Este martes bota a andar unha nova edición do Festival de Cans. O certame audiovisual chega á súa XXII edición cunha programación na que o cine e a música van da man, manténdose fiel á súa esencia e co antimilitarismo, memoria e despoboamento como temas centrais. Dende este martes e ata o domingo haberá moitas e moitos protagonistas nesta aldea do Porriño, que un ano máis recibirá milleiros de persoas de todo o país. Entre eles destaca o nome de Alfonso Zarauza, Premio Pedigree nun certame que este anos tamén recoñece a Nerea Barros ou a Uxía Senlle.
1- Inauguración da rúa efémera Cruz Risco. Un dos primeiros actos desta edición do Festival de Cans tivo lugar xa na mañá deste martes, coa inauguración da rúa efémera á cineasta pioneira galega Cruz Risco, coa asistencia da actriz Isabel Risco, familiar da cineasta, e o investigador Xaime Varela, que protagonizarán un coloquio no Baixo de Carlos [Cruz Risco, a pioneira do cine galego da que non sabiamos nada]
2- Retrospectiva das curtas internacionais de Alejandro Loayza. Este ano o Festival de Cans dedica o seu Foco Internacional ao boliviano Alejandro Loayza Grisi, chamado a ser unha das grandes promesas do cinema latinoamericano, que estará presente no certame. Coa súa sorprendente ópera prima Utama triunfou no prestixioso Festival de Sundance 2022, onde obtivo o Gran Premio na World Dramatic Competition. Loayza, que xa interveu esta fin de semana a través dunha videoconferencia, presentará o seu traballo en Cans a partir do día 22 e participará tamén nos coloquios Café con Crea que terán lugar o venres, 23 de maio.
3- O "Reisiño" e o campo de concentración de San Simón. A memoria histórica marca parte da programación deste ano do Festival de Cans. Pódese ver a exposición “Reisiño, o prisioneiro debuxante”, que pon o foco sobre a figura de Alfredo Bautista Alconero “Reisiño”, prisioneiro no campo da Illa de San Simón. Ademais, este martes proxectarase o documental Aillados, de Antón Caeiro, e posteriormente chegará un dos grandes momentos do día, co avance en exclusiva dos primeiros minutos do filme San Simón, dirixido por Miguel Ángel Delgado.
4- Antes de Nós. No ano no que se conmemora o 75 cabodano de Castelao, a longametraxe Antes de nós, de Ángeles Huerta, será o filme de apertura do festival o próximo xoves 22 de maio no Círculo Recreativo e Cultural (CRC) do Porriño. O festival contará coa presenza en Cans da súa directora Ángeles Huerta e dos actores protagonistas Xoan Fórneas e Cris Iglesias.[O Castelao "máis íntimo" xa cobra vida no cinema en vésperas da estrea de 'Antes de nós']
5- Crónicas do Non. Un dos momentos máis agardados do festival será a estrea de Crónicas dun non, documental de Fernando Rodríguez que se proxectará o venres 23 coa presenza do director. A película mergúllase no movemento dos insubmisos dos anos 90, determinantes na eliminación do servizo militar obrigatorio que agora ameaza con volver.
6- A estrela de Alfonso Zarauza. O director e produtor compostelán recibirá o Premio Pedigree de Honor do festival, coincidindo coa celebración dos seus 30 anos dedicado ao audiovisual. Zarauza colocará a súa estrela no Torreiro das Estrelas de Cans o venres 23 de maio. O festival quere recoñecer a traxectoria dun "cineasta clave na historia recente do cinema en Galicia" que "representa unha correa de transmisión entre as orixes do cinema galego contemporáneo e a corrente do Novo Cinema Galego".
7- Chimpíns de Prata. O festival tamén entrega tres chimpíns de prata, que premian o impulso e a defensa de profesionais e veciños do festival e da aldea. Son para a actriz Nerea Barros, á cantante Uxía Senlle e o veciño Adriano Campos. [Alfonso Zarauza, Premio Pedigree dun Festival de Cans que tamén recoñece a Nerea Barros e Uxía Senlle]
8- Sección Oficial. A competición de Ficción e Animación do Festival de Cans, na que haberá dez obras, terá nove estreas. Catro das obras terán a súa estrea absoluta e cinco delas será a primeira vez que se poidan ver en Galicia. Entre as obras de estrea absoluta están títulos como Home que foxe (imaxe destacada da publicación), baseada na fuga do preso anarquista Xosé Tarrío e segunda curta do cineasta de Marín Pablo Dopazo, que o pasado ano foi o gran triunfador de Cans. Entre as estreas en Galicia, unha das máis esperadas será Abellón, de Fon Cortizo, que chega a Cans despois de ser recoñecida como mellor curta no Festival de Moscú
9- Sección Furacáns. Un total de oito obras estarán na sección competitiva Furacáns do Festival de Cans, a sección destinada ás curtas de non ficción e a traballos que exploran vías narrativas de maior risco, que terá lugar o sábado 24 de maio. Entre os cineastas a concurso hai unha mestura de creadores con traxectoria, cineastas emerxentes e mesmo debutantes. Entre os primeiros están a cineasta Carla Andrade, que presenta en Cans Nayan, unha obra rodada ao longo de varios anos entre Nepal e Chile.
