Cans lembra cun documental colectivo os 31 mortos no accidente de autobús que conmocionou a aldea en 1955

Imaxe tomada a finais dos anos 50 do monumento que lembra aos 31 falecidos na traxedia de Cans. Foto cedida por Carmen Pérez © Festival de Cans
Publicidade
Publicidade

Na mañá do 26 de febreiro de 1955 un autobús que se dirixía dende O Porriño a Ponteareas envorcou e se incendiou á altura de Cans. O accidente saldouse con 31 persoas mortas

Na mañá do 26 de febreiro de 1955 un autobús que se dirixía dende O Porriño a Ponteareas envorcou e se incendiou á altura de Cans. O accidente saldouse con 31 persoas mortas e 11 feridas de distinta consideración; só dúas saíron ilesas. O vehículo, sen saída de emerxencia, só tiña portas no lado polo que envorcou, o que fixo imposible que os pasaxeiros puidesen fuxir das lapas. O sinistro, ademais, tivo lugar diante da escola dos nenos, xusto no lugar onde hoxe existe un monumento que lembra o suceso.

O vehículo, que saíra ás sete e cuarto da mañá, ía cheo de feirantes e tratantes de gando locais que se dirixían á feira de Ponteareas. Toda a comarca ficou conmocionada por un sinistro que no momento acasou un impacto mediático de alcance internacional. Entre os falecidos había tamén persoas de Redondela, Ames, Tui ou Pontevedra, pero a veciñanza do Porriño foi a máis directamente afectada. O impacto foi especialmente forte entre as testemuñas do sucedido, entre elas os nenos que nese momento se atopaban na escola

O monumento, na actualidade © Google Maps

O sinistro tivo lugar diante da escola dos nenos, que foron quen deron a voz de alarma. Un gran número de veciños e veciñas da aldea de Cans acudiron de inmediato para tentar salvar aos pasaxeiros, pero pouco puideron facer ante o poder das lapas

Segundo as crónicas da época, o sinistro produciuse ao chocar o autobús contra unha pedra de gran tamaño na estrada. Ademais, o vehículo levaba máis pasaxeiros e carga do permitido

Un gran número de veciños e veciñas da aldea de Cans acudiron de inmediato para tentar salvar aos pasaxeiros, pero pouco puideron facer ante o poder das lapas, produto da explosión do depósito de gasolina, que de inmediato cubriron o vehículo. Os veciños tentaron con hachas e outras ferramentas abrir fendas na carrozaría do autobús accidentado para que así puidesen saír os ocupantes. Buscaron, ademais, apagar o lume carrexando auga dende as vivendas.

Publicidade
Publicidade

Este ano conmemórase, polo tanto, o 70 aniversario dos feitos, unha efeméride que o Festival de Cans quere aproveitar para impulsar un proxecto documental colectivo a través de Proxecto Cans 303

Nas crónicas publicadas ao día seguinte destácase especialmente a actuación do mestre da escola, Carlos Díaz Álvarez, o primeiro en chegar e que "con desprezo da súa propia vida realizou inauditos esforzos para poder salvar algunhas persoas". O mestre foi quen de romper o parabrisas, por onde puideron saír os poucos supervivintes do sinistro.

Os nenos da escola foron quen deron a voz de alarma, pois nese momento (nove e vinte da mañá) se atopaban na clase. Destácase, igualmente, a acción do médico Sobrino Conde, veciño de Cans, que atendeu de inmediato ás persoas feridas. Os cadáveres foron tendidos sobre sabas nunha leira próxima e alí foron pouco a pouco idetificados nas horas seguintes polos familiares que foron chegando ao lugar.

Ata alí acudiron tamén ese día o Gobernador Civil, alcaldes de toda a comarca e centos de persoas chegadas de distintos lugares. O Cónsul de Arxentina fixo de inmediato unha doazón económica para colaborar na axuda ás vítimas.

Portada de La Voz de Galicia do 27 de febreiro de 1955 © La Voz de Galicia

Estase a traballar nun censo dos entón nenos que aínda vivan na actualidade e que poderían estar nesa escola, cuxas idades rondarían hoxe os 80 anos e que contemplaron escenas que os marcarían de por vida

Este ano conmemórase, polo tanto, o 70 aniversario dos feitos, unha efeméride que o Festival de Cans quere aproveitar para impulsar un proxecto documental colectivo a través de Proxecto Cans 303, unha iniciativa coordinada por Juanma Lodo, e no que traballan alumnas e alumnos da aldea de varias xeracións, que busca preservar ano tras ano a memoria da aldea, sustentada sobre todo na testemuña oral das persoas de máis idade.

Nesta ocasión estase a traballar nun censo dos entón nenos que aínda vivan na actualidade e que poderían estar nesa escola, cuxas idades rondarían hoxe os 80 anos e que contemplaron escenas que os marcarían de por vida. Neste proceso de construción colectivo e traballo interxeracional coa comunidade local, o Festival de Cans pide tamén a colaboración de persoas familiares de vítimas ou dos escasos supervivintes, que poidan achegar algún tipo de información así como documentos, hemeroteca ou fotografías desa época.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.