Dende hai máis de tres décadas, Cineuropa é sinónimo do outono compostelán. Novembro en Santiago é cinema e este ano tamén o ha ser, pero cunha ou varias viraxes. A trixésimo terceira edición de Cineuropa é a primeira da historia do festival na que a dirección non correrá a cargo de José Luis Losa, impulsor e alma do certame dende o seu nacemento. Un erro na súa concorrencia ao concurso público para dirixilo deixouno fóra do proceso xusto no ano no que optou á organización outra candidatura, a formulada pola empresa La Tropa Produce, que logrou a adxudicación.
A mudanza na dirección marca a trixésimo terceira edición de Cineuropa; a nova responsable avanza filmes "de alta calidade" e "combativos" cun 40% de películas dirixidas por mulleres nas seccións oficiais
Este venres a casa consistorial compostelá acolleu a presentación dos primeiros avances do Cineuropa do 2019, ano no que o equipo agora lirado pola xornalista e produtora coruñesa Laura Seoane, nova directora, promete unha mudanza de "perspectiva" e un festival cunha ollada netamente feminina. Cineuropa 33 trae consigo "un feminismo transversal, cun 40% das películas da sección oficial dirixidas por mulleres", avanza.
O enfoque feminino do festival non é casual, matiza a directora de Cineuropa. "É unha decisión tomada tras valorar a colleita cinematográfica mundial do ano". Chegarán a Santiago filmes "de alta calidade", moitos deles "combativos". "A muller, a súa relación co cinema e a visión feminina serán protagonistas nas seccións oficiais e terán unha forte presenza nas paralelas, nas retrospectivas e nas mesas redondas que completarán a programación", avanza a concelleira de Acción Cultural da capital galega, Mercedes Rosón.
"A estrutura básica" de Cineuropa "mantense", mais con algunhas novidades, explica a directora. Serán cinco as seccións oficiais: Europea, Panorama Internacional, Docs Cineuropa, Latinoamericano e unha que racha en maior medida coa tendencia do festival: Animaeuropa, centrada na animación. Entre as novidades, sinala Seoane, figura o feito de que "haberá un premio do público por cada sección".
O 31 de outubro coñecerase a programación íntegra de Cineuropa 33 e o 4 de novembro comezará a venda de entradas
A organización de Cineuropa pretende reflectir a nova xeira dende o propio cartel do festival, no que pretenden reflectir a "variedade de perspectivas e puntos de vista que ofrece o cinema", explican. Tras a primeira presentación, a seguinte cita que dará a medida das continuidades e mudanzas chegará o día 31 deste mesmo mes. Ese día, avanza o director xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López, "presentarase a programación completa".
Unha vez coñecida a programación, o 4 de novembro comezará a venda de entradas. O festival prolongarase, como adoito, practicamente todo o mes de novembro, ata o día 28.