10- Fillxs de Cans. Nesta xa clásica sección, feita coa colaboración de CREA (Asociación galega de profesionais da dirección e realización) proxéctanse de xeito exclusivo imaxes de filmes en fase de rodaxe, en posprodución ou que aínda non empezaron os seu percorrido por festivais. Así, veremos por exemplo o novo de Xacio Baño, Anxos Fazáns, Ángel Santos, Eloy Domínguez ou de Adrián Canoura.
11- Encontros AISGE. En Cans hai tamén encontros profesionais e coloquios nos que a a xente do sector trata distintos temas de interese. Aí estarán Adrián Ríos, Sabela Hermida, Isabel Blanco, Uxía Blanco, Eduardo Rodríguez “Tatán”, Luma Gómez ou María Vázquez, Lucía Veiga, Nerea Barros e Tamar Novas.
12- Extracáns. Este é un espazo pensado para amosar o traballo máis actual de actrices, actores ou cineastas que este ano pasan por Cans. Nerea Barros presentará o seu debú como directora, co que foi finalista dos Goya, Sánchez Arévalo a súa última curta coa que foi premiado en Málaga e María Vázquez trae a Cans a Marcos Varela, que acaba de dirixila no seu debú como cineasta.
13- A que andas? Esta sección é unha ocasión única para coñecer desde o guión proxectos que están aínda xermolando e que serán filmes a curto prazo en colaboración coa Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG). Deste xeito, Cans vai amosando como van medrando moitos dos creadores e creadoras que foron pasando por Cans. Este ano será a quenda de Pablo Dopazo, Nerea Barros, Xiana do Teixeiro ou Alfonso Zarauza e Ledicia Sola.
14- Minicans. Cans tamén é para os máis pequenos. Por unha banda temos Cans do futuro, unha actividade dirixida a alumnas e alumnos de entre 8 e 14 anos que visitan o festival desde centros educativos de toda Galicia. Ademais de facer un percorrido pola aldea para coñecer a historia do festival e a súa relación co territorio, coas sesións de Cans do futuro aprenderán conceptos cinematográficos. Pero, ademais, Minicans ofrece unha chea de actividades pensadas para elas e eles: concertos, curtametraxes de animacións, obradoiros, contacontos...
15. A música. Cans sempre destaca pola importancia que concede á programación musical, que complementa os contidos puramente audiovisuais. Nesta edición o cartel musical inclúe máis de 25 actuacións, que van desde as músicas de raíz ata propostas urbanas e electrónicas, en diálogo cos contidos audiovisuais do festival. Estarán Biznaga, Guadalupe Plata, Santero y los muchachos, A Banda da Loba, Caamaño&Ameixeiras ou o esperado regreso de Susana Seivane aos escenarios de Galicia, despois dun ano afastada por motivos de saúde.
16- Mondra. Mondra fará unha actuación única no Festival de Cans poñendo música en directo ao filme mudo Miss Ledya, película de 1916 que está considerada a primeira obra de ficción rodada en Galicia e na que Castelao ten un papel como actor. Terá lugar na tarde do venres 23 de maio, con aforo reducido só para 90 persoas e entradas xa esgotadas.
17- Lúa Mosquetera. No espazo Invernadoiro Rei Zentolo de Juan e Mucha do Peso, que combina música e proxeccións audiovisuais, terá lugar o sábado a performance poética de Lúa Mosquetera xunto cunha retrospectiva dos seus videopoemas. A escritora, natural de Miño, é un referente do Spoken Word e é gañadora do Poetry Slam gallego. Conta con cinco libros publicados e a súa poesía íntima, feminista e rabiosa, convertérona nun dos grandes fenómenos poéticos actuais en Galicia.
18- Noite Lasal. O Concurso de videoclips Lasal terá lugar o xoves pola noite na Praza do Concello. A competición de videoclips do Festival de Cans é única en Galicia e unha das máis históricas dos concursos de videoclips que teñen lugar en España. Desde hai anos, a Noite Lasal convértese nun gran escaparate no que observar os últimos grupos emerxentes, con estilos que van desde a batidora de músicas urbanas, pasando polo electrofolk, a reinvención da tradición, o pop ou o rock máis contundente.