Cruz Risco, a pioneira do cine galego da que non sabiamos nada

Cruz Risco, primeira pola dereita, nunha rodaxe nos anos 70 © Emilio Pérez Calviño

Cruz Risco é, probablemente, a primeira directora de cine galega, pero ata agora non era nin sequera unha nota ao pé. Unha investigación de Xaime Varela comeza a botar luz sobre a súa figura e a súa obra

Quen foi Cruz Risco? A ourensá foi unha pioneira do cine galego, probablemente a primeira directora do país. Porén, ata agora pouco ou nada sabiamos dela e da súa obra. Unha invisibilización que di moito sobre as dificultades engadidas que as mulleres creadoras atopaban e que comezou a ser resolta grazas á investigación -cun inicio casual- levada a cabo por Xaime Varela Sieiro, investigador e profesor no Instituto Xelmírez II de Compostela.

Xaime Varela estaba a pescudar a figura de Carlos Asorey, outro deses cineastas pioneiros dos anos setenta do pasado século -posteriormente cámara da TVG- do que mesmo recuperou unhas gravacións realizadas en París, onde estudaba. Unha das curtas realizadas por Asorey foi presentada en 1979 nas Xornadas do Cine das Nacionalidades e Rexións (que deron continuidade ás Xornadas de Cine de Ourense) onde coincidiu con outras obras galegas. Entre elas, un documental sobre a emigración titulado Por que marchamos, realizado por Grupo 4, un colectivo de cineastas formado por catro mulleres: Elisabeth Aguirre, Pilar del Caz, Begoña Zangitu e Cruz Risco, a única galega.

Imaxes dalgúns dos filmes nos que participou Cruz Risco: Por que marchamos, Toque de queda, Le musée fantôme e Río de sombras ©

Cruz Risco é, ademais, a filla máis nova de Vicente Risco, nacida en 1943 cando o intelectual ourensán tiña xa 57 anos. Marchou de Ourense con vinte anos a estudar xornalismo a Madrid e posteriormente viviu en Londres, París e Alacante

A presenza neste grupo dunha cineasta galega da que practicamente non tiña información espertou a curiosidades de Xaime Varela. E comezou a tirar do fío. A primeira pista foi a familiar, pois Cruz Risco resultou ser a filla máis nova de Vicente Risco, nacida en 1943 cando o intelectual ourensán tiña xa 59 anos. Entrevistas con familiares e algunhas cartas e postais enviadas por Cruz Risco ao longo dos anos -conservadas na Fundación Vicente Risco- permitíronlle seguir o seu percorrido. "Pero non foi doado", destaca o investigador, que debulla unha pescuda que lle ía achegando unha información fragmentada sobre unha muller que se moveu moito.

En 1963 Cruz Risco ingresa na Escola Oficial de Xornalismo de Madrid e posteriormente fai prácticas e traballa nalgunha emisora de radio. Pero en 1968 marcha ao Reino Unido, onde estuda, viaxa e traballa nalgún restaurante ou de fotógrafa. En 1970 marcha a Francia, primeiro a Cannes, despois a París, e pouco despois comeza a estudar na Universidade de Vincennes (a Université Paris VIII, creada en 1971, xusto despois do movemento do maio do 68). Primeiro estuda Socioloxía e despois Dirección de Cine entre 1974 e 1979. 

Por que marchamos, un documental inédito (e desaparecido) sobre a emigración

En París coñece a outras tres estudantes de cine coas que forma Grupo 4 e filma o documental Por que marchamos, centrado na emigración galega

Alí coñece ás restantes integrantes de Grupo 4 e no verán de 1977 as catro mozas veñen a Galicia para gravar o documental Por que marchamos, que ademais foi o traballo de fin de carreira de Cruz Risco e dunha das súas compañeiras. O filme, de algo máis de media hora de duración, amosa como os galegos e galegas emigrados en Francia, ao volver a Galicia no verán, facían exhibición dunha riqueza que non tiñan, especialmente nas procesións relixiosas, que enchían de billetes. O documental presentábase con esta sinopse: "Os emigrantes fálannos da súa situación e das causas desta: caciquismo, igrexa, banca... Se volven a Galiza, que van atopar?".

O documental non se conserva. Xaime Varela buscouno sen descanso, ata agora sen sorte. Porén, si que deu cunha memoria que acompañaba o documental, e que as alumnas da universidade debían entregar como parte do traballo académico. Grazas a el podemos saber moito sobre o filme, mesmo sen velo. No traballo non consta a lingua predominante na filmación, pero podemos supor que se gravou principalmente en galego. Non só por ser o idioma habitual das persoas entrevistadas, senón porque o documental foi proxectado en varias ocasións en actividades organizadas co gallo do Día das Letras Galegas. Por exemplo, nun evento organizado pola Universidade de Santiago en 1979.

Cruz Risco, primeira pola dereita, nunha rodaxe nos anos 70 © Emilio Pérez Calviño

O documental, que se puido ver en 1979 en varios lugares de Galicia e que chegou a participar na Seminci de Valladolid, non se conserva

O filme participou en varios festivais de curtametraxes, en Bilbao ou en Huesca, e posteriormente participou posteriormente na Seminci de Valladolid en 1979. O documental tamén foi amosado nas aldeas nos que se realizara a rodaxe. No verán seguinte á gravación, Cruz Risco regresou aos mesmos lugares (por exemplo á Peroxa, en Ourense) para amosar á veciñanza o resultado das filmacións. Foron sesións que se levaron a cabo en condicións moi precarias, por exemplo proxectando o filme contra unha saba pendurada nun cortello. O traballo, encadrado no cinema directo e social propio da época, seguía tamén unha das máximas da escola de cine da universidades de Vincennes: "o cine ten que servir para darlle voz a quen non a ten".

