A veciñanza de Cans homenaxea a Kepa Junkera, que xa ten o seu 'jaliñeiro'

Homenaxe a Kepa Junkera en Cans © Festival de Cans

En maio de 2014 Kepa Junkera actuou no Jaliñeiro do Festival de Cans con Pazos de Merexo e os Diplomáticos. Dez anos despois regresou a Cans para ser homenaxeado pola súa veciñanza e polas moitas amizades coas que conta en Galicia

En maio de 2014 Kepa Junkera actuou no Jaliñeiro do Festival de Cans. Foi unha edición moi especial, na que o músico vasco, mestre da trikitixa, compartiu escenario co acordeonista da Costa da Morte Pazos de Merexo nunha actuación que rematou cun concerto sorpresa dos Diplomáticos de Monte Alto. Dez anos despois Kepa Junkera regresou a Cans para ser homenaxeado pola súa veciñanza e polas moitas amizades coas que conta en Galicia, que se desprazaron ata esta parroquia porriñesa para asistir a un acto polo cal o Jaliñeiro dende hoxe leva o seu nome.

Foi unha homenaxe chea de música e de emocións, unha ruada musical con veciños, amigos e o grupo Petóns de Saiáns que foi dende o Torreiro de Cans ata o Jaliñeiro, onde tivo lugar unha actuación musical e, posteriormente, proxectáronse no Baixo de Carlos dous documentais dedicados á súa figura. Durante a homenaxe o director do Festival de Cans, Alfonso Pato, fixo referencia á calidade humana e artística de Junkera e pediu para el a concesión da Medalla de Galicia “pola súa contribución á música galega e o cariño que sempre mostrou hacia ela”.

Homenaxe a Kepa Junkera en Cans © Festival de Cans

No ano 2018 Kepa Junkera sufriu un ictus que lle impide tocar música e limita moito os seus movementos

Entre as amizades que estiveron presentes na homenaxe estaban os músicos Anxo Pintos, Xosé Manuel Budiño, Xabier Díaz e a cantante Uxía, que lle dedicou unha canción que o propio Kepa seguiu con xestos dos seus brazos dende a cadeira de rodas. No ano 2018 Kepa Junkera sufriu un ictus que lle impide tocar música e limita moito os seus movementos. En 2022 estreouse o documental Berpiztu (Renacer) sobre a súa vida. 

No acto, Kepa mostrouse en todo momento moi animado e fixo moito xestos irónicos, característicos da súa personalidade marcada polo sentido do humor. O artesán Alberto Oliveros, amigo de Junkera, fíxolle entrega dunha pandeireta especial para que o artista a poida sumar á súa colección.

O director do Festival de Cans, Alfonso Pato, fixo referencia á calidade humana e artística de Junkera e pediu para el a concesión da Medalla de Galicia “pola súa contribución á música galega e o cariño que sempre mostrou hacia ela”

No Jaliñeiro Kepa Junkera actuaron entre 2008 e 2017 artistas como Coque Malla, Iván Ferreiro, Mercedes Peón, Janet Novás, Cristina Pato, Uxía, Radio Océano ou Anxo Pintos, ademais de Junkera, Pazos de Merexo e os Diplomáticos.

Pola noite está prevista en Cans a Noite dos Veciños, no que haberá cine, homenaxes e música para que os verdadeiros protagonistas do festival poidan disfrutar dunha noite especial dentro do evento. Estreárase o documental Don Cesáreo, o cura da Vespino, haberá a presentación do xurado dos veciños e actuarán as Pandereteiras de Cans e o grupo AcordeCans, entre outras actividades.

Placa do jaliñeiro que dende hoxe leva o nome de Kepa Junkera © Festival de Cans

A proxección de Acordamos, de Uxía Senlle, protagonista da xornada do martes

O festival comezou este martes coa presentación do documental Acordamos, dirixido por Uxía Senlle e por Lucas Terceiro

O festival comezou este martes coa inauguración da Rúa Efémera dedidada a Dolores Ben e a presentación no Centro Cultural do Porriño do documental Acordamos, dirixido por Uxía Senlle e por Lucas Terceiro.

Acordamos continúa coa temática iniciada co documental Acorda (2021) sobre a represión franquista. Neste caso busca poñer en valor as iniciativas pioneiras no sector educativo, cultural e sindical que se puxeron en marcha durante a Segunda República en Galicia e foron esnaquizadas co ascenso ao poder do franquismo. “O noso obxectivo é contar ás novas xeracións o que pasou con estes proxectos tan interesantes e lembrar que hai que loita polos nosos dereitos para que non se repita a historia”, indica Uxía. 

O documental busca poñer en valor as iniciativas pioneiras no sector educativo, cultural e sindical que se puxeron en marcha durante a Segunda República en Galicia e foron esnaquizadas co ascenso ao poder do franquismo

Entre as historias que se contan están do proxecto educativo da escola Aurora do Porvenir de Tomiño, a da Fraternidade Mariñeira de Moaña, a da Caixa Rural do Lérez, a da República Independente da Illa de Arousa ou a dos Mártires de Sobredo, en Tui.

O filme non é un documental convencional xa que a música ten un papel moi importante, coa presenza de grupos e artistas que colaboraron especialmente para a película con cancións que teñen moito que ver coas historias que se están a contar. Woyza, Treixadura, Antía Muiño, Luis Pastor, Malvela e Celina da Piedade son algúns dos intérpretes que participan no documental. Tras a proxección deste martes actuaron precisamente Antía Muiño e Uxía para poñer o broche musical á proxección.

Presentación no Festival de Cans do documental 'Acordamos', dirixido por Uxía Senlla © Festival de Cans

Este xoves comeza oficialmente o festival

A pesar de que xa levamos dous días de actividades en Cans, o festival comeza oficialmente este xoves

A pesar de que xa levamos dous días de actividades en Cans, o festival comeza oficialmente este xoves. Entre os eventos máis destacados está o coloquio que haberá no Torreiro ás 13 horas coa presenza da directora do premiado filme O Corno, Jaione Camborda, e a actriz Janet Novás, veciña de Cans e galardonada cun Premio Goya na última edición.

Entre os eventos máis destacados está o coloquio que haberá no Torreiro ás 13 horas coa presenza da directora do premiado filme O Corno, Jaione Camborda, e a actriz Janet Novás, veciña de Cans e galardonada cun Premio Goya na última edición

Xa pola tarde, xusto despois da procesión de chimpíns con pasarrúas de Os Zoqueiros, terá lugar a apertura oficial do festival coa proxección no Círculo Recreativo e Cultural do Porriño da película Alumbramiento, do director catalán Pau Teixidor, protagonizada por Sofía Milán e coa actriz galega María Vázquez no reparto. A partir das 22:30 horas celébrarase na Praza Antonio Palacios do Porriño a Noite Lasal, no que se elixirá o mellor videoclip musical galego do ano, un evento precedido do concerto de Hydn.

Ademais, pola mañá terá lugar no Baixo de Carlos a mesa de debate “Programadores de festivais:,anxos ou demos?” con Suso Novás, Ana David e Andrea Franco. Así mesmo, tamén se levará a cabo pola mañá o roteiro cinéfilo-literario co escritor Carlos Meixide.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.