David Trueba participará nun coloquio cos veciños e María Vázquez recibirá o Premio Pedigree de Honra
Achégase unha nova edición do Festival de Cans. A 21ª entrega do certame terá lugar do 21 ao 25 de maio co cine como protagonista, pero con amplos espazos para a música e outras actividades paralelas nas cinco xornadas das que consta o festival, no que haberá máis de cen proxeccións das que un total de 35 serán estreas.
Entre os grandes nomes que pasarán polo festival este ano está o do director David Trueba, que participará nun coloquio cos veciños e visitantes en Cans o sábado 25. Ademais, a actriz María Vázquez, moi vinculada ao festival dende hai anos, recibirá o venres 24 o Premio Pedigree de Honra que recoñece o seu especial agarimo hacia Cans e a súa traxectoria como unha das intérpretes máis importantes dos últimos anos no Estado.
O festival terá como longametraxe de apertura o xoves 23 o filme Alumbramiento do director catalán Pau Teixidor. Haberá máis de cen proxeccións das que un total de 35 serán estreas
O festival terá como longametraxe de apertura o xoves 23 o filme Alumbramiento do director catalán Pau Teixidor e con María Vázquez no reparto. Ademais, hai que destacar a presenza este ano en Cans de representantes da productora francesa Sociéte Acéphale (Anthony Lapia, Lorenzo Bianchi ou Eliza Muresan, entre outros) que será a protagonista de sección Foco Internacional.
Outra das citas destacadas na programación do festival será a proxección do filme As Neves, da directora e guionista Sonia Méndez que debuta na longametraxe con este filme sobre a vida duns adolescentes galegos. Tamén hai que destacar a estrea en Cans da sección Cineherdanzas, que nesta ocasión recupera o patrimonio fílmico de Carlos Asorey, un esquecido cineasta galego dos anos 70. Podes consultar aquí o programa completo do Festival de Cans.
O mércores 22 Kepa Junkera recibirá unha homenaxe nun acto no que artista dará nome a un Jaliñeiro
A música é tamén protagonista no festival, con grandes nomes coma o de Kepa Junkera, que o mércores 22 recibirá unha homenaxe nun acto no que artista dará nome a un Jaliñeiro. Os grandes concertos, que xa se converteron nunha tradición en Cans, terán este ano como principais protagonistas á banda de Muros The Rapants, a última sensación do rock galego.
Ademais, no escenario principal da Leira do Rio Estrella Galicia tamén actuarán Nat Simons e Combo Paradiso. A programación musical contará con outros concertos de formato máis pequeno con bandas como Lontreira e artistas como Susana Seivane ou Su Garrido Pombo.
Destaca tamén a proxección do filme As Neves, da directora e guionista Sonia Méndez
Este martes celebrouse no Torreiro de Cans a rolda de prensa de presentación do evento, coa asistencia, entre outras autoridades, do conselleiro de Cultura da Xunta, José López Campos, e do alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo.
The Rapants, Nat Simons, Combo Paradiso, Lontreira, Susana Seivane ou Su Garrido Pombo destacan na programación musical
Ademais, asistiron á presentación do festival Goretti Castro, Responsable de Gastronomía, Cultura e Orixe de Estrella Galicia; Isabel Blanco, actriz e delegada en Galicia da Fundación AISGE; José Luis Fernández, Director de Comunicación de Gadisa e Keka Losada, Presidenta da Asociación Arela, asociación organizadora do Festival de Cans. O evento conta coa colaboración da Xunta de Galicia, o Concello do Porriño e a Deputación de Pontevedra e cos patrocinios de Estrella Galicia e Gadis, entre outros.