 

Unha carreira no audiovisual intermitente e descoñecida

Cruz Risco participou como técnica de son en varias producións e tamén foi guionista, axudante de dirección e directora en varias outras

Non foi este o único traballo cinematrográfico de Cruz Risco. A ourensá traballou principalmente como sonidista en producións galegas e internacionais nas décadas dos 70 e 80, pero foi tamén guionista, axudante de dirección. Coñecemos o seu traballo como sonidista en Le musée fantôme (1974), de Jean Lassave e en Toque de queda (1978), un filme dirixido por Iñaki Núñez Rozados sobre as derradeiras execucións da ditadura franquista.

Toque de queda foi o seu primeiro traballo nun filme importante. Pouco despois desta gravación trasládase a Altea (Alacante), onde vive entre 1980 e 1986. Deses anos sabemos que deu clase de cine nalgúns institutos de secundaria e tamén temos constancia dalgúns traballos máis experimentais e videocreacións realizadas conxuntamente co artista valenciano Just Cuadrado (que curiosamente pasou os seus últimos anos en Galicia, falecendo en 2008 na localidade pontevedresa de Cerdedo).

Cruz Risco morre en 1992, moi nova, con só 49 anos

En 1986 Cruz Risco regresa a Ourense para coidar de dúas das súas tías, de idade avanzada. Nesta estadía, participa como sonidista no filme Río de sombras (1986), un traballo de 21 minutos dirixido por Daniel Domínguez a partir dun conto de Méndez Ferrín. Colabora tamén en Esperanza (1986), de Chano Piñeiro. 

Neses anos comeza a traballar tamén na hostalaría e mesmo abre cuns amigos un pub en Ourense. Intenta retomar, algún proxecto que non sae, escribe un guión para un filme que non sae. Porén, Cruz Risco morre en 1992, moi nova, con só 49 anos. Finou na súa casa en Noiteboa, mentres a súa familia a agardaba para cear. 

"Era unha muller moi culta, moi interesada pola arte, moi sedutora, moi atractiva intelectualmente. Era moi moderna, ademais, moderna no pensar e no vestir, moi adiantada ao seu tempo, moi rebelde. Era unha muller libre", resume Xaime Varela.

Cruz Risco, traballando como técnica de son na rodaxe de 'Vagabundos' (1989) © Emilio Pérez Calviño

Un traballo de recuperación pendente

"Era unha muller moi culta, moi interesada pola arte, moi sedutora, moi atractiva intelectualmente. Era moi moderna, ademais, moderna no pensar e no vestir, moi adiantada ao seu tempo, moi rebelde. Era unha muller libre", resume Xaime Varela

Ata hai uns días a figura e a obra de Cruz Risco eran completamente descoñecidas. Había apenas algunha referencia a Grupo 4  na tese de doutoramento Xan Gómez Viñas Do amateur ao militante: implicacións políticas e estéticas do cinema en formato no profesional na Galiza dos anos 70, presentada en 2015, e máis nalgún catálogo de producións audiovisuais.

A pasada semana Xaime Varela presentou no marco do Seminario de Comunicación e Xénero: Na Letra Pequena. As Mulleres nos Oficios do Cinema da Facultade de Ciencias da Comunicación a investigación A sonidista perdida: Cruz Risco e a recuperación de 'Por que marchamos' (1979). Un traballo que achega todas estas claves e que abre camiños para a recuperación dunha figura moi significativa nos inicios do audiovisual galego.

Cruz Risco forma parte dunha xeración de cineastas que participaron no renacemento da creación audiovisual en Galicia nos anos 70 do pasado século, con nomes coma os de Eloy Lozano, Carlos Piñeiro ou os dos intergrantes do Equipo Lupa, do Equipo Imaxe, do Grupo Enroba, ou os dos impulsores das Xornadas de Cine de Ourense. Entre eles practicamente non había mulleres (que saibamos ata agora), sobre todo nos labores de dirección e tamén no traballo técnico, como facía Cruz Risco especialmente como sonidista.

Ata agora Xaime Varela ten constancia de 15 traballos audiovisuais que Cruz Risco realizou ou nos que participou. Algúns deles pódense ver, doutros só ten referencias e están desaparecidos "Ten moita obra pequena que esperemos que algún día apareza", di

É, probablemente, a primeira directora de cine galega, pero ata agora non era nin sequera unha nota ao pé. A Xaime Varela resúltalle "sorprendente esta total invisibilización". "Para unha cineasta que tiñamos, ninguén sabía nada dela", engade. Varela ten pendente presentar o seu traballo na Fundación Vicente Risco e, ademais, vai seguir investigando para afondar na figura de Cruz Risco: "botei tantas redes en tantos sitios que algo continuarei, teño bastante material", di.

Ata agora ten constancia de 15 traballos audiovisuais que Cruz Risco realizou ou nos que participou. Algúns deles pódense ver, doutros só ten referencias e están desaparecidos. Entre eles, por exemplo, un realizado en Portugal en 1975, no marco da Revolución dos Caraveis e mesmo unha curta guionizada e dirixida por ela. "O problema é que Cruz Risco colaborou en moitos produtos de artistas que estaban comezando, marxinais... Pódese documentar moitos deles (por cartas, falando con persoas que estiveron nesas gravacións), pero non son moitos os que se poden ver ou atopar. Ten moita obra pequena que esperemos que algún día apareza", explica.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.