Cans presenta programación: 40 filmes e 25 concertos con antimilitarismo, memoria e despoboamento como temas

Presentación da edición 2025 do Festival de Cans, este martes © Festival de Cans

Entre os nomes que pasarán polo festival este ano atópase Daniel Sánchez Arévalo, que vén de filmar a súa sexta película, Rondallas, moi relacionada coa comarca da Louriña e coa participación de varias formacións musicais do Porriño

A dúas semanas do comezo da súa edición 2025, que se celebrará entre o 20 e o 24 deste mes, o Festival de Cans presentou este martes a súa programación completa, na que destacan como temas centrais o antimilitarismo, a memoria e o despoboamento.

Entre os nomes que pasarán polo festival este ano atópase Daniel Sánchez Arévalo, recoñecido director de filmes como AzulOscuroCasiNegro, Gordos ou La gran familia española, que protagonizará o xa tradicional coloquio central no Torreiro o sábado ao mediodía.

Sanchez Arévalo vén de filmar a súa sexta película, Rondallas, que espertou unha grande expectación entre o público da comarca ao estar moi relacionada coa zona da Louriña e coa participación de varias formacións musicais do Porriño. Ademais, o director estará na sección Extracans, que se recupera nesta edición do festival, e onde presentará Pipiolos, curtametraxe que ven de triunfar no Festival de Cine de Málaga. 

Cartel da edición 2025 do Festival de Cans © Festival de Cans

O festival contará con preto de 40 estreas, entre as que se atopan títulos como Antes de Nós, de Ángeles Huerta

O festival contará con preto de 40 estreas, entre as que se atopan títulos como Antes de Nós, de Ángeles Huerta, que contará coa presenza dos actores Nancho Novo, Xoan Fórneas e Cris Iglesias, así como arredor de 25 curtametraxes que se verán por vez primeira en Galicia dentro das competicións oficiais: Furacáns, Ficción e Animación e Novas Camadas. Moitas destas obras están marcadas por temáticas como o despoboamento, a memoria ou a identidade rural, abordadas por unha nova xeración de cineastas galegos como Fon Cortizo, Diego R. Aballe, Alba Pino, Ariadna Cordal, Alejandro Jato ou Pablo Dopazo. 

Podes consultar a programación completa neste pdf e tamén na web do festival.

Un dos momentos máis agardados será a estrea de Crónicas dun non, documental de Fernando Rodríguez que se proxectará o venres 23 coa presenza do director. A película mergúllase no movemento dos insubmisos dos anos 90. O documental chega a Cans coincidindo co vixésimo aniversario da supresión do servizo militar obrigatorio, e nun momento moi significativo, co debate sobre o gasto militar de novo no centro da axenda política e social.

Un dos momentos máis agardados será a estrea de Crónicas dun non, documental de Fernando Rodríguez que se mergulla no movemento dos insubmisos dos anos 90 do pasado século

A programación, con forte compoñente de reflexión crítica e social, reserva momentos emotivos para a memoria histórica, coa homenaxe a Alfredo Bautista Alconero (1912-2000), que foi o prisioneiro debuxante e caricaturista dos presos de San Simón, protagonista do documental Aillados, e de quen este ano se conmemora o 25 aniverario da súa morte. Tamén haberá unha emotiva homenaxe á Señora Alicia, veciña emblemática de Cans, falecida o pasado mes de xaneiro.

Alfonso Zarauza recibirá o Premio Pedigree de Honor do festival, coincidindo coa celebración dos seus 30 anos dedicado ao audiovisual. Ademais, a asamblea de Asociación Cultural Arela, organizadora do festival, acordou conceder nesta edición tres Chimpíns de Prata -que premian o impulso e a defensa de profesionais e veciños do festival e da aldea- á actriz Nerea Barros, á cantante Uxía Senlle e ao veciño Adriano Campos.

Daniel Sánchez Arévalo © AISGE

O director do Festival, Alfonso Pato, reivindicou Cans como “un festival único pola implicación dos veciños, de escala humana, afastado da voráxine dos macrofestivais, e escaparate dunha xeración que se achega ao rural cunha nova mirada"

Ademáis de retrospectivas ao cineasta boliviano Alejandro Loayza Grisi e ao Premio Pedigree Alfonso Zarauza, celebraranse encontros profesionais con intérpretes de primeiro nivel como Nerea Barros, Tamar Novas, Lucía Veiga ou María Vázquez, así como cineastas como Xacio Baño, Anxos Fazáns, Ángel Santos, Xiana do Teixeiro ou Adrián Canoura, que participarán en Fillxs de Cans, amosando imaxes inéditas dos seus próximos proxectos.

O director do Festival, Alfonso Pato, reivindicou Cans como “un festival único pola implicación dos veciños, de escala humana, afastado da voráxine dos macrofestivais, e escaparate dunha xeración que se achega ao rural cunha nova mirada. Cans é unha xanela aberta á creatividade e á reflexión crítica”. 

25 concertos

Mondra, Biznaga, Santero y los muchachos, Caamaño&Ameixeiras ou Susana Seivane destacan na programación musical

Cans sempre destaca pola importancia que concede á programación musical, que complementa os contidos puramente audiovisuais. Nesta edición o cartel musical inclúe máis de 25 actuacións, que van desde as músicas de raíz ata propostas urbanas e electrónicas, en diálogo cos contidos audiovisuais do festival. Destaca a presenza de artistas como Mondra -que creou un espectáculo único para musicar o filme mudo Miss Ledya-  Biznaga, Santero y los muchachos, Caamaño&Ameixeiras ou o esperado regreso de Susana Seivane aos escenarios de Galicia, despois dun ano afastada por motivos de saúde.

As actuacións de Susana Seivane e Mondra xa venderon todas as entradas dispoñibles © Festival de Cans

Actuacións como a de Mondra  -que creou un espectáculo único para musicar o filme mudo Miss Ledya- ou o esperado regreso de Susana Seivane aos escenarios xa venderon todas as entradas dispoñibles

Actuacións como a de Mondra e Susana Seivane xa venderon todas as entradas dispoñibles e o ritmo de venda supera xa o doutras edicións. Por exemplo, para a actuación da poeta Lúa Mosquetera quedan só as 10 últimas entradas. Tamén quedan poucas entradas dispoñibles para as sesións de Ficción e Furacáns. Cómpre lembrar que o prazo para mercar entradas online na web do festival remata o día 21 de maio. Se queda algunha sen vender, despois só se venderían fisicamente os días do certame.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.