filmes triunfadores do festival de Berlín, coma There is no evil, The woman who run, Ondina, The trouble with being born, ou Malmkrog. Así mesmo, están en Cineuropa as triunfadoras do festival de Venecia: Nuevo orden, Queridos camaradas, A muller do espía ou Padrenostro.

O cinema galego tamén ocupará un importante espazo, conformando o 11% do programa completo. Ademais dos premiados Margarita Ledo e Alfonso Zarauza, intervirán no festival Sonia Méndez, Marcos Nine, Lara Alonso, Pablo Vázquez, Noelia Muiño, Marta Valverde, Ángel Filgueira, Gonzalo E. Veloso e Pablo Fontenla, que participarán en varias actividades paralelas, ben de xeito presencial, ben a través de streaming: encontros co público, mesas de debate ou presentacións.

O cinema galego tamén ocupará un importante espazo, conformando o 11% do programa completo

Os filmes están organizados en doce seccións. As xa habituais Sección Oficial Europea, Panorama Internacional, LatidoAmericano, Docs Cineuropa, Fantastique Compostela, Panorama Audiovisual Galego, Dereitos Humanos e Cineuropa Miúda; e outras que son novidade, como Morricone, ese descoñecido, A última película. O Cinema no cinema, Cinefilias. Exploración do cinema clásico (que inclúe unha sesión dedicada ao centenario dos cineastas Federico Fellini e Alberto Sordi), e Novos Realizadores.

Cartel da edición 34 de Cineuropa © Concello de Santiago

Medidas anti-Covid

Esta edición realízase tamén en reivindicación da cultura como ámbito de seguridade. O Festival reduciu a capacidade das salas e o certame contará coas máximas medidas de hixiénico-sanitarias

Esta edición realízase tamén en reivindicación da cultura como ámbito de seguridade. O Festival viuse obrigado a cancelar o maratón e tamén reduciu a capacidade das salas e o certame contará coas máximas medidas de hixiénico-sanitarias. Ao uso obrigatorio da máscara, desinfección de espazos entre sesións e distancia de seguridade, engádense os códigos QR que permitirán ao público votar polos seus filmes favoritos.

Tanto as entradas como os convites poderán retirarse na web compostelacultura.gal e no despacho de billetes do Teatro Principal. Dada a situación sanitaria actual e para evitar as reunións de persoas ás portas dos despachos de billetes, desde a organización pregan que se faga uso preferente da plataforma web e que só se adquiran entradas de forma presencial se é imprescindible.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.