'O frío', de Pablo Dopazo, gañador dun Festival de Cans que se pechou con música e a homenaxe a David Trueba

Algúns dos premiados na edición 2024 do Festival de Cans © Festival de Cans

"Queredes unha vixésimo segunda edición do Festival de Cans?". Aínda non rematara a 21ª e o director do certame, Alfonso Pato, preguntaba os asistentes se querían unha nova entrega o ano que vén, edición número 22 que chegará dentro de doce meses. Este sabado finalizaron coa entrega de premios cinco días de actividades en Cans que combinaron estreas de curtametraxes, adiantos cinematográficos, homenaxes e música nunha cita cunha identidade e personalidade única no mundo

A curta O frío do director Pablo Dopazo foi a gran triunfadora do certame, cos premios á Mellor Ficción, Mellor Director e Mellor Actor

A curta O frío  do director Pablo Dopazo foi a gran triunfadora do certame, elixida polo xurado como gañadora na sección de Ficción; ademais, Dopazo obtivo o premio ao Mellor Director e tamén levou o galardón ao Mellor Actor polo papel interpretado por José María Sanjurjo. A curta gañadora recibirá un premio de 2.000 euros en metálico e un Can de Pedra. O xurado destacou a súa capacidade para “facer sentir a distancia, o desafecto e o frío”. O filme. Inspirado nunha historia real, ten como protagonista a un home que traballa nun mercado de abastos dunha cidade galega e un día recibe unha chamada que perturba a súa vida normal e fai que o pasado volva.

Alguén me chamou Serpe Negra, Aquarium, Taquión ou Viaxar aos teus recordos e buscar pelexa obtiveron tamén algúns dos galardóns principais

No apartado de Animación o premio do xurado foi para Alguén me chamou Serpe Negra, que conta con guión e dirección de Borja Santomé, quen xa obtivera un premio en Cans en 2018 coa curta El reloj. Este premio ten unha dotación económica de 1.500 euros.

O premio AISGE á Mellor Actriz nesta edición de Cans foi para o protagonista da curta Nai, Andrea Vilariño, mentres que o filme To bird or not to bird, do realizador e guionista Martín Romero, obtivo dous galardóns: o premio AGAG polo Mellor Guión e o premio Gadis á Mellor BSO. Esta peza xa foi premiada na última edición dos Goya como Mellor Curta de Animación. Ruovesi, a curta da directora e guionista Andrea Zapata, recibiu o premio Rc Service á Mellor Fotografía.

Na sección Furacáns (Non Ficción) a curta gañadora foi Viaxar aos teus recordos e buscar pelexa, unha peza con guión e dirección do boirense Daniel Pérez Silva

O Premio do Xurado dos Veciños e Veciñas á Mellor Curtametraxe de Ficción/Animación foi para Aquarium  da realizadora italiana afincada en Galicia Marguerita Morello. A peza ambiéntase nun futuro distópico e narra as loitas laborais nunha empresa de marketing misturando comedia, drama e ciencia-ficción.

Na sección Furacáns (Non Ficción) a curta gañadora foi Viaxar aos teus recordos e buscar pelexa, unha peza con guión e dirección do boirense Daniel Pérez Silva. O filme está composto por imaxes do arquivo familiar do realizador, quen relaciona o pasado co presente para dar conta dos cambios que se producen nas relación familiares. O xurado destacou o seu achegamento “tan emotivo como penetrante ao continuum temporal dunha familia”. Nesta sección obtivo unha mención a curta El Custodio, que conta con guión e dirección do arquitecto Arturo Franco. O filme fala da soidade nunha illa sen tempo e xa foi galardonado no Festival Intersección co premio ao Mellor Filme Español.

David Trueba xa ten a súa estrela en Cans © Festival de Cans

No apartado de Novas Camadas, que distingue aos realizadores menores de 25 anos, a curta gañadora do Premio Deleite foi Taquión, con guión e dirección de Miguel Barcia

No apartado de Novas Camadas, que distingue aos realizadores menores de 25 anos, a curta gañadora do Premio Deleite foi Taquión, con guión e dirección de Miguel Barcia. É un relato de ciencia-ficción que combina videos caseiros con fotogramas impresos e escaneados que suxiren a distorsión dos recordos. O xurado destacou a aura de misterio dun filme con ecos “do mellor David Lynch”. A partir do 3 de xuño as dez curtas finalistas da sección Novas Camadas poderán verse de balde a través de Vinte.

Este sábado o Torreiro encheuse de público para asistir ao coloquio co director David Trueba, que despois deixou as súas pegadas no Torreiro das Estrelas, ao igual que hai uns anos fixera o seu irmán Fernando

A derradeira xornada do festival tivo unha programación intensa dende primeira hora da mañá e varios protagonistas. Ao mediodía o Torreiro encheuse de público para asistir ao coloquio co director madrileño David Trueba, convidado especial en Cans nesta edición. Trueba contou distintas anécdotas da súa longa traxectoria no mundo do cine, con referencias a actores como o inesquecible Fernando Fernán-Gómez e ao seu amigo Jorge Sanz. Tras o coloquio, o director deixou as súas pegadas no Torreiro das Estrelas, ao igual que hai uns anos fixera o seu irmán Fernando.

Homenaxe a María Vázquez no Festival de Cans © Festival de Cans

A música foi tamén protagonista da derradeira xornada, cos concertos de Su Garrido Pombo, Nat Simons, Escuchando Elefantes e, sobre todo, de Grande Amore e The Rapants

A música foi tamén protagonista da derradeira xornada do festival, cos concertos de Su Garrido Pombo, Nat Simons, Escuchando Elefantes e, sobre todo, de Grande Amore e The Rapants. Nun concerto case improvisado (o venres anunciouse queo trío ía substituír a Susana Seivane), Grande Amore deixou unha actuación para a historia do Festival de Cans. Dentro duns anos haberá quen conte con orgullo: "eu estiven naquel concerto de Grande Amore no Cuberto de Juan do Peso".

Grande Amore deixou unha actuación para a historia. haberá quen conte con orgullo: "eu estiven naquel concerto no Cuberto de Juan do Peso"

Para rematar, xa despois da medianoite, The Rapants pecharon o festival poñendo do revés o Espazo Estrella Galicia da Leira do Río e facendo bailar a todos os e as asistentes á edición número 21, que xa foi, do Festival de Cans.

Desfile de chimpíns na edición 2024 do Festival de Cans © Cris Andina

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.