Ángeles Huerta presenta o tráiler do filme que se achega a dúas das etapas menos coñecidas da vida do político e artista: a súa intervención como médico durante a gripe de 1918 e a viaxe pola Bretaña tras a perda do seu único fillo
"Castelao antes de ser Castelao, Galicia antes da Xeración Nós, Castelao e Virxinia antes de seren nós". O vindeiro 23 de maio chega ás salas de cinema Antes de nós, a película de Ángeles Huerta que, en pleno Ano Castelao, se achega a algúns dos momentos vitais menos coñecidos do artista e político para achegarnos ao "Castelao máis íntimo", que xa cobra vida interpretado por Xoán Fórneas no tráiler oficial que vén de ser presentado.
O filme achéganos a dúas etapas da vida de Castelao antes da súa maior proxección pública. A comezar pola gripe de 1918, que "o obrigou a volver exercer como médico", profesión para a que se formou e que abandonou "por amor á humanidade", nas súas propias verbas. Esa continxencia, explica o equipo da película, "colocouno en primeira liña de defensa do vulnerable" enfrontándose ao virus, mais tamén "ao poder caciquil".
Antes de nós trasládanos tamén a 1929, durante a viaxe de Castelao á Bretaña en compaña da súa esposa, Virxinia Pereira, pouco despois de perderen o seu único fillo, Afonso Xesús, Chuchiño, falecido dunha pneumonía con apenas 14 anos. O relato, con Pepe Coira no guión, transita do "heroe para o pobo" e "home ausente para a súa muller" en 1918 a "dous seres rotos" pola dor que acaban "unidos para sempre".
"Non é un biopic, trátase de contar unha historia sobre Castelao antes de ser Castelao"
Porque, explica Ángeles Huerta, "Antes de nós non é un biopic". Con este filme non aspira "a relatar a vida completa dun home, e moito menos a glosar a traxectoria dun político". Trátase de contar "unha historia sobre Castelao antes de ser Castelao. Porque sen esta parte do relato, que é a menos coñecida, o Castelao que hoxe coñecemos probablemente nunca tería existido", apunta a directora.
Antes de nós foi rodada en "lugares orixinais que pisou Castelao". Rianxo e Pontevedra son as localizacións fundamentais, tamén porque "conservan hoxe a mesma esencia de hai máis de cen anos, ofrecendo unha fidelidade visual e emocional única". Outros puntos do país como A Estrada, Santiago e Muros, que tamén "permiten recrear con autenticidade a Galicia de comezos do século XX", tamén acolleron a rodaxe.

A película é unha produción de Retrincos distribuída por Atalante. Está participada pola TVG e tivo o apoio dos gobernos de Galicia e de España, ademais das deputacións de Lugo, Ourense e Pontevedra e mais do Concello pontevedrés.