Alfonso Zarauza recibirá o Premio Pedigree de Honor do festival, coincidindo coa celebración dos seus 30 anos dedicado ao audiovisual
O Festival de Cans celebrará a súa XXII edición entre o 20 e o 24 de maio, unha edición que antes de coñecer o groso da súa programación xa conta cun protagonista: Alfonso Zarauza. O director e produtor compostelán recibirá o Premio Pedigree de Honor do festival, coincidindo coa celebración dos seus 30 anos dedicado ao audiovisual.
Zarauza colocará a súa estrela no Torreiro das Estrelas de Cans o venres 23 de maio e unirase así a unha xa longa lista de destacados e destacadas traballadoras do sector do audiovisual, como María Vázquez (premiada o pasado ano), Jorge Coira, Luis Zahera, Luis Tosar, Margarita Ledo, Chelo Loureiro, Javier Gutiérrez, Miguel de Lira, Carlos Blanco, Xavier Villaverde ou Antón Reixa.
A actriz Nerea Barros, a cantante Uxía Senlle e o veciño Adriano Campos, premiados cun Chimpín de Prata
Ademais, a asamblea de Asociación Cultural Arela, organizadora do festival, acordou conceder nesta edición tres Chimpíns de Prata -que premian o impulso e a defensa de profesionais e veciños do festival e da aldea- á actriz Nerea Barros, á cantante Uxía Senlle e ao veciño Adriano Campos.
Zarauza é "un cineasta clave na historia recente do cinema en Galicia", destaca o Festival, que sinala que "representa unha correa de transmisión entre as orixes do cinema galego contemporáneo e a corrente do Novo Cinema Galego"
Alfonso Zarauza (Santiago de Compostela, 1973), autor de obras como Ons, Encallados, Os fenómenos, Malencolía ou A Noite que deixou de chover, é "un cineasta clave na historia recente do cinema en Galicia", destaca o Festival de Cans, que sinala que "representa unha correa de transmisión entre as orixes do cinema galego contemporáneo e a corrente do Novo Cinema Galego".
O festival quere recoñecer a traxectoria deste director e produtor cuxas películas pasaron por festivais de relevancia como a Seminci, o Festival de Cine Europeo de Sevilla ou o Festival de Málaga. "Zarauza sempre amosou nos seus filmes unha especial sensibilidade polas temáticas sociais e pola lingua galega como ferramenta para comunicar o seu cinema por todo o mundo, loitando porque fosen estreadas nas salas en V.O. en galego", engade.
Este Premio Pedigree tamén quere recoñecer o labor de Zarauza como produtor e coguionista doutros proxectos
Ademáis este Premio Pedigree tamén quere recoñecer o labor de Zarauza como produtor e coguionista doutros proxectos como Arima, primeiro filme de Jaione Camborda, ou filmes de cineastas galegos máis novos, coma Ángel Santos, Lois Patiño, Cesar Souto ou Luis Avilés, ao tempo que segue a súa aposta persoal por directoras noveis como Ledicia Sola.
Nerea Barros
Nerea Barros é unha figura moi próxima ao Festival de Cans desde as súas primeiras edicións
O Chimpín de Prata “Pepe Puime”, será nesta edición para a actriz e directora Nerea Barros (Santiago de Compostela, 1981). Nerea Barros recibiu en 2014 o Premio Goya a Mellor Actriz Revelación por La Isla Mínima de Alberto Rodríquez e, como directora, en 2022 foi finalista dos Goya á mellor Curta documental por Memoria.
Nerea Barros é unha figura moi próxima ao Festival de Cans desde as súas primeiras edicións. A actriz sempre estivo disposta a colaborar co certame en diferentes formas, como xurado, como participante de coloquios e encontros profesionais e tamén como parte do equipo de películas que pasaron por Cans en edicións pasadas, como La isla de las mentiras, de Paula Cons, que abriu a edición de 2020 ou A estación violenta de Anxos Fazáns. Este ano tamén estará no festival avanzando algunhas novidades dos seus próximos proxectos.
Uxía Senlle
Este ano celébranse 40 anos da carreira de Uxía Senlle como artista -en 1985 comezou no mundo da música gañando o Festival da canción de Carballo- e o Festival de Cans quere recoñecer públicamente o seu traballo
O Chimpín “Divina Campos” será para a artista musical Uxía Senlle (Mos, 1965). Este ano celébranse 40 anos da súa carreira como artista -en 1985 Uxía comezou no mundo da música gañando o Festival da canción de Carballo- e o Festival de Cans quere recoñecer públicamente o seu traballo.
Nos últimos anos dirixiu os documentais Acorda e Acordamos, afondando no seu compromiso coa memoria histórica. Alén deste traballo incansable, Uxía é unha embaixadora fiel do Festival de Cans, ao que promove sempre en festivais de todo o mundo. Varias edicións ten acompañado coas súas cancións o roteiro musical de Xurxo Souto e ten feito colaboracións desinteresadas nos palcos do festival, que van de Tony Lomba a Kepa Junkera, pasando por Lontreira. "Uxía é parte de Cans", destacan dende o festival.
Adriano Campos
Cans quere recoñecer o señor Adriano "como memoria viva da aldea nas súas achegas aos documentais colectivos que impulsa o festival, no labor como xurado dos veciños e na súa enerxia incombustible como actor dos máis veteranos de Galicia na Compañía de Teatro Fontevella"
E, por suposto, tamén é parte de Cans o veciño Adriano Campos, que ten 91 anos de vitalidade ademais de ser unha das persoas máis lonxevas da aldea e será quen reciba este ano o Chimpín de Prata polo seu labor desinteresado.
Cans quere recoñecer o señor Adriano "como memoria viva da aldea nas súas achegas aos documentais colectivos que impulsa o festival, no labor como xurado dos veciños e na súa enerxia incombustible como actor dos máis veteranos de Galicia na Compañía de Teatro Fontevella". Tivo ademáis un papel clave no asociacionismo na aldea, sendo o primeiro presidente da Asociación de veciños de Cans e unha persoa moi respectada no lugar, polo que loitou pola construción dun centro cultural e por servizos básicos como a luz pública.