María Vázquez, Rita Azevedo e Emma Suárez recollerán os premios Cineuropa

Presentación da programación de Cineuropa, este xoves © Cineuropa

Cineuropa presentou este xoves a súa programación, composta por 200 películas das que 19 son estreas a nivel estatal

O festival Cineuropa presentou este xoves a súa programación, composta por 200 películas das que 19 son estreas a nivel estatal, ademais de nove preestreas que xa tiveron percorrido por outras citas internacionais. Cineuropa comezará o vindeiro 7 de novembro e encherá Compostela de cine ata o día 28. Na súa programación destaca a ampla presenza de filmes dirixidos por mulleres (un 40% do total nas seccións oficiais), unha ollada feminina que chega tamén aos galardóns que recoñecerán as traxectorias de tres mulleres cineastas: María Vázquez, Rita Azevedo Gomes e Emma Suárez.

O cinema galego terá tamén un espazo destacado dentro de Cineuropa, con 17 títulos

A sección oficial consta de cinco categorías –Europea, Panorama internacional, Docs Cineuropa, Latidoamericano e Animaeuropa, que se estrea nesta edición–, ás que hai que sumar as seccións paralelas. Os filmes da programación paralela estarán dedicados a lembrar as traxectorias de cineastas como Agnès Varda, Chantal Akerman, Jessica Hausne, Jonas Mekas ou da crítica de cine Pauline Kael. Tamén se afondará en temáticas como o cambio climático ou na avaliación da vixencia do test de Bechdel a través de filmes producidos en Hollywood.

O cinema galego terá tamén un espazo destacado dentro de Cineuropa, con 17 títulos entre os que se contan estreas de películas como Arima (ópera prima de Jaione Camborda, que compite na sección oficial europea), Longa Noite (Eloy Enciso) e Eroski Paraíso (a adaptación da obra teatral de Chévere asinada por Jorge Coira e Xesús Ron), ademais da presenza da meirande parte dos directores e directoras no festival.

A programación paralela lembrará cineastas como Agnès Varda, Chantal Akerman, Jessica Hausne, ou Jonas Mekas

Entre as estreas destacan Dragged across concrete, de S. Craig Zahler; Mektoub, my love: Canto I, de Abdellatif Kechiche; Kuessipan, de Myriam Verrealut; L'adieu á la nuit, de André Techiné; ou Canción sin nombre, de Melina León. No resto da sección oficial destacan nomes como o de Rodrigo Sorogoyen e o seu novo filme Madre; Vitalina Varela, de Pedro Costa; ou Sharipa Urazbayeva con Mariam. Así mesmo, Fourteen, de Dan Sallitt, Top End Wedding de Wayne Blair, A Girl Missing de Koji Fukada; Monos, de Alejandro Landes; Familia sumergida, de María Alché; Blanco en blanco de Theo Court; ou Ceniza negra, de Sofía Quirós.

María Vázquez, Rita Azevedo e Emma Suárez CC-BY-SA

Os tres Premios Cineuropa

A galega María Vázquez recollerá o seu Premio Cineuropa na xornada inaugural do festival. O galardón recoñece o traballo dunha actriz que se atopa "no mellor momento da súa carreira", en durante este mes proxectaranse filmes como Mataharis, Trote e a recente Quien a hierro mata.

Tamén se afondará en temáticas como o cambio climático ou na avaliación da vixencia do test de Bechdel

O segundo galardón Cineuropa será entregado á directora e programadora portuguesa Rita Azevedo Gomes nun acto que se celebrará o sábado 16 de novembro. A realizadora, moi vinculada a Galicia, destaca por asinar unha obra cunha factura cinematográfica moi escénica que ten ramificacións e ecos doutras artes como o teatro ou a pintura. Cineuropa acollerá a estrea do seu último título, o documental Danses macabres, squelettes, et autres fantaisies, e tamén as longametraxes A portuguesa e Vingança de uma mulher.

A derradeira xornada de festival será tamén o momento no que Emma Suárez reciba o galardón Cineuropa como recoñecemento ao seu traballo en filmes como El perro del hortelano, La propera pell e Vacas, que pechará esta edición de Cineuropa.

As cinco películas que acaden o recoñecemento do público, unha por cada sección de competición, volveranse proxectar durante os dous últimos días do festival

As entradas e bonos para asistir á 33a edición de Cineuropa poderán mercarse dende o vindeiro luns, 4 de novembro, a través do portal compostelacultura.gal e no despacho de billetes do Teatro Principal.

As cinco películas que acaden o recoñecemento do público, unha por cada sección de competición, volveranse proxectar durante os dous últimos días do festival para ofrecer unha nova oportunidade para o seu visionado. Ademais de actividades xa tradicionais do festival como é o maratón, que se titulará O mundo contra min, o público poderá gozar de novidades como o incremento das proxeccións de películas sorpresas, que se triplican pasando dunha a tres.

Cartel de Cineuropa 33 © Concello de